sábado, 13 de marzo de 2010

Semana


Domingo: Ao paso que levamos, a miña ignorancia en materia musical vai ter remedio: visita a visita, e orgasmo a orgasmo, un vai percorrendo da man de Calmo o amplo panorama da música sinfónica.
Nesta ocasión, despois de xantarmos un gorentoso codillo asado nun mesón alí ao lado, a cama de Calmo navegou entre os compases de La Bohème con nós dentro.

Luns: Por fin me repintaron o teito do baño. Á primeira hora da tarde veu o xefe taxar a obra e reñerme por non estar na casa pola mañá, algo que seica lle supuxo reorganizar o planning semanal e poñer en perigo toda a civilización occidental. Media hora despois un inmigrante de bronce, manso e silencioso, entraba coa esqueira e os caldeiros. Cando marchou el aínda volveu o patrón para que lle asinase o conforme, e máis tarde os viciños a comprobaren que todo estaba en orde; tamén meus pais pasaron revista á cúpula de volta do Círculo, e mesmo a miña sobriña, que veu pedir unha película.
Con tanta visita mirando o alto máis parecía aquilo a UNESCO que un humilde retrete restaurado

Martes: Asa Larsson é a Stieg o que Cameron é a Marujita; desde hoxe Aurora boreal acompáñame cada noite até que adormezo.

Mércores: Rexeito rotundamente unha viaxe a París; se cando era un docente novo viaxei de excursión cos meus alumnos por media España, non iría con eles agora máis aló da Biblioteca do instituto. Para vivir pesadelos, persecucións e aventuras variadas quero mellor ir ao cine.

Xoves: Como este ano non son titor teño a sorte de entrevistarme con poucos pais, pero algún aparece, principalmente agora que estamos con exames e coa segunda avaliación á vista. Hoxe, unha mamá que veu para coñecerme marchou toda contenta: ao parecer non son ningún ogro e a nena (a quen, por aquilo de aclarar as cousas, non dei pescado aínda) estaba rematadamente trabucada. Un alivio para todos.

Ningún comentario: