luns, 7 de febreiro de 2011

De Luns


Xuro que houbo un tempo en que podía comer, fumar e tomar copas até a madrugada, que digo a madrugada, até o día asomar polo horizonte, e logo cunha simple ducha e un café bebido ir para o traballo tan campante. Asumo que os corpos cambian, pero o meu corpo xa nin parece que sexa o meu corpo.
A tal conclusión cheguei despois de custarme a semana pasada polo menos dous días recuperar o statu quo anterior á festa de anos de Polis, na que volveron estar a procuradora dos tribunais, o pediatra, o funcionario de xustiza con moita pluma, o perruqueiro en paro que agora xa ten traballo, toneladas de comida de catering, oceanos de alcol, unha torta riquísima, daquela  cun 46 desafiante chantado no centro, e un home cun traxe mil raias que resultou ser, porfín, el.
Desta vez fixen pleno co meu agasallo, o que non ten mérito porque ademais de falarmos de popas o outro día tamén falei con Polis de certo pack recompilatorio das pelis, quinquis e setentonas, de El Torete; totalmente de acordo que non é Ingmar Bergman, pero ao homenaxeado gustoulle polo menos tanto coma o barco embotellado, os discos de chill out, o camisón de flanela ou a cocteleira de aceiro que non descansou en toda a noite.
Este noivo de Polis, que  fala castelán ao primeiro descoido e ten certa tendencia á alopecia, é un torreón algo pasado de kilos que impón un pouco enfundado nun traxe mil raias, como de gangster; que Polis só me dixese que leva os asuntos da familia desde que lle morreu o pai deulle ao principio unha auréola como de Corleone ou Soprano, pero descarteino ao escoitarlle falar durante a cea do que subiron as flores importadas de Túnez, da competencia desleal no negocio das ambulancias, e da marxe de beneficio que deixa unha incineración a un tanatorio de tamaño pequeno.
Parece case de serie televisiva, pero efectivamente, aquelas mans pesadas, enormes e coloradas que agarran botellas de viño, que ofrecen pratas de gambas e xamón aos comensais, que se me pousan no ombro e no brazo a cada pouco, e que tras a cea nos ofrecerán unha e outra vez copas de vodka con limón, dirixen un negocio tan familiar coma o dos Fisher pero máis sólido e nun concello de aquí ao lado; se esas mans tocan algo máis achegado á morte que facturas e pólizas funerarias antes de o tocaren a el, ese é un asunto que polo visto a Polis preocupa bastante pouco.
Que como se coñeceron?
Pois non sei en que estaría eu pensando cando alguén, creo que a procuradora, fixo a pregunta: No Ikea, respondeu Polis, erguendo a copa para brindar co amigo Fisher; no váter de homes do Ikea.

9 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

Cada día poñen a mercancía en sitios máis raros no Ikea.
Empezo a collerlle o sentido ó anuncio...

Saúdos

zeltia dixo...

Sustituimos lógho a Encantado por o home do traxe mil raias;
pero a tarta que a siga mercando Polis no mesmo sitio!

Ligar na sección de colchóns de Ikea ainda ten o seu romanticismo, pero no water, menos. Iso sí, faina a unha pensar en pasións abrasadoras!

Vexo que o pasou moi ben, e se lle leva dous dias recuperarse... o caso é podelo facer! :-)

xenevra dixo...

Teño pendente unha visita ao "i que hà" da Coruña para mirar un moble deses convertíbeis. Se cadra veño con algo máis ca os mobles ;)
(Xa tiña ganas de volver)

Ra dixo...

;D

Sun Iou Miou dixo...

Pensei que ía dicir que fora no departamento de cadaleitos do Ikea, eu sempre tan ben pensada. E como nunca fun ao tal templo do moble a cachos, visto o que se pesca nos váteres (fóra bacterias, como en todos) case estou pensando en dar uma pasada polo de Matosinhos, a ver, se me cae en sorte outro deses en versión hetero. Claro que... os váteres non serán mixtos, ou? Alá foi o que a Sun Iou Miou fiou...

mariajesusparadela dixo...

Manda truco co Ikea, especialistas en todalascousas.

Concha López Fernández dixo...

Calquera sitio é bo para coñecer xente, pero o do váter de homes doIKEA xa é moito!
JAJAJA!

Saúdos.

Xan dixo...

Coñecerse no retrete de Ikea xa ten o seu aquel.
Ten que adestrar máis para resistir os embates do alcol e da esmorga

Raposo dixo...

O das dificultades para recuperarse dos excesos alochólicos pásanos a moitos. Si eu lle contara...!!!