luns, 27 de xuño de 2011

Explicación

Como aquel alcalde de Villar del Río, tamén eu vos debo unha explicación pola miña ausencia de todos estes días, tanto neste blog como nos comentarios dos vosos, e esa explicación que vos debo vóuvola pagar: O meu sufrido portátil colapsou ou algo a semana pasada e entrou nun estado de inactividade moi semellante á morte do que non o dan sacado nin ameazas nin súpricas.
Como quen ten unha irmá ten un tesouro, desde esta mañá podo polo menos conectarme á Rede e resolver a papelame que trae aparellada o final do curso (memoria, follas de cálculo, exames de setembro, listaxes de suspensos e aprobados e outras farragosas inutilidades); o que miña irmá me deixou para saír do atranco é un portátil deses pequeniños, como de xoguete, no que hai que teclear con pericia de ourive e moita paciencia, e que terei que devolverlle o antes posible.
Nuns días saberei se o pobre ordenador ten cura ou se, como parece, seguirá no seu coma interminable e, sen ningunha ganiña pola miña parte, me cumprirá substituílo por un novo que probablemente non me durará outros seis anos e medio.  

11 comentarios:

mfc dixo...

Já fiquei sem as minhas fotos e textos!!!
Agora faço cópias de segurança!

mariajesusparadela dixo...

Ten que ter en conta que xa está amortizado...seis anos e medio son moitos anos, señor Kaplan.

zeltia dixo...

homeeee, seis anos e medio xa madia leva!

Cambiou de coche, cambie de ordenador, ho

Bolboreteira dixo...

Hai necesidade dun relevo o pobre portatil xa bastante cumpriu.
Esperamos resolución da situación e sempre esperamos por as túas entradas.
bicos!!

Concha López Fernández dixo...

Ás veces a estes aparellos dálles por descansar e non hai quen os arranque. O meu sofriu algo así o ano pasado e logo de dúas semanas na UCI e un repouso doutra máis, agora vai tirando!

susana moo dixo...

Ainchs, cómo fastidia. O outro día vin un documental sobre a obssolescencia programada. Arrepíame pensar que fan os aparellos adrede de curta duración para que merquemos un novo ao pouco tempo. Namentras montañas de cacharros destartalados contaminan ( áfrica especialmente porque alí mandamos os defeitos) grrrr, qué mundo este!

Chousa da Alcandra dixo...

Pois eu debín estar mirando o mesmo documental que Susana, que cando avanzaba na lectura da entrada axiña pensei nesa obsolescencia premeditada e alevosa.
Sexa como fose, hoxe por hoxe, un ordenador de seis anos é un xubilado mecánico (vale, coa reforma actual, ponlle que debía durar outros quince días...)

Vai aprobando partida orzamentaria.

Sun Iou Miou dixo...

Polo ton tranquilo, vexo que non se lle perdeu nada no ordenador, o que quere dicir que é vostede previsor. Alégrome. Claro que tamén pode ser que non tivese nada que perder. (E nese caso, debo alegrarme?)

JorgeCimadeVila dixo...

A obsolescencia programada :D Recórdame ao meu nokia con permanencia de dous anos que toleu aos nove meses... En fin, que sería de nós hoxe sen tecnoloxía!

Peke dixo...

Home, o pobre xa cumpriu, dados os tempos que corren.

Anónimo dixo...

chegoulle a súa hora o pobriño ordenador, que tantos traballos aforrouche e que tantas alegrías che deu.

seguro que te sintes como orfo... ten paciencia, anda.

biquiños,
Aldabra