martes, 28 de setembro de 2010

Vou ir á folga...


...porque non me parece xusto que sexan os pensionistas, os desempregados e os traballadores os únicos que paguen unha crise que non causaron.

...porque estou convencido de que o noso Goberno e o seu Presidente non teñen nin idea de como sacarnos dunha situación na que desde logo non nos meteron, pero que toleraron até que estalou e os pillou máis ocupados en negala que en reaccionar contra ela.

...porque é inadmisible que desde agora coa reforma laboral recén aprobada por un Goberno que se chama socialista se facilite e abarate o despedimento dos traballadores tan só porque o patrón prevé que a empresa pode ter perdas.

...porque ningún dos causantes da crise que nos puxo a vida boca abaixo, por moito que se enriquecese especulando, pagou nin vai pagar nunca a súa responsabilidade, mentres con cartos públicos se subvencionou e socorreu os bancos e xestores dos fondos que case nos levan á ruína.

...porque me sinto decepcionado por un Goberno perdido entre cambios e bandazos, máis pendente da cosmética política e mediática que de levar adiante unha verdadeira política de esquerdas e de profundización no laicismo do Estado e os dereitos civís.

...porque me repugna ver como os partidos políticos impiden a verdadeira participación cidadá nas institucións públicas, frecuentemente lixados pola corrupción e centrados sempre en obteren maiores parcelas de poder e recursos. Isto, no caso do principal partido da dereita, chega a niveis de desvergoña insultantes.

...porque, aínda que estou farto de ver como os sindicatos hai anos que só reclaman subas salariais, temo que o fracaso da folga que convocaron nos deixe aos traballadores sen defensa diante do que está por vir.

...porque por primeira vez en décadas as previsións indican que as expectativas da xeración dos fillos poden ser peores que as dos seus pais, e porque eu me resisto a deixarlle á miña filla un país hipotecado e doente despois de que ineptos e aproveitados fixesen o imposible por liquidar o Estado de benestar que soñábamos.

...porque teño dereito a ir á folga e porque podo exercelo, e así o farei tamén en nome dos que igual non o poden exercer.

Por todo iso eu irei á folga o día 29. Motivos sobran.

xoves, 23 de setembro de 2010

Premio



Que ben senta recibir un premio!
Paideleo, coa súa habitual amabilidade, acordou concederlle a este blogo o premio "Vale a pena ficar de olho nesse blog".
Despois de lle agradecer o premio e de confesarlle que tamén eu apeto coa honra que me fai, paso a distiguir outros dez blogos que, ao meu criterio, tamén o merezan, e eses son: Estasme falando a min?, Paradela de Coles, Selva de Esmelle, Erotómana, Cómputo de fantasmas, Congo y yo, Isto non é un cabaré!, Xenevra, Boquitas pintadas e Chousa de Alcandra.
Hala hala, parabéns aos galardoados.

martes, 21 de setembro de 2010

Horario

Non lembro ter comezado ningún curso con tan pouquiñas ganas.
Tampouco axuda, desde logo, o estraño horario que me coubo en sorte: entro tres días á primeira hora e saio catro á última, co estómago ferozmente revoltado pola fame; todos os días no meu horario hai ocos vacíos aquí e alí, como nun pan ben levedado ou nun queixo emmental, pero o Martes entre a primeira clase e as seguintes a parcela é como para levantar un Carrefour.
Imposible cambiar nada, nin sequera para empeoralo: se hai unha cousa inmutable neste mundo, esa é o horario que me gobernará a vida os próximos dez meses; nel todo está tan firmemente atado que até sinto non ser paranoico para estar certo de que unha man negra moveu os fíos.

sábado, 18 de setembro de 2010

Residencia

As miñas tías ingresaron porfín na residencia.
Hai un par de semanas recibiron unha carta certificada na que se lles explicaba que documentación e que aveños mínimos (roupa interior, calzado, medicamentos, cousas de hixiene, abrigos) lles cumpría levar ao novo domicilio.
As tías asustáronse ao principio porque pensaron que só podían levar unha muda, un par de zapatos, unha bata, dous vestidos, e nese plan; houbo que explicarlles con moita paciencia que aquela listaxe era só de mínimos, que podían levar se así o desexaban trinta mudas, trinta batas ou trinta pares de zapatos.
Tan literalmente o entenderon que acabei perdendo a conta das maletas que lles carrexei e das viaxes que fixen á residencia co coche ateigado de petates; dobrando parkas, saias e rebecas de punto, miña mai lembrábase da Piquer, pero ao verlles a colección de zapatos a min víñame á mente o armario de Imelda Marcos. A tía O., de cando en vez, daba a brasa coa tele, que por Deus non se nos esquecese a tele, e, mentres, tamén medraba a montaña das roupas para os pobres da parroquia.
As plantas non van e tampouco, obviamente, os mobles; sen problema: a outra irmá, que levaba semanas mirando para eles con ollos golositos, xa dixo que os quería para o piso da praia; as tías encolléronse de ombros e as cuñadas rifaron resucitando historias e rencores fermentados durante décadas; algunha vez pareceume ver ao meu defunto avó disposto a bater na mesa para poñer orde, e a miña pobre avoa morta entrar coa chinela na man, pero as augas voltaron devagar ao cauce diante da indiferenza xeral dos sobriños; meu pai e meu tío, tras se declararen non belixerantes, esperaban que escampara fumando na cociña.
De todos xeitos, ninguén marchou coas mans baleiras: estas semanas pasadas as tías foron devolvéndonos os agasallos que lles fixéramos ao longo da historia e que ás veces nin lembrábamos, como certo cacharro de cerámica azul que ao parecer lles trouxen da excursión de COU, e que agora esmorece nun recantiño dunha balda do meu salón.

domingo, 12 de setembro de 2010

Estes días

Tras os fastos, a rutina.

Luns trouxo consigo o ceo de chumbo, a choiva que me deixou a impecable chapa negra do coche novo con máis puntos que un leopardo, e un achado sorprendente: aquel mp3 desaparecido caeume na rúa ao abrir o paraugas onde levaba meses agachado.
Martes é cando fun coa nena ao cine: esta vez, sen óculos 3d e coas bebidas compradas no supermercado, mergullámonos no estraño mundo do Aprendiz de bruxo; despois de ler tan malas críticas da película entrei na sala co bico torto e o ánimo corrosivo, pero o certo foi que saín encantado e até me fixo rir, seguramente porque esperaba o peor; iso si, eliminaría sen vacilar todo aquilo do namoro do protagonista, xusto o que máis gustou á señorita Kaplan.
Mércores estiven con Calmo en Delfos e voltei con deberes: segundo el, coa ópera pasa como coa bicicleta, que para aprender hai que andar, así que traio para a casa tres óperas imprescindibles que me cómpre ver completas para cando nos volvamos ver. De resto, o encontro foi anodino e apresado: para certas cousas un debe ter a cabeciña no seu sitio.
Xoves pasei pola de Polis a coller os últimos capítulos da serie en que vivo ultimamente e acheino dun humor de lobos. Á primeira pregunta xa me respostou corredor adiante como no chiste, que tiña unha boa noticia e unha mala noticia, que por cal empezaba, e nese plan. En resumidas contas, a boa noticia é que recuperou a maleta perdida, un pouco avariada pero con todo dentro; a mala, que do Caribe veu infestado, literalmente até as cellas, de piollos pato. Mentres me aseguraba que xa os ten a raia e propuña sospeitosos na metade do censo de Xamaica, só eu sei os esforzos que fixen para non chimpar daquela butaca e liscar despavorido escaleiras abaixo.
Venres cheguei ao cabo da serie como quen chega ao cabo dunha viaxe; pasei ao longo do día por un claustro, unha reunión de departamento, unha visita ás tías e unha expedición ao súper antes de sentarme a axexarlles a vida aos Fisher e comprobar que, efectivamente, o final estaba á altura. Debe ser que cos anos me volvo emotivo e brando, porque chorei o que non está escrito. Déitome de madrugada e adormezo feliz coa impecable viaxe de Claire bailándome nas pupilas e na memoria.

martes, 7 de setembro de 2010

Os medios en galego importan

Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sós. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un tras doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tomen a decisión de axudar aos medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un tras outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.
Para asinar este manifesto da iniciativa Os medios en galego importan, aquí.

luns, 6 de setembro de 2010

Meme dos 1001 post


Disque o ladrón sempre torna ao lugar do roubo, principalmente se se trata dunha mina ou dunha cova chea de tesouros, como é o caso. No excelente Librosfera hai tesouros e alfaias sen conto, pero a min préstame roubarlle memes cos que abastecer o meu blogue e, de camiño, o meu ego ou algo.
Neste, ademais, pídeseme que fale desta Ithaca que habito e que, precisamente con este que están a ler, cumpre nada menos que mil e unha entradas.

Canto tempo levas como blogger?
Deixando fóra tentativas anteriores sen importancia, en Decembro fará seis anos.

Como te enteiraches da existencia dos blogues?
Pola prensa, creo. Aí polo 2002 armárase un importante rebumbio nalgúns xornais animando a que cada quen tivese o seu propio blog ou bitácora, e a curiosidade, xa se sabe, matou o gato.

Nomea cinco blogues que sigas diariamente ou con moita frecuencia.
O certo é que visito diariamente máis de cinco, normalmente todos os que na miña columna da dereita aparezan actualizados.

Es lector anónimo dalgún blogue?
Naturalmente. Gústame moito entrar ao chou nun blog e, despois de moverme por el, entrar nalgún dos que ten enlazados para entrar nalgún dos que ten enlazados para entrar nalgún dos que ten enlazados... e así até o infinito ou máis alá, ou até que haxa que ir para a cama case cos ollos resequidos, sabendo que hai que traballar ao día seguinte.

Algúns autores que che acorden especial simpatía.
Aquí voume referir só a aqueles blogues que me serviron de modelo cando empecei, os primeiros que me enlazaron e os primeiros que enlacei. Infelizmente, tres deles morreron e dos seus autores nunca máis se soubo, aínda que confío en que asoman de cando en vez e len o que escrebemos: As túas balas, As crónicas prusianas e O pitiño. O cuarto que vou citar, Gradicela, segue vivo e con saúde, aínda que se actualiza menos do desexable.
Cómpre aclarar que escollín estes porque, efectivamente, deles aprendín o oficio; en xeral, tamén me acordan especial simpatía case todos aqueles blogues que se actualizan regularmente, sexa cal for a súa temática, contido ou intención.

Con que cinco bloggers irías de esmorga?Tería que ser de esmorga virtual. Aínda que algunhas veces non foi doado, sempre rexeitei atravesar a delgada liña vermella do mundo de carne e óso. Algúns bloggers entendérono e outros non.

Con que blogger pasarías unha noite de loucura sexual?
Con quen xa pasei moitas, pantalla por medio: sen dúbida con Susana Moo.

Namorácheste algunha vez dalgún blogger?Unha pregunta tan parva merece unha resposta igualmente parva que non penso dar.

Estás satisfeito co teu blogue?
Pois si. Polo contido, presentación e pervivencia. Se non estivese satisfeito, cambiaríao até estalo; e se non fose posible, teñan por certo que o clausuraría. Amén.

Escolle entre 3 e 5 bloggers para que resposten estas preguntas nos seus blogs.
Eis o terrible momento da estampida que, sen embargo, esta vez non deixarei pasar. Gustaríame que respondesen moitos outros, pero hoxe escollerei para que me respondan o meme a X de Esmelle, Aldabra, Zeltia, Noe Pastor e a Princesa Sigrid.

domingo, 5 de setembro de 2010

Mil!

Con este acadamos os mil post.
Para celebralo remexín en arquivos e faiados até recuperar algúns dos cabezallos que abriron o blogue durante todos estes anos: desde Irlanda, Roma, Grecia ou Constantinopla, Robinson voltou mil veces a Ithaca para contalo.


venres, 3 de setembro de 2010

Postais

Case cada día desta semana recibín unha postal de lugares que nunca visitei.
Luns, e con algún retraso porque ela xa estaba de volta, a primeira que enviou en toda a súa vida a señorita Kaplan; xa mo anunciara por teléfono: acabo de mandarche unha postal, avísame cando a recibas para que non pase como coa túa de Estambul, dixo como se iso impedise a perda; pois ben, chameina ao mediodía e confirmei ao paso a hora de recollela mañá.
Martes ou Mércores había na caixa do correo unha postal de Nican coa catedral de Palma, a badía con iates e a fachada de Marivent; dado que o mataselos era da Mariña, supoño que a miña amiga esqueceu unha vez máis botala a tempo e volveu con ela para a casa.
Hoxe recibín de Teddy nove vistas de Tarragona e un fermoso texto por atrás sobre a estadía del con Deni xunto ao Mediterráneo.
Polis, que veu Domingo, xa non me manda postais. Chamou un día destes para contar maravillas da praia de Montego Bay, dos cayos e dos portentosos homes de bronce de Xamaica, con e sen rastas. Como non hai cara sen cruz nin gloria sen sufrimento, no regreso perdéronlle a maleta, que seis días despois segue de vacacións nalgún lugar de América do Norte.