mércores, 11 de agosto de 2010

Ilu en Ithaca

Este Agosto non está sendo o deserto doutros anos, e eu non me sinto de garda, o retén que todos os Agostos gardaba a cidade abandonada.
Non sei se será pola crise ou polas ameazas de folga, pero este ano a xente que coñezo está localizable, visible ou en tránsito, así que raro é o día que non pasa alguén por aquí e me trae noticias, cousas ou unha tarde divertida nunha terraza á sombra.
A primeira foi Ilu, que veu recoller a mai das vacacións no Check-point Ithaca, a medio camiño entre a Mariña e Atenas; Ilu traía consigo a felicitación de Nadal que lle devolveron hai tres meses, e a intención de verme o tobo despois de vivir nel tres anos; tamén un agasallo para a señorita Kaplan: como sempre, a min non se me ocorreu comprarlle nada ao fillo dela.
Antes de xantar paseamos pola Praza Maior, entramos na Catedral e camiñamos polo adarve até a Tinería, onde segue a reconstrución do Burgo Vello co permiso das vellas prostitutas, que aínda ruelan, exhibíndose ao solciño do mediodía.
Ilu non o recoñece pero está un pouco asustada; en Setembro márchalle o fillo á Universidade e ela fala xa de facer un curso de inglés e outro de cerámica, ir a ioga, reorganizar os horarios da asistenta e arranxar a casa da aldea.
Cando nos despedimos en San Fernando, onde ela tiña o coche aparcado, prometinlle ir pronto a Atenas coa señorita Kaplan.

(A imaxe é unha vella foto da Praza de Ferrol a principios do s. XX)

4 comentarios:

peke dixo...

Que sentirá vostede cando, dentro de nada, a señorita Kaplan estea a piques de ir á Universidade?

Perry dixo...

Que diferente está la plaza de san Fernando en la foto; y pensar que debajo está ahora un aparcamiento subterraneo.
Está bien que pongas fotos viejas de Itaca, los que vivimos en ella muchas veces no conocemos su imagen antes.

Xan dixo...

Ao parecer a crise tamén ten o lado positivo, pasar tardes divertidas gozando da compañía dos amigos.
Fermosa fotografía.

zeltia dixo...

Gústame moito ver fotografías antiguas (dos sitios que coñezo). Debo ser algo masoquista, porque ó mesmo tempo que disfruto invádeme un sentimento dificil de describir, esa pegada lenta que as persoas, o tempo e a propia naturaleza deixamos sobre a paisaxe. Ese antes e despois, que será un antes para despois.
Asómbrame como os cambios na paisaxe urbana, cando se viven dia a dia asoman imperceptibles, coma os que se producen no noso propio corpo.