domingo, 3 de xullo de 2011

Biopsia

A miña involuntaria vocación de chófer está a facer de min un asiduo do HULA, o flamante e enorme hospital, que á forza de visitas xa me vai parecendo igual de enorme pero menos flamante. Cando non levo a meus pais a visitar a tía O., record absoluto de ingresos, é que os levo a eles a faceren probas e recoñecementos que nos fan explorar os corredores, salas de espera e módulos polos catro puntos cardinais do labirinto.
A última visita foi Venres, para levar a meu pai a que lle fixesen unha biopsia de próstata; na sala había outros cinco ou seis octoxenarios á espera, o que animou un pouco a meu pai, que non as tiña todas consigo e desde hai días facía de tripas corazón cando non propuña directamente non ir: total, para que despois lle digan que non ten nada, porque el está estupendamente e esas probas son para vellos que van cen veces por día ao váter.
Seguramente ten razón, porque con 83 anos nunca estivo enfermo: nin unha gripe, nin unha caries, nin a tensión alta, nin un condenado virus que o tivese tres días na cama; tan só toma unhas pastillas porque disque hai trinta anos ten un pouco alto o colesterol.   
A enfermeira dixo que sangraría un pouco, e que o levásemos a urxencias se lle subía a febre, cousa que non sucedeu. Para a miña sorpresa, volvendo para a casa descubrín que seguen sen ter termómetro; miña mai, desde o asento de atrás, afirmou toda convencida que sempre soubo cando tíñamos febre, que os de mercurio eran tóxicos e os dixitais non eran de fiar.
Se notas que tes febre, avisas, díxenlle entón a meu pai; pero ao ollar para el decateime: tampouco sabía o que se sente cando un ten febre porque nunca tivo febre, e tivemos que explicarllo.

8 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Qué sorte...¿vostede ten esa herdanza?

paideleo dixo...

Vaia !. Xa non hai xente como esa; dura coma ferrotes.

zeltia dixo...

quedo abraiada_! de que mala calidade somos na miña familia! (a octoxenarios xa chegaron poucos een malas condicións)
ogallá que vostede herdara eses xenes.

Magdalena Malungo dixo...

Flipo! Tremendo hospital!!!!
A miña avoa ten 87 anos e agora queixase porque doenlle as cervicais que calma cun só paracetamol diario. E eu xa chea de achaques!!! Ogallá sigan e sigamos desfrutando deles por moitos anos... e ogallá herdemos só un chisco desa saúde. ;-)
Obrigada polos aloumiños! Máis para ti e o teu pai.

peke dixo...

:)

Anónimo dixo...

teu pai é afortunado, ogallá que ti corras a misma sorte que él.

na miña familia somos máis de durar as mulleres, hai moitas viuvas.

biquiños,
Aldabra

mfc dixo...

Toca a herdar essa boa saúde!
Herda-a a em vida do teu pai que ele não se importa!!

Concha López Fernández dixo...

Hai persoas que nos enchen de asombro coa súa fortaleza!

Un saúdo.