domingo, 31 de outubro de 2010

De papistas e papas

Estiven un pouco liado e por iso non dei feito o post correspondente: como se sabe, unha imprenta non dá entregado os exemplares impresos da revista Retranca alegando escrúpulos de conciencia ao se atacar nela ao Papa pola súa inevitable visita.
O asunto é patético pero hai algo de luz na fétida cloaca: polo menos non se trata de censura oficial (felizmente, pero cómpre non baixar a garda, que neste país noso xa se sabe) senón dos supostos escrúpulos da imprenta.
Sen que dea para tirar foguetes, a historia acabará ben: a revista está a imprimírse noutra imprenta e sairá á rúa segundo o previsto; a publicidade que se lle fixo é impagable; a campaña contra a visita do B-XVI aumentou folgos; e por último, xa que nos contratos mercantís, se non estou errado, non valen obxeccións de conciencia, sempre se poden reclamar danos e prexuízos á imprenta hipócrito-catolicona, de xeito que lle saia a torta un pan.

sábado, 30 de outubro de 2010

Centenario

Tal día como hoxe Miguel Hernández cumpriría cen anos; como era de esperar, uns, e principalmente outros, andan ás voltas para achegar a figura inmensa do poeta ao sol que mellor quenta, camuflando con homenaxes e palabras grandes a inxustiza da súa condena a morte, despois conmutada pola cadea perpetua cando o poeta xa estaba gravemente enfermo.
Para recordalo traemos hoxe aquí as Nanas da Cebola na voz de Joan Manuel Serrat; a historia é coñecida: escribiunas o poeta en prisión para o seu fillo, despois de ler unha carta da súa muller en que lle dicía que só se alimentaba de cebolas e pan.
Non coñezo nada máis conmovedor nin máis tráxico: pai, mai e fillo convértense en símbolo da miseria que ilustran as imaxes, e da que como sempre sucede foron os nenos as principais vítimas.

xoves, 28 de outubro de 2010

Detectives

Normalmente non releo: hai demasiados peixes no mar e a vida é breve.
Pero a semana pasada, a emisión dun documental sobre o imprescindible Roberto Bolaño que coincidiu co final dun mal libro doutra presunta raíña sueca da novela negra, catrocentas fétidas páxinas que significativamente avalaban revistas como AR e Yodona, mudou a norma.
Que me fixo levar da Biblioteca Pública tal fraude para a casa é algo que me terei que facer mirar, desde logo, pero cando andaba á procura dalgún remedio con que tirar da boca o mal sabor da cousa sueca, o documental da tele deume a idea de reler Los detectives salvajes (hai moito menos que lin 2666, como xa contei aquí), e poñerme de novo a buscar ombro con ombro cos real-visceralistas a Cesárea Tinajero polo deserto de Sonora.
Agora desde Ithaca como hai once anos e medio, no Verán do ano en que casamos, a busquei desde os parques e biergärten de Munich, de Ratisbona e Würzburg, e desde as salas de espera do aeroporto de Frankfurt mentres agardábamos o noso voo.

domingo, 24 de outubro de 2010

Prematuro


Dando voltas por aí atopei esta felicitación de Natal cun significado especial para os pais de nenos con tanta curiosidade por ver o mundo que, coma a señorita Kaplan, viñeron a el antes de tempo.
O texto case ilexible que figura enriba, á dereita, di: Cada ano, a Unidade de Prematuros do Hospital Edith Cavell envía postais aos outros departamentos, así como a algúns ex pacientes. Este ano enviaron a postal a mediados de Outubro. Cando a abras verás a mensaxe:

É un pouco prematuro, pero Feliz Nadal.

xoves, 21 de outubro de 2010

Non á visita papal


Eu non desexo que veña, e moito menos de gorra (ou de mitra, neste caso) cos meus impostos, que en tempos coma estes deberían destinarse a cousas máis útiles e solidarias.
Se ti tampouco estás de acordo, podes asinar aquí contra esta visita indesexable, innecesaria e gorrona.

sábado, 16 de outubro de 2010

Bolboretas

O Martes pasado, que era último día do Sanfro e festivo, foi o que elixiu Teddy para xantarmos na grella proletaria de sempre, a do polígono. Cando chegamos no seu coche vímola pechada, como eu supuña: nun día así o polígono é un ermo; obreiros e camioneiros están de festa, comen o polbo coa familia e pasean entre barracas e vendedores de bolsos e falsos calzóns de marca.
Só con esforzo dei convencido a Teddy de que non atoparíamos onde comer nin onde deixar o coche, e que o mellor ía ser tirar para o centro comercial, alí ao pé, onde case había máis persoal que clientes.
Axiña comprendín, esperando polos gorentosos ravioli en mollo de améndoas que demoraron unha eternidade, que o xantar era unha trampa: Teddy, encantado de terse coñecido e seguro de que eu non podía fuxir, disertou máis de dúas horas sobre o seu periplo estival polas paisaxes e paisanaxes de Cataluña. Para cando empecei a decatarme de que Deni non saía naquela peli, Teddy xa falaba a cada pouco de bolboretas na barriga e ansias de respirar mentres debullaba vibrantes encontros sexuais en dunas, apartamentos e até na cabina dun tráiler con rodas da altura de homes, o soño porfín cumprido.
Odieino cordialmente entre grolos de cervexa, anacos de feta e inútiles intentos de meter, aínda que fose de esguello, algunha noticia da miña existencia.
Catro días máis tarde, cando xa eu me estaba a preguntar polos efectos que acabaría tendo no planeta semellante aletexar abdominal de bolboretas, Teddy aínda imprimía metáforas pero o tema ocupou sensiblemente menos espazo: o que demorou Deni en voltar do wc no bar falsamente antigo onde os tres matamos a tarde do Sábado; pareceume pillar daquela que Teddy tanteara a Deni e que non houbera escena, que están dispostos a se daren un descanso ou algo, por ver está en que condicións ou como porque case non pillei o que Teddy me bisbaba, no balbordo do local que interfire as palabras, moi pendente eu do que sucedía por riba do seu ombro, se Deni voltaba ou non do wc para recomezarmos coas chorradas, do cine de serie B ás españoladas de cando o destape
Outra parella que naufraga, outro dejà vu.
Aínda tomamos unhas cañas alí ao lado, pola praza, falando de política lingüística e de Dexter, mentres Deni atendía ao fútbol da tele coma un autista, ou berraba entusiasmado cos paisanos se había gol.
Fóra, a noite caía, moi lentamente.

Dexter

O meu novo acompañante das tardes chámase Morgan, Dexter Morgan; é psicópata forense e ten unha voz que, tras catro capítulos, aínda me segue a facer nós no estómago.
A primeira dificultade, pasar páxina, está vencida: había que esquecer a David Fisher, gay, brandiño e pusilánime, e afrontar este novo cabaleiro, frío, asexual e sen sentimentos.
A segunda dificultade, técnica, non ten remedio: como vexo a serie on line e non teño pensado gastar un euro, acabáronse a sobrealimentación, o abarrote de episodios, as madrugadas na butaca.

xoves, 14 de outubro de 2010

Esquelas

Ultimamente é como se a serie seguise, capítulo a capítulo, así que non deixo de ver mortos coñecidos nos xornais.
Algúns, os que  son famosos, admiradosentrañables,  aparecen nas primeiras páxinas de todos os xornais; outros aparecen só nas esquelas do xornal en que sempre se publicaron as esquelas da miña propia familia: son mortos grises e discretos que unha vez coñecín: o director un pouco xornas dun dos primeiros institutos en que traballei, e que non deu desfrutado da xubilación, ou aquela terrorífica mestra da miña irmá, que morreu case centenaria.
A miña irmá e Chicles no Pelo, que tamén a sufriu, coincidiron ao labrárenlle o epitafio: ninguén en xeracións e xeracións de alumnas súas botará aquela bruxa de menos.

luns, 11 de outubro de 2010

Historia


Vin a semana pasada na prensa que os alumnos británicos consideraban que Buzz Lightyear, o máis valente astronauta dos debuxos animados, foi o primeiro home que pisou a superficie lunar.
Tamén vin a semana pasada, pero en directo, como unha aula enteira de 2º de ESO non sabía dicir nada sobre Napoleón, salvo un, a quen lle parecía que fora presidente dos Estados Unidos, e outro que o remachou coa lapidaria frase de hai moitos séculos.

xoves, 7 de outubro de 2010

Vida nova

Chamo a Haddock para que me confirme se veñen ao Sanfro como tíñamos falado en Agosto; dime que non, porque cambia de casa e vai aproveitar a ponte para facer a mudanza, e cóntame que o novo piso está moi perto do outro, que ten dous dormitorios e un salón, e que lle vai mellor porque ao ser máis pequeno non terá tanto que limpar nin haberá cuartos pechados, que a casa é vella pero está renovada, que os azulexos e sanitarios non son dos peores, que ademais, agora que empeza vida nova, é un bon momento tamén para cambiar de tobo.
Cando lle pregunto que quere dicir con iso de vida nova, que que foi o que me perdín este último mes, case non me sorprende que Haddock me diga que volve estar só, que non ten can que lle ladre, que a ruptura, reitcente e desganada, se disolveu nunha serie de chamadas e sms sen xeito, que para estar como estaban prefire estar así, e nese plan.
Onte a miña mai preguntou se viría Haddock esta finde ou se estariamos sós a nena e eu; primeiro díxenlle que Haddock estaba de mudanza e que non viría; despois, que rompera coa noiva. Daquela, a miña mai desenterrou a súa teoría favorita como se a recuperase do fondo dun pozo; aínda ha de volver coa outra, dixo, ti dálle tempo.

sábado, 2 de outubro de 2010

De espellos e reloxios

Un par de semanas despois de entraren na residencia, as tías están en pleno proceso de aclimatación ao novo medio, no que hai de todo como en botica, din referíndose aos outros residentes, pero onde sobresae sen dúbida a comida, que é excelente.
Por contra, a liquidación do vello piso vai tan lenta que Outubro empezou sen entregaren as chaves á caseira; o outro día voltamos, receei que por máis roupa pero non: fomos polos edredóns para as camas delas, e polos catro cadros con que decorarán a antecámara do dormitorio na residencia, alí onde reciben as visitas á volta dunha mesa camilla.
O vello piso tornouse alleo e xa non é acolledor (cheiran os canos en desuso, as plantas esmorecen sen rega, o pó nos mobles e os cercos  nas paredes delatan as cousas que faltan), e as tías móvense polos cuartos como se nunca tivesen vivido alí, fóra sentimentalismos.
Acabou a fase das devolucións e entramos na dos agasallos, disque: cando acabaron de escoller os cadros de paisaxes ben bucólicas, cando xa edredóns e coxíns agardaban no coche, cando xa pensaba que nos íamos, as tías empeñáronse en que me querían dar algo, un recordo de cada unha, e sinalaron para eu levar o suntuoso espello de bronce da sala e o reloxio de sobremesa.
Nin souben que dicir: dubidei máis por non saber onde poñelos (non por feos, que non son, aínda que no meu tobo non hai nada tan barroco e tan brillante) que polo que aceptarlles o agasallo tiña en si de herdo ou pagamento.
Teimaron as tías, meu pai insistiu, e finalmente aí están, puras alegorías de contos orientais ou non, como o botín dun saqueo, dun naufraxio, dunha poxa, dunha heranza, tamén eles aclimatándose ao novo entorno e agardando destino, porque nin sequera estou seguro de que vaia ficar con eles, misturalos coas miñas cousas.
Nada como os espellos e os reloxios para representaren o paso do tempo, pero a min estes danme un puntiño de pena cando os miro.