domingo, 28 de febreiro de 2010

Eufemismos

Déixenme comezar dicindo que son consciente de que nunca hai unha cicloxénese explosiva a gosto de todos. A de onte a min indignoume particularmente porque, en vez de pasar o fin de semana con Calmo en Delfos, seguín civicamente as instrucións da Autoridade e pasei un Sábado practicamente monacal, dedicado a preparar aulas, ler, reenviar e-mails chorras e ver series na tele, para nada.
De cando en vez, estomballado no sofá, parecíame sentir fóra o fragor da tormenta perfecta, pero era unha ilusión: cando chegaba á xanela só vía a rutina perfecta dun día de choiva.
Ao serán, a mensaxe un pouco cebolleta de Calmo (Debiches vir xa che dixen que era un bluf) acaba por decidirme, e confírmolle a seguir que me espere hoxe para xantar, ese eufemismo.

venres, 26 de febreiro de 2010

mércores, 24 de febreiro de 2010

Botín

A poucos días da nova migración a climas máis cálidos, a segunda deste Inverno, meu pai dá por oficialmente concluída a limpeza de rocho e deixa paso ao meu traballo de salvamento.
Escaso foi, apenas tres bolsas, excluídos puzzles incompletos, bonecas descoloridas (a Nancy levouna miña irmá o outro día, antes de podela eu reivindicar para a señorita Kaplan), e unha morea de libros e libretas da escola cheos de pó e errores.
Do expurgo salvei sen embargo o meu atlas coa RDA e a URSS, con Castilla la Nueva e Castilla la Vieja flamantes sobre os mapas de colorín; o libro de escolaridade con todas as notas finais (aquelas matemáticas que deixei para setembro en 7º, tamén); dous cómics de Marvel con historias de vampiros; a xerriña de barro que meu pai me comprou nun San Froilán de hai mil anos; e os libros de lectura da EXB, aqueles Senda entre os que non achei o de 1º e si o de 3º coas ilustracións psicodélicas, como lembraba.
Pero (atención!!) o máis valioso e inesperado do botín son os dous álbums de diapositivas que a Coca-cola editou nos 70: un polas olimpiadas de Montreal, coa historia dos xogos contemporáneos, e outro despois, conmemorando a Xulio Verne con imaxes dunha moderna volta ao mundo en 80 diapositivas.
As diapositivas, de goma transparente, viñan dentro da chapa dos refrescos e había que as gardar en bandas de plástico para logo velas através dos visioramas de cartón negro, que non deberon sobrevivir porque non aparecen por ningún sitio.
Conseguir conseguín as diapositivas todas, pero só de pensar nos traballiños que pasei para xuntalas (mobilizando a familia, cambiando cos amigos, apañando chapas nos bares) hoxe sinto algo semellante á ternura.

venres, 19 de febreiro de 2010

Por alí!


O home que se parece a Charlot cando sorrí e a Hitler cando está serio, o da melena de mosqueteiro e o ollar aterrador, non sabíamos que traía de serie este xesto extra ordinario que o consagra definitivamente como paladín da tolerancia.

mércores, 17 de febreiro de 2010

Taxi driver



Convértome progresivamente no chófer da miña familia.
A miña mai resume o meu drama nunha frase condicional: se meu cuñado usa o coche para traballar, e eu só o uso para ir ao traballo, ben podo empregar o resto do tempo en transportar inxentes candidades de parentes dun lado para outro.
Como exemplo, eis a folla de rota desta mañá:


  • 10'50: recoller a meu pai para levalo á casa das tías.




  • 11'00: deixar a meu pai coa tía G. e recoller a tía O. para levala á caixa de aforros.



  • 11'40: deixar a tía O. na súa casa e levar de novo a meu pai á del. Cambio de planos: meu pai prefire quedar coas irmás e que o recolla á hora de xantar.




  • 11'55: volver na Biblioteca libros e DVDs fóra de prazo. Con rapidez, por se os funcionarios me din algo sobre o tema, pero non tanto como para bater coa xente e o mobiliario


  • 12'05: recoller a miña mai para levala a ver ao seu irmán H., que está malo. Miña mai leva unha bolsa do gadis cun queixo e unhas filloas pero ningunha xerriña de mel.



  • 13'20: acábase a conversa e a visita fai augas. O tío H. fuma tanto que debe ter os pulmóns máis negros que os dedos; cada vez que tuse é como se a terra se abrise.




  • 13'45: regresamos a Ithaca para recoller o meu pai. Nun lameiro vemos as primeiras cegoñas este ano.


  • 14'07: con meu pai baixan o tío P. e a tía C., que foron visitar as tías; como viven onde Cristo deu as tres voces e o día promete choiva, ofrézome a levalos.


  • 14'27: despois de deixar os meus tíos ao pé da súa casa, volto cos meus pais á deles para xantarmos. Nun semáforo, pítame desde un coche negro un macarra chamado Polis.
  • luns, 15 de febreiro de 2010

    Reclusión

    O frío e o entroido mantivéronme recluído e semi-incomunicado desde Venres, vagando polo tobo e só saíndo para xantar na casa dos meus pais, e hoxe con Tere Holmes nun restaurante perto do tobo.
    A xulgar polo que lle escoito á miña mai, que a diario me pon ao día con miles de crónicas de todo tipo, densamente poboadas de cousas que non me interesan o máis mínimo sobre persoas que nin coñezo, o mundo segue perfectamente en marcha.
    A xulgar polo que contou Tere Holmes sobre amigos e coñecidos de entrambos, igual: incluíndo avarías, desaparicións e até algunha morte sorprendente.
    Nestes tres días quixen facer moitas cousas, pero ao final a roupa segue amoreada no cesto, non limpei a casa, non empecei con certos apontamentos e tampouco dei longas camiñadas por Mouse Park. Por contra, concentreime en rematar dúas tarefas que xa duraban: O símbolo perdido, e Sexo en Nova York, a serie.
    Do libro de Brown, agasallo de Polis e fantasía para encefalogramas planos, direi que non vale o papel en que foi impreso, probablemente o mesmo que xa dixen aquí dos seus antecesores; posto que os tres tochos son tres versións da mesma mamonada primixenia, non está daquela de máis o mesmo comentario.
    Dicíallo o outro día a Calmo: vendo Sexo en Nova York estou a entender mellor algunhas cousas do meu matrimonio; que por el podían extinguirse as mulleres, foi a resposta de Calmo, claro que irtos como íamos baixo a xeada na procura da cea, ben podía obviarse o politicamente correcto.

    domingo, 14 de febreiro de 2010

    Heroica

    Xoves estiven en Delfos, en principio para ir con Calmo ao concerto da Filharmónica, pero a realidade, moito máis teimuda, impúxose por non sermos espelidos: quedamos sen billetes pero non sen concerto, aínda que iso quixese dicir escoitarmos a Terceira Sinfonía amartelados baixo as mantas e co maxisterio de Calmo besbellándome no ouvido, sucesivamente, os movementos: allegro, adagio, marcha fúnebre...
    Se primeiro fóramos para a casa co serán xélido e estrelado verténdose sobre o capó e os cristais do coche, o terrible veu despois, cando houbemos de nos vestirmos e deixar a quentura de cama e cuarto, e baixarmos á rúa polar á procura dun bar en que ceamos polbo e gorentosos bocatas de zorza que baixamos cunhas cervexas, e é que naquela casa ao parecer nunca hai nada comestible que non estea vivo, e iso tamén nos inclúe a nós.
    De regreso, atravesando o Polo Norte sen luvas nin bufanda, os meus dentes batían nun incontrolable allegro ma non troppo que non cesou até pillarmos de novo a cama. Daquela Calmo despediu a Ludwig van e deu entrada a Fitzcarraldo, pero eu, agotado como estaba, pronto adormecín nun naufraxio sen remedio.

    venres, 12 de febreiro de 2010

    Nobel da Paz



    Hai días presentouse a campaña pola candidatura da Fundación Vicente Ferrer para o premio Nobel da Paz 2010, que abriu unha páxina web onde apoiala.
    Talvez ningunha persoa, institución ou entidade reúna tantos méritos para obtelo, pero tamén sabemos que a sorpresa, cando non a polémica ou a clara falta de acerto, acompañaron demasiadas veces a concesión destes galardóns, por iso eu xa asinei. Agora, ti!

    mércores, 10 de febreiro de 2010

    Tobos e pixamas

    Onte coñecín o tobo de enriba, o dos radicais, o dos arrincabañeiras: escrito estaba que tanta destrución e tanta iconoclastia non podía traer nada bon, e así, onte ao serán, descubrín que polos azulexos do meu baño corrían dúas interminables lágrimas até formaren no chan, xunto ao wc, unha lagoa digna da miña zozobra.
    Subín, e en canto os viciños, vestidos xa tan cedo con pixamas de cetín, me abriron, descubrín que ao outro lado da porta había un mundo nada semellante ao de abaixo, asimétrico, con paredes fóra do seu lugar e portas onde non debera, luces indirectas e un baño de revista sen azulexos, coa cabina de hidromasaxe aínda embazada.
    Mentres o viciño, o xuvenil señor Pixama, se desculpa polo incidente e promete que en canto seque o meu teito me enviarán un pintor, a señora Pixama, felina e silenciosamente, vai dun lado para outro como se vivise dentro da atmosfera protectora dun anuncio e aquilo meu non fose con ela; nas mans leva unha culler e un iogur desnatado e cheo de bífidus, por aquilo da regularidade.
    Horas despois, de volta no meu baño, fago o posible por non mirar o círculo, que non lembra ningún continente. Que máis ben parece unha mexada.

    domingo, 7 de febreiro de 2010

    Ausencias

    Había unha procuradora dos tribunais, un pediatra, un funcionario de xustiza con moita pluma, un perruqueiro en paro e dous avogados, toneladas de comida de catering, oceanos de alcol e unha torta riquísima cun 45 desafiante chantado no centro, pero nin rastro de Encantador: nin xorna nin crónicas de viaxes en Diane 6 nin palabrines en bable nin can que lle ladrase. Por non estar, nin estaba o mazinger no recanto do salón nin a máquina de bolas de chicle xunto á tele.
    Polis abría a porta e procesaba os abrigos, recibía os agasallos con esa alegría un pouco excesiva e un pouco infantil a partes iguais que mantén intacta desde EXB, e facía que alguén che servise unha copa de viño ou algo mentres dun rebulizo de papeis rachados e celofán ían aparecendo, que eu vise, un libro de arquitectura, unha bufanda e unhas chinelas, un xogo de copas, unha auténtica ánfora romana de imitación, un xadrez de metacrilato e dous discos.
    E é que non fun o único que acertou con Raphael: a procuradora chegou antes e o disco xa soaba no salón cando cheguei eu, así que, para que cambie o meu Raphael por outra cousa, prometín levarlle un día destes a Polis o meu tique de compra no que figuran impresos o leite, o pan integral, a leituga, os tortelini frescos, a auga embotellada, o deterxente da lavadora, uns coxotes de polo e as mandarinas.
    Como era de esperar, non preguntei por Encantador en toda a noite: o alvariño primeiro, os chistes do pediatra despois, e o cardhu na sobremesa, acabaron por levar a velada a un terreo mooooito máis superficial no que xa daba igual que ao perruqueiro lle restase un mes de paro ou que á procuradora lle rompese o tacón do zapato vindo do baño e tivese despois que ir para a casa en taxi.
    Pasadas as dúas marchei cun dos avogados, que me acompañou até San Pedro, sen esperar a ver se entre os últimos a abandonaren o barco había algún que se quedaba toda a noite.
    Cando me deitei na miña cama tiña un terzo de alcol en sangue a circularme polo corpo, o estómago a rebentar, e unha enorme angustia ao pensar que non ía poder durmir nin cinco horas antes de erguerme para ir traballar.

    martes, 2 de febreiro de 2010

    Disco

    Hoxe, que é a Candeloria, a Polis tocoulle cumprir anos (un lustro menos do medio século) e a min comprarlle un agasallo, cousa que, ben o sabe Deus, me fai adoecer dos nervios; ao final escollinlle música: non un disco deses que un dubida se entregalo ou quedar con el, nin dos que se pregoan aos catro ventos, senón un deses que se agachan entre a bolsa das mandarinas e o cartón de leite, vergonzantemente, ao pasar pola caixa do súper para pagar.
    Como aquí xa levo falado do meu amigo por activa e por pasiva, non importará daquela que diga que Polis é devoto de Raphael de toda a vida, que o agasallo é esa batería conmemorativa de deuvedés, cedés e libro, ese medio século de cancións con versións enlatadas e duetos, e que llo entregarei mañá a Polis na súa casa, onde estou convidado a cear e onde non volvín poñer os pés desde hai tanto que talvez me cumpra mostrar o DNI na porta, por se non me recoñecen.
    Polo pronto, xuro que se Polis decide estrear o disco na cea non arrastrarei a trenka polo salón co ímpeto do vento (eu!), nin farei comandita con Encantador para cantar Digan lo que digan a dúo, nin me convulsionarei cunha forza sobrehumana (eu!) sobre o sofá, imitando o divo para escarño de ninguén.
    Heime comportar, pois, coma un neno boíño e formal, sen montar ningún Escándalo.

    luns, 1 de febreiro de 2010

    Plantilla


    Se unha mañá calquera unha colega do traballo comenta no café que ten por fin lista a plantilla despois dunha semana de probas, asegúrate de a que se está a referir antes de preguntarlle en público se tamén ela ten un blog.
    Evitarás sorpresas, e esa cara que se lle pon a un ás veces cando non dá procesado información.