domingo, 15 de agosto de 2010

Meme literario



Hai tempo que teño arquivado un meme literario ou libresco que atopei no blog Librosfera; a diferenza da maioría de memes que circulan pola blogosfera, este é tan orixinal que contén preguntas tomadas de libros infantís dos de toda a vida, é certo que descontextualizadas aínda que se indique a procedencia. Nada mellor para servilo que dentro das actualizacións en conserva, mentres todo o mundo anda por aí.

1. Frank L. Baum: O mago de Oz; o Espantallo a Dorothy: Pódese saber quen es e onde vas?
Son un blogueiro que actualiza o seu blog; tamén son un pai, e dentro duns minutos, cando acabe con isto, irei preparar a merenda da miña filla.
2. Michael Ende: Momo; Momo aos nenos: E iso é divertido?
Segundo os días, pero o da merenda en xeral si, sobre todo se estamos nun parque ou vendo os debuxos.

3. Michael Ende: Momo; home gris a homes grises: Que é unha vida humana?
Unha oportunidade única que algúns aproveitan e outros non.

4. Robert L. Stevenson: A illa do tesouro; John Silver a Jim: Cres que un morto está morto para sempre, ou cres que pode resucitar?
Iso depende; a min ensináronme que os mortos morrían para sempre, pero neste país en que vivimos a experiencia dinos que é máis ben ao contrario; se ben non resucitan, tampouco acaban de morrer de todo.

5. Miquel Rayó: O tesouro do Capitán Nemo; Marisa ao protagonista: Que buscas?
Normalmente non busco, atopo; pero hai cousas, e a felidade é unha delas, que se agachan tanto que até dubido se existirán ou se buscalas merecerá realmente a pena.

6. Astrid Lindgren: Pipi Calzaslargas; Tommy a Pippi: Que é o que non consentirías?
Que os nenos sufran abusos e abandono; que sempre acaben pagando os pratos rotos dos adultos; que os nenos deixen de ser nenos antes de tempo.

7. Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o Gato de Chesire a Alicia: Cáeche simpática a Raíña?
Nunca fomos presentados, pero observo que me gusta máis cando ten a boca cerrada.

8.Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o rato a Alicia: Gústanche os cans?
Gustan, pero á vista do meu historial e algúns recentes acontecementos prefiro non afondar na resposta.

9. Daniel Nesquens: 17 cuentos e dous pingüíns; Marta a papá: Por que o oito vai despois do sete?
Son pésimo en matemáticas, pero supoño que porque é conformista e pouco ambicioso.

10. Roald Dahl: Matilda; Truchbull a Wilfres: Teño 8 cocos, 8 monos e 8 nenos. Cantos imbéciles teño en total?
Máis matemáticas? Eu creo que nove (oito mais eu).

11. Roald Dahl: As bruxas; Neno á avoa: Atopaches algunha vez unha bruxa?
Si, sen ir máis lonxe o outro día a miña tía C. cando botaba sapos pola boca na casa das tías O. e G.

12. James Barrie: Peter Pan; Peter aos nenos: Credes nas fadas?
O certo é que non, nin sequera de neno. Os fados, por contra, gústanme moito.
13. James Barrie: Peter Pan; Wendy a Peter: Sabes o que é un bico?
Unha cousa que, segundo os casos, pode levar igualmente á felicidade e á traxedia.

14. Michael Ende: Momo; Momo ao mestre Hora: Que é o tempo de verdade?
Un veneno escaso e mortal sen o que non podemos vivir.

15. Henning Mankell: O can que corría cara a unha estrela; Joel a si mesmo: Ser adulto é isto, facer e dicir cousas que non entenden os nenos?
Tan certo como que ser neno é facer e dicir cousas que non entenden os adultos.

16. Lewis Carroll: Alicia no país das Maravillas; Alicia a si misma: De que serve un libro se non trae estampas nin diálogos?
Non hai libro que non sirva para algo, aínda que sexa para o contrario do que esperaba o autor que o escribiu; e algo que non debemos esquecer: por moitos diálogos e estampas que teña un libro (ou un blog, que para o caso é o mesmo), se é malo dificilmente vai mellorar.

6 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

Pois calcetaches unhas respostas ben argalladas. Fixéchesme rir. E ten mérito facerme rir un véspera de luns(*)

(*)Luns: nome do día no que as pedras da canteira semellan ser infinitamente máis duras que outro día calquera da semán

zeltia dixo...

Ocorrentes respostas [ata algo de humor negro afiadiño que me gusta moito]

paideleo dixo...

Gustoume a definición do tempo.

Perry dixo...

Casi todas las respuestas me gustaron, pero la del 8 poco ambicioso me parece bordada.
(¿Este vacío son vacaciones?)

susana moo dixo...

Sabes que Roal Dhal pegoulle a literatura erótica? Ainda non conseguín ningún libro seu pero morro coas ganas.

En relación coa enquisa, pois me deixa reflexiva, ao ir lendote un post tras outro, me fun facendo unha idea de como eres, e realmente non me sorprendeu ningunha das respostas, é dicir que che teño o punto pillado. Outra cousa sería se nos coñecésemos na realidades, ahí poida que outro galo cantaría, ou non,...

Mer dixo...

non me gustan moito os memes, pero este gustoume e as respostas foron moi inxeniosas