martes, 2 de agosto de 2011

Primeiro día

Castor, o avionciño
A escapada lisboeta comezou cun madrugón atroz, que só en parte e dificilmente poderían compensar as miñas arengas e apelos ao heroísmo: para voar ás oito da mañá cumpría que nos erguésemos cando menos ás 5.00, habida conta que necesitábamos unha hora para chegar ao aeroporto e dúas máis de antelación ao se tratar dun voo internacional.
Total para nada: o noso avión era diminuto, sen aeromozas nin máis aló dunha ducia de asentos, non todos ocupados, así que pasamos os controis policiais nun tempo record e esperamos o embarque vagando como zombis polas salas e corredores vacíos, cos ollos cheos de sono.
Aquel avión tan pequeno non lle gustou nada á señorita Kaplan; tampouco a min, ao mellor por lembrarme aquelas avionetas que nas vellas películas de Tarzán sempre se esnafraban na selva, cousa que non comentei por razóns obvias; por facer algo, púxenme a devorar os sandwiches de queixo plastificados que nos deran nunha caixiña de cartón, e que a nena se negou de plano a probar.
Unha hora e media despois, sentados nun bus ateigado de adolescentes nórdicos e equipaxes de variadas formas e tamaños, mentres a señorita Kaplan se resistía a retrasar unha hora o seu reloxio (total, por uns poucos días...), atravesábamos as barriadas aínda adormecidas baixo o sol recente. Pronto apareceron os primeiros lugares coñecidos, que corrían ao noso pasar tan grandes e nítidos como os recordaba: o Campo Grande, o predio da Biblioteca Nacional, Entrecampos, as preciosas mansións e palacetes modernistas da Avenida da República, o Campo Pequeno, os monumentos ao Duque de Saldanha e ao Marqués de Pombal... 
Vinte anos despois, estaba de novo a camiñar polas calzadas de Lisboa, primeiro baixo as sombras dos plátanos e as tilias da Avenida e, unha vez rexistrados no hotel e liberados das maletas, á volta das fontes do Rossio, pola Rua Augusta, xunto ao Cais das Colunas, baixo as arcadas do Terreiro do Paço; de cando en vez ralentizaba o paso, admirándome de ver agora a miña filla camiñando ao meu lado, moi atenta a todo o que ía vendo na mañá soleada e ventosa.


Arriba, o Obelisco de Restauradores; abaixo, unha das fontes do Rossio



Detalle do pedestal da columna de D.Pedro IV no Rossio; abaixo, o Terreiro do Paço desde o Cais

 

12 comentarios:

Xan dixo...

Fermosas imaxes. Vese que gozou das vacacións coa señorita Kaplan e agora toca a hora da nostalxia.
Saúdos

pinguim dixo...

Lindo!
Bem, eu sou suspeito, hehehe...

Jorge V. dixo...

Unhas imaxes moi fermosas, danlle a un ganas de marchar para Lisboa... Nunca fun alá, así que de facer o seguinte viaxe case estou pensando de ir alá :D

Por certo, creo que foras ti o que me recomendara ir a ver a National Gallery Portait, hoxe fun ver de novo a irmá maior da mesma e logo pasei por ali e a verdade é que está xenial!!! Grazas pola recomendación!

Peke dixo...

Lisboa é unha marabilla, e máis se se vai coa señorita Kaplan e non cunha parella agoniada por velo todo e non gozar de nada. En fin! Cousas do pasado.

Anónimo dixo...

Estou deseando facer convosco o resto do viaxe.
A foto da fonte ten unha coor moi fermosa.
biquiños,

Anónimo dixo...

a Anónima son eu, Aldabra.

paideleo dixo...

Supoño que non lle pasaría nada á señorita por non cambiar a hora. Eu lembro unha ocasión que tampouco a cambiei por un fin de semana en Porto e fomos ao cine unha hora antes !.
Gustáronme as fotos ( sobre todo a fonte ).
Xa podes seguir contando e ilustrando !.

Concha López Fernández dixo...

Polo que percibo, unha viaxe ben chea de experiencias, de luz e de imaxes que dificilmente se esquecen...

P.D.: O do avión a min tampouco me fai moita gracia...

zeltia dixo...

kaplan, hai 20 anos? como me gustaría que falara no próximo post algo do contraste daquela outra viaxe con esta... con esta coa señorita kaplan á súa beira, admirado do que a vida lle agasollou, non si?
e atopou moi cambiada Lisboa?

La queue bleue dixo...

Antes apaguei o comentário sem querer. Bom, querendo fazer 1 cousa que saiu mal. Dizia que pensar que andivemos quase ao mesmo tempo polos mesmos sítios, quem o diria. E que mira que andei a fixar-me a ver se via um quarentom (?) interessante com umha nena de 11, 12 (?) anos para convidar a 1 imperial, mas nada... ;-P
De resto, que tentei deixar um comentário em nom sei que post em que anunciavas o acontecemento mas que nom sei que erro passou que nom se publicou. E que, enfim, cousas da vida. :-)

Rabisco dixo...

É por tudo isto que eu gosto tanto de Lisboa!

Um abraço

http://www.rabiscosincertossaltoemceuaberto.blogspot.com/

Anónimo dixo...

Cães, gatos , hamsters , peixes , papagaios - que você prefere? Ou talvez o que os animais estranhos - cobras, crocodilos , lagartos , macacos ?