martes, 9 de agosto de 2011

Belém

Desde a Torre de Belém
O segundo día, que foi o da Gulbenkian, descubrimos xa as vantaxes de xantar nas cantinas dos museos, moi razoables no económico e no culinario, e sen grandes amoreamentos de xente.
Todas ofrecían ademais a posibilidade dun xardín en que repousar despois da manduca, como contei xa aquí que fixemos, ou tiñan próximas outras exposicións e lugares que nos interesaban, como sucedeu o terceiro día, tras xantar no Centro Cultural de Belém, e por partida dobre: recuperando forzas tras a angustiosa exploración da Torre e como paso previo á visita aos Jerónimos.
Cansos pero emocionados pola beleza do claustro e a igrexa (estraña memoria miña, que gardaba mil pormenores do mosteiro, do refeitorio ás tumbas reais apousentadas sobre elefantes no altar maior, pero esquecera logo a sombría sala capitular coa tumba de A. Herculano), cumpriunos aínda un descanso con xelados na esplanada da cafetaría onde xantáramos, antes da nova visita, esta vez á interesantísima Colecção Berardo de arte contemporánea internacional, e a algunha outra exposición temporal elaborada co que parecían materiais de desguace e lixo que a nós, tan convencionais, non nos gustou nadiña.
Sentadiños ao sol como lagartos, estivemos aínda xunto ao Padrão dos Descubrimentos, esa mole kitch e desmesurada, vendo grupos de adolescentes competiren por acadar a base das figuras antes de o vixiante dar conta deles, pero o vento acabou por nos convencer de que voltásemos.
Regresamos de Belém no eléctrico até o Cais do Sodré, onde remexemos e até fixemos gasto nun posto de libros de ocasión antes de apañar o metro, e dalí ao Rossio, a facer balance outra vez na esplanada da Suíça, un dos lugares da cidade que máis gustan á señorita Kaplan.

Padrão dos Descubrimentos
Pormenor das bóvedas da igrexa dos Jerónimos desde o coro
Coro
Clasutro dos Jerónimos


9 comentarios:

zeltia dixo...

as cantinas dos museos! pois nunca o pensara...

admirable a súa forza de vontade agardando nas colas ao sol despois da desagradable experiencia nas escaleiras da Torre de Belem...
Eu cando estivera, convencíaseme facilmente de abandonar as colas e perderme polas rúas e as terrazas

Peke dixo...

E á señorita Kaplan, cos seus minúsculos once anos, interésanlle de verdade as vellas pedras e os vellos cadros e os vellos edificios?

mfc dixo...

Mais um passeio lindo por esta lisboa e com fotos explêndidas!

Chousa da Alcandra dixo...

Eu tamén confeso a miña preocupación (non tanto como iso, que se comeu bacallau...) pola señorita Kaplan; pero hoxe veño amosar a intriga pola intensa elaboración dos links en cada posteo. Impresionante que todos leven a algures! (cousa que non se pode dicir de todos os camiños que fai a Deputación). Saúde

pinguim dixo...

Visitaste os jardins da Gulbenkian????

mariajesusparadela dixo...

canta marabilla xunta, señor Kaplan...pero tamén se me fai un pouco pesado para a nena.

Jorge V. dixo...

Unhas fotos caralludas :D O que eu digo, debería pensar e ser escritor de viaxes !

Magdalena Malungo dixo...

Qué ganiñas de voltar a Lisboa! A última vez foi por casualidade en decembro do 2006. Perdimos o avión de enlace e tivemos que quedar durmir unha noite. Emocionaba a decoración do Nadal e os postos de castañas na rúa... Qué linda! Qué envexa me das! O que non viu Lisboa, non viu cousa boa! :-)

Raposo dixo...

Andiven por Lisboa e Belem a primeiros de agosto: una cidade encantadora!!