luns, 11 de xullo de 2011

Portomarín (porfín)

O orballo destes días non acabará nin moito menos coa seca pertinaz; como moito, serviu para refrescar algo os campos e apagar algún incendio nos montes.
Esta mesma seca, da que case ninguén fala pero que se fai evidente a pouco que un poña atención, é a que bebeu as augas do Miño en Belesar até deixar ben á vista as ruínas da vella vila de Portomarín, habitualmente mergulladas polo encoro.
Como lembrarán os que seguen as miñas peripecias por Ithaca e fóra dela, o terceiro fin de semana de Xuño pasado escapei con Polis a Portomarín; eu por fobia ao feirón romanoide, el por atenuar a resaca logo de trinta e seis horas vestido de castrexo.


Despois de deixar o batmóbil á sombra na entrada da nova ponte, baixamos até a vella para atravesar o río ao abeiro dos xigantescos piares e camiñar polo malecón baixo o sol de xustiza, enterrando os pés no pó finísimo do camiño xunto ao cal se erguen muros parcialmente derrubados e sen grandeza, abafados pola grama que nos chega ao peito nalgunhas zonas, e sufrindo máis ou menos pacientemente os ataques de sanguinarios mosquitos kamikazes.

O río segue a ser fermoso, moito máis que cando o encoro se enche e engole os restos da ponte medieval destruída por unha enchente, a decimonónica que vimos de percorrer a pé, os malecóns en ambas beiras e as pesqueiras onde noutrora se capturaban anguías e lampreas.



A excursión acabou con nós, derreados e suorentos, repoñendo forzas nunha terraza dese parque temático xacobeo en que se converteu o Portomarín actual: rodeados de peregrinos de todas as cores, formas e sexos, e á sombra románica da igrexa-castelo de San Nicolás, que trasladaron pedra a pedra desde a ubicación orixinal como testemuñan os blocos puídos e aínda numerados, engulimos empanada e calamares á romana como se faltase unha hora para o fin do mundo.
Nas altas almeas, por riba da ábsida, unha parella de cegoñas reparaba o niño.

11 comentarios:

X dixo...

Mirando a segunda foto case un pode oír os mosquitos sanguinarios. Esa foto e a seguinte son estupendas.
Así me gusta, que pague as débedas pendentes.
Saúdos.

pinguim dixo...

É bom ver o rio Minho do lado de lá da fronteira.

mariajesusparadela dixo...

E que nunca se sabe se só falta unha hora ou imos ser vellos algún día ( e dígoo eu...)

Anónimo dixo...

as fotos de Portomarín son fermosas, eu tamén fixen escala alí cando fixen o meu Camiño de Santiago... son moi típica... je je

noraboa polo teu ordenador novo... seguro que estarás encantado... faime moita gracia os adxetivos que se empregan para as cousas, ¿verdade? o de ordenador intuitivo deixoume de pedra... je je... temos tendencia a humanizar as cousas coas que convivimos... lóxico por outra parte...

do de Facundo non me enterei, é que estes días ando desconectadiña de todo...

entre nosoutros, eu non roubei o códice... por non saber, nin sabía da súa existencia.

biquiños,
Aldabra

Peke dixo...

Fermosas fotos e fermoso texto.

paideleo dixo...

Gústanme as ruinas pola forza que dan á miña imaxinación.
Eu como Aldabra; non roubei o Códice anque algo sabía del.

Sigrid de Thule dixo...

Pásame a min coma ó Paideleo: as ruinas gústanme polo reto que fan a imaxinación de quen as contempla. Vexo que as vacacións son boas, ben!

susana moo dixo...

Cadaquén ao seu. As cegoñas co noño, os peregrinos ao santo, e vos aos calamares.
Bonito dia, bonitas imaxes.

Chousa da Alcandra dixo...

Teño moi perto Portomarín. Tanto xeográfica como anímicamente; así que alédame que vos acougase aos dous.

Apertas

zeltia dixo...

O meu paseo coas palabras e fotos súas, foi moito máis descansado

:-)

mfc dixo...

As nossas terras são lindas!
Obrigado pelo passeio.