domingo, 7 de agosto de 2011

Lisboa adiante

O elevador de Santa Justa
O primeiro que fixemos a mañá da chegada, despois dos trámites no hotel e á vista de non termos o cuarto listo antes das dúas, foi ir a pé até a Baixa: na esplanada da Suíça tiramos as primeiras fotos do Rossio, a xente en movemento, atravesando a praza, as pombas revoando, as fontes, as columnas do Teatro de D. Maria baixo o sol matinal, o Carmo enriba.
A nena a aquela altura seguía sen almorzar, e así seguiría: afirmou solemnemente que só bebería auga porque tiña o estómago así así, e eu soltei amarras á vista do perigo; probando a miña bica cheia comprendín que mudara máis eu que o Rossio desde a esplanada, e xa non pedín outra. 
Despois fomos comprar o 7 Colinas, un billete válido para todos os transportes urbanos, que nos facilitou moito os desprazamentos pola cidade, bendito el, e empezamos a percorrer a cidade camiñando pola animadísima Rua Augusta até o Comercio mentres o avó Cebolleta que temos dentro teimaba por saír: nos meus tempos, o metro non baixaba do Rossio, pero agora sorpréndenme as novas liñas con estacións no Terreiro do Paço (aquí xa non se aparcan coches), Santa Apolónia (a de taxis que tería aforrado) e o Cais do Sodré, por non falar da profundísima do Chiado, onde non resta memoria do grande incendio: camiñábamos hai vinte anos entre predios queimados e negras paredes apuntaladas, sobre plataformas e pasaxes de ferro e madeira que salvaban rúas destruídas e socavadas, íalle agora contando á señorita Kaplan pola rúa Garrett, tendo atrás a fachada dos Armacéns Grandella, onde comezou todo, agora convertidos nun modernísimo centro comercial.
Na Brasileira, a foto con Pessoa marcou unha inflexión tras dúas decepcionantes visitas, probablemente agravadas pola falta de sono, pero o que vimos e o que esperábamos ver non se achegaron nin remotamente ao chegarmos ao Campo das Cebolas para render homenaxe a Saramago. Certo que a Casa dos Bicos está en restauro para a instalación da Fundação e toda a contorna sofre as consecuencias, pero os operarios deberían saber que ao pé da oliveira xunto á que verten as augas da obra e arruman contentores de lixo repousan as cinzas daquel para a preservación de cuxa memoria traballaban.
A segunda decepción da mañá foi o MUDE, en plena Rua Augusta, ao que entramos (teño que confesalo) porque a señorita Kaplan necesitaba con urxencia un retrete. Segundo explicaba o cartaz á entrada, o inmenso edificio que ocupa o Museu foi sede do BNU, e por vicisitudes económicas e burocráticas acabou abandonado, o que explica o aspecto devastado do interior: desmontados os teitos de escaiola, arrincadas as molduras e a boiserie das paredes, coas rozas para as conducións eléctricas á vista, o escenario non pode ser máis hostil; se a intención é que o entorno non distraia a atención do visitante, o que se logra é o contrario; e o inmenso mostrador de pedra negra, que cobreguea por toda a sala e se conservou intacto, fai pensar en todas as fortunas e miserias que sobre el e durante decenios se expuxeron moito antes que aqueles obxectos incongruentes e descontextualizados.
Así nos sentíamos nós, incongruentes e descontextualizados, antes de sentarmos nunha das casas de pasto dos Correieiros; molesta que os mozos saian á porta a pescar clientes, asaltándoo a un cos menús mentres, pero segue a ser unha rúa en que se come ben sen gastar moito. Só xantaríamos alí esta vez, pero saímos satisfeitos: a señorita Kaplan recuperou o pulso atacando un bacallau à Bras mentres eu, pouco amigo deste peixe, facía o propio coa carne à moda do Alentejo.


9 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

Sempre nos resulta moi complexo de entender como non pode gustar a outro o que tanto nos gusta a nos: Fíxoseme auga na boca pensando no bacallau á Bras que ti rexeitaches!
Vou ver se hai algo para manducar pola Chousa.

pinguim dixo...

Adoro este teu roteiro pela minha adorada Lisboa.

Noemí Pastor dixo...

Dentro de muy poquito pasaré yo por Lisboa. Ya te contaré.

mfc dixo...

Obrigado pela visita turística fantástica que me proporcionaste à minha (nossa) Lisboa!

Jorge V. dixo...

sería vostede un bo escritor de viaxes! A verdade é que lelo da ganas de visitar e coñecer eses sitios. No tocante as partes negativas do relato creo que os galegos algo deso moitas veces tamén temos...

Concha López Fernández dixo...

Tomarei boa nota de canto leo aquí, por se algún día vou a Lisboa. Esta é unha boa guía para ruar por esa cidade, moitísimo mellor ca as que se poden mecar por aí adiante.

Grazas por compartila.

X dixo...

Adoro o porco á alentejana, e un dos meus pratos preferidos ummm

Ra dixo...

Yo quiero...

(Páselo bien, ni que decir tiene)

zeltia dixo...

Eu deixara aquí algo referente ao incongruentes e descontextualizados que di vostede, que me gustou moito... pero debía estar tan fóra de contexto que xa nin saliu o comentario...