xoves, 25 de agosto de 2011

Pola Baixa Limia

E alí deixei a Haddock, disposto para outra intensa sesión de chat transatlántico, mentres eu baixo o orvallo poñía proa á Terra de Celanova. 
Tamén dalí, como predicaba tontamente P., tería que marchar no mellor, deixando a Ramallosa para o ano que vén porque ao día seguinte, en Delfos, había de recoller á señorita Kaplan para levala a Ithaca.
Teddy estivo como sempre á altura: tíñame preparado un completo menú de horizontes e ruínas que empezou despois do xantar, cando subindo ao Alto do Furriolo paramos á beira da estrada para que eu tirase fotos das fermosas vacas cachenas que ilustran este post; a admiración deste pobre urbanita diante das grandes cornas e o manso corricar das poderosas reses e os xatos espallados polo prado non desmereceu da que sentiu no zoo de Lisboa á vista dos elefantes e as xirafas, para gozo e diversión de Teddy.
Detivémonos no Furriolo, onde mantén viva a memoria dos fusilamentos un mural ao pé do cal se abre camiño á vida algún carballo novo, coma unha alegoría, e seguimos até a Baixa Limia: dirixímonos ao encoro das Cunchas, de moda agora por unha invasión de cianobacterias tóxicas que desaconsellan o baño e teñen orixe ao parecer nos puríns e o aquecemento da auga, como Teddy me ensina; pero non é para tomarmos un baño que imos aló, senón para visitarmos o xacemento de Aquis Querquennis, un campamento romano adormecido no tempo sobre cuxas ruínas escavadas e reconstruídas, pode que excesivamente, como para un peplum, xogan hoxe nenos, lanzan o fío os pescadores e pasean melancólicos visitantes.
Á entrada do recinto hai un centro de interpretación pouco interesante; está pensado para excursións escolares e nel expóñense paineis sobre a vida cotiá no campamento, reproducións de achados, e bonecos de romanos a tamaño natural xunto aos que Teddy e eu nos facemos ás agachadas unhas fotos un pouco gamberras antes de saírmos ao exterior.
A primeira vez que estiven aquí, pastoreando con Ilu e R. os nosos alumnos de Atenas, o local estaba pechado e todos pillamos unha boa molleira; por contra, a tarde hoxe é cálida azul, e permítenos sentar a latricar case dúas horiñas á beira do pantano, perdendo a vista no horizonte, onde empeza o Xurés.
Camiño de Celanova aínda paramos a visitar a fermosísima Santa Comba de Bande, humilde e compacta, coas súas pinturas inxenuas no altar, o sartego pétreo de San Trocado e as celosías de pedra. A fame que tíñamos despois de tanto gavear e tanto aire libre tentamos calmala roendo nunhas peras verdes dunha pereira que asomaba no muro do adro, pero eran acres e duras como as mesmas pedras da igrexa; tirando as últimas fotos da fonte da santa, na leira ao lado sentimos bear ovellas (aquí chamámoslles pericas, apuntou Teddy); nunha silveira xunto ao coche achamos amoras negras, gordas, deliciosas, que serían o aperitivo da gorentosa cea que nos agardaba, coma unha recompensa, ao chegarmos a Celanova. 

Aquis Querquennis



Santa Comba de Bande


11 comentarios:

zeltia dixo...

non para quieto, eh?
as vacas cachenas son impresionantes!, nunca as vin diante de min... mi madriña que medo dan!

Anónimo dixo...

¡vaia excursión mais chula!
miña bisvoa tambén lles chamaba ás ovellas, pericas.

biquiños,
Aldabra

mariajesusparadela dixo...

Cando teña ganas de ver vacas e bois raza pura faga favor de vir a Coles. Temos nesta terra un pazo dedicado á xenética e o mantemento das razas autóctonas.
Xa sei que o que lle tira é Celanova, que penso que xa o pasado ano, niste tempo falou algo deso.

susana moo dixo...

Pericas, qué bo!
E a palabra gorentosa encántame.
E digo como Zeltia: non para!

Rabisco dixo...

Muito bonito y imagens lindas!

Abraço

http://rabiscosincertossaltoemceuaberto.blogspot.com/

mfc dixo...

A ideia de viagem é um estado de espírito que me faz sorrir!
Gostava de ir até aí para me mostrares essas coisas lindas.

paideleo dixo...

Cantas cousas temos cerca, verdade ?.
Eu teño un coñecido con cachenas. É veterinario e a súa paixón son esas vacas e tenas case por vicio.
Tamén por estas terras se chaman pericas ás ovellas, sobre todo novas e pericos son, perdoando, as deposicións dos cabalos.

Concha López Fernández dixo...

Aquí, na miña terra xa ninguén ten cachenas. Tan sequera ten vacas. Terei que volver logo ás Terras de Celanova para velas e, de paso, dar outra volta (a enésima) por eses lugares que describe, pois para min teñen gardadas moitas lembranzas de cando era estudante.

Xan dixo...

Por esas terras de Celanova estiven un 26 de Xullo, logo dunha festa na Carballeira de Santa Susana. A súa entrada lévome a aqueles tempos

Peke dixo...

Había moito tempo que non vía o xacemento. Eu pastoreei alumnos alí cando aínda o estaban reconstruíndo.

pinguim dixo...

Realmente o Minho e a Galiza são quase uma única realidade física e até humana.