luns, 31 de agosto de 2009

Amarcord

Onte á noite puxeron Amarcord na TCM.
Salvo a escena aquela da estanqueira, o único que lembraba da película era tela visto no Paz, nunha semana de cine, hai moitos anos: tantos que nin me acordaba do divertida que é nin da súa BSO, ao mellor porque as hormonas nunca foron boas para o ouvido e a memoria.
Vin naquela altura (con Laura e sen Laura) tantas pelis de Fellini, Pasolini, Rosellini, Ferreri, os Taviani e Antonioni que rever agora unha delas é, simplemente, como voltar á casa.
Á vista está que a esta non lle falta de nada.


domingo, 30 de agosto de 2009

Poeta proletario do meu pobo

No trixésimo aniversario da morte de Celso Emilio, lemos un poema seu d' O soño sulagado:


A silandeira sombra sen consolo daquil que fun, decote vai comigo.
Lonxano amor, hedra que medra e medra
dentro de min subíndome amodiño.

Aquil que fun non son, por iso estamos
xuntos os dous. Aquil que entonces era
coma un río fuxiu, pero quedouse
coma o río que pasa e sempre queda.

Fecunda sementeira o pasado,
espello meu, única vida viva,
todas as cousas morren e esmorecen
somente ti, lembranza, te eternizas.

Espello meu, no que me estou ollando:
ise que agora son xa non existe.
O tempo faise estatua na saudade
e eu morro de saudades cada intre.

sábado, 29 de agosto de 2009

Todo o que

Todo o que sabía de Vapin esta mesma mañá era que Estridente e el viven xuntos e que teñen un fillo (se neno ou nena non me soubera dicir hai seis meses Cesp, porque a ecografía non era definitiva).

Todo o que sei agora, despois de falar con Vapin por teléfono hai escasamente unha hora, é que casan o mes que vén, que naturalmente estou invitado, e que contan comigo.

Todo o que se me ocorreu dicirlle a Vapin para desculparme por non lle recoñecer a voz foi que pillei unha molleira e todo aquilo do resfriado de marras, e que estaba off diante da tele vendo coa nena algunha serie moi boba, como se iso me xustificase non ter gravado o seu número na memoria do móbil.

Todo o que Vapin dixo a seguir foi que a cerimonia será tal día e a tal hora, e en tal sitio fóra de Ithaca porque a noiva é de alí e a tradición manda, que na mesma cerimonia pero após o casamento terá tamén lugar o bautismo do neno (un varón, a fin de contas, a quen imporán un nome composto), e que haberá máis tarde unha merenda-cea.

Todo o que dixen a seguir é que desde logo irei, que conten comigo, que non faltarei a esa boda por nada do mundo, ao tempo que todo o que o meu cerebro paría eran estrañas e maliciosas ideas como que o tres por dous e o dous por un son bonitos xeitos de contrarrestar a crise, pero que xa os inventou o Carrefour.

Petición


Acabo de enviar, baixo a forma dun comentario ao seu blog, unha petición ao señor Bragado, director dunha das principais editoriais galegas e en galego, aproveitando a moi boa noticia da aparición nas tendas da tradución galega do Bartleby.
Non foi unha ocorrencia repentina nin ao chou, nin tampouco é unha cousa imposible ou absurda, principalmente agora que por riba da nosa existencia revoan aves de diferentes formas e cores:


Benvinda a publicación en galego de obras internacionais de categoría, sen dúbida. Pero, señor Bragado, para cando as editoriais galegas acometerán a publicación de libros de repaso de verán para nenos?
Sen dúbida é algo moito menos ambicioso, pero concordará comigo en que axudará a formar persoas comprometidas coa nosa lingua.
Este ano xa foi, pero a ver se o que vén é posible non lle ter que explicar á miña filla de 9 anos por que, se todos falamos galego e no cole os seus libros están en galego, ela non ten libros na súa lingua para o Verán.
Un saúdo.
Agora, a confiar e esperar.

venres, 28 de agosto de 2009

De faros, molleiras e afonías

Case tan mudo coma o blogue estivo quen lles escribe tras a molleira do pasado Luns.
Efectivamente, fun a Brigantia coa señorita Kaplan e dous obxectivos: cumprir a miña promesa de levala a visitar a Torre (si, e tamén subirmos alá arriba) e recoller a Haddock e a filla para traelos connosco a Ithaca; ao paso, visitamos unha exposición de bodegóns, outra dunha Galiza virtual en que até fixemos de tiraboleiros, e por último comprobamos en propia pel como o mar da punta Herminia e o do cabo Sunion non poden ser máis diferentes: o día puxera mala cara en Ithaca, pero en Brigantia o vento e a chuvia que batían no Faro, na Caracola e nos paraugas xaponoides das dúas nenas leváronnos, prematuramente, ao Outono.
Non é preciso explicar quen de entre os catro ía máis desprotexido e exposto; tampouco, que ao chegar ao pé de Breogán nin siquera a min me facía graza o de ser consecuente coa estación, ou que o bon das sandalias é que a auga sae delas tan ben como entra; antes das seis, a proposta do retorno a Ithaca aprobábase por aclamación, e os catro, mollados coma catro pitos, corríamos á procura dunha paraxe de autobús que nos levase até o meu coche.

luns, 24 de agosto de 2009

Os lugares de pedra 6: o cabo Sunion

O último slide con fotos da escapada grega, montado e listo para subir aquí, estaba a criar pó, por así dicilo, nas profundas adegas de Ithaca. Sinceramente, creo que unhas tan belas vistas de ceo, terra e mar merecen mellor sorte (aínda que sexa en diferido).

sábado, 22 de agosto de 2009

Videoclube

A señorita Kaplan lembrou onte, ao pasarmos diante do videoclube, que alí dentro tamén hai pelis e que nós temos collido algunha vez algunha. Resultado: entramos sen sabermos moi ben que coller e saímos cunha peli de debuxos animados, un cartaz da última de Indiana Jones, e a non tan sorprendente noticia de que non poderemos renovar o abono porque o noso videoclube de referencia vai fechar o mes que vén.
O home esténdese en razóns maiores e menores para xustificar o feche (a SGAE, a crise, os impostos, a TDT, o manta, as descargas de internet) pero esquece a máis inmediata: un videoclube con caixeiro que hai tres meses abriron a dúas rúas deste.
Eu dígolle que o sinto, facendo un cilindro co cartaz; el resposta que ten outro traballo polas mañás, e que se o sente é sobretodo por nós, polos clientes, que a fin de contas éramos unha familia.
Non sei se este home está a finxir ou non, pero diante de tamaña dignidade o meu ánimo enfraquece e até lamento ter un papel nesta traxedia: certo que non teño conta no videoclube da competencia pero pirateo, compro e hai un par de meses que teño non sei cantos canais de televisión.
Cóntollo á miña irmá, que tamén é socia e tamén o sente pero tampouco moito: nin siquera lembra a última película que alugou, pero cre que aínda era en VHS; neste preciso momento, a miña mai descobre que o VHS xa non existe.

mércores, 19 de agosto de 2009

Crónica agosteira

Aproveito estes días entre a Comarca e a volta da señorita Kaplan para facer que fago e ver cine na casa, confortablemente, mentres fóra os días corren tórridos.
É un feito que, apesar das aparencias, desde Santa María e San Roque o Verán pode darse por acabado: resístese un pouco, por camelar, pero xa non ten remedio e un debe ir preparándose, porque os exames de Setembro están aí mesmo.
Hoxe, que amenceu gris (efémera ilusión que durou pouco), aproveitei para limpar un pouco a casa, mudar as camas, pasar a aspiradora, limpar os baños; pola tarde fun encargar o cristal da vitro, sen reparar que Agosto sempre foi un deserto en que un está perdido se non se resigna: as fábricas fechan por vacacións, e se non son elas, fechan as distribuidoras ou fecha o instalador; en resumo, até Setembro seguirei cociñando de forno.
Logo tentei localizar a Tere Holmes para devolverlle os libros de antano, e resultou estar de camiño a Ithaca.
Mansamente volvín para o tobo das xanelas seladas e, antes de que na tele reine de novo a tiranía rosa pastel de Hannah Montana e os debuxos animados, púxenme a ver o que me resta das pelis que enlatou para min Teddy antes de irmos a Grecia; como el non mo dixo e o disco non está rotulado, aínda que me concentre moito non podo saber o que hai dentro sen conectar o DVD. É case coma unha lotaría.
Domingo ao serán fun afortunado: Cerdeiras en flor; pero hoxe a fortuna foi moitísimo máis xenerosa comigo: The reader, que non dou tirado da cabeza e na que sigo atopando acertos e xenialidades, de xeito que o que parecía encamiñado a ser outra película de iniciación e posguerra virou inesperadamente (sobretodo para min, que nin sabía o título do que estaba a ver) e fíxose enorme entre saltos no tempo da historia e valentía para afrontar cuestións como a dificultade de asumir o pasado, a obediencia debida, e o relativos que acaban sendo conceptos como a culpa, a vergoña, o castigo, e o arrepentimento.
Disque o cine americano premia sempre as actrices que aceitan papeis de monstros, grotescamente camufladas baixo un chándal, unha bata cotrosa, con aspecto desleixado e kilos de maquillaxe, porque confunde a admiración pola valentía delas co seu talento.
Non é certo: a Winslet conseguiu o Premio e está espectacular, brillantísima, conmovedora.

luns, 17 de agosto de 2009

Ánimos


Esta é unha foto das Ánimas que tirei o outro día na igrexa de San Francisco, na Comarca, en cuxa penumbra ardían tan ricamente ao fresco; non miren así tan a fito que non estou entre elas, quero deixalo ben claro, aínda que neste momento a cidade ao outro lado da miña xanela se abrasa ao sol coma a boca dun forno.
Unha sesta, polo amor de Deus, necesito unha sesta!

sábado, 15 de agosto de 2009

Fuga e tocata

Facendo caso a ese prudentísimo dito segundo o cal o peixe e as visitas desde o terceiro día feden, regreso para Ithaca despois de visitar uns Haddock en stand by: ela porque Mércores se lle acabarían as vacacións; el porque agora lle empeza a quincena con filla.
As previsións din que para a semana que vén, cando estea aquí a señorita Kaplan, pai e filla nos devolverán a visita; iso si, terá que ser en autobús, porque o coche segue morto na rúa, coma un xigantesco insecto negro.
Temín por iso ser eu quen conducise por descoñecidas estradas secundarias e nocturnas; ignorando o dito, ao mellor por non levar comigo nin muller nin estilográfica, cedinlle a Haddock o meu coche para que nos levase por aí.
quere dicir o monte e castro de Santa Tegra, a foz do Miño, a linda vila pesqueira de Âncora, pola que paseamos entre bañistas e onde ceamos gorentosamente unha cea hipercalórica cun viño verde delicioso. Se algo non mudou en Portugal neste último cuarto de século é a mazada que supón á carteira a manteiga salgada, os queijinhos e o paté de sardiña para picar; dá igual que a carteira conteña euros ou escudos.


Como é habitual entre idosos, e empeza a selo entre nós, Haddock e un servidor dedicaron unha parte importante do tempo a falar de enfermidades e outras avarías; falamos de manchas na pel, pedras na vesícula, hernias discais, endodoncias, perda de ouvido e presbicia. Desde logo, a súa exploración de vexiga por vía uretral con espéculo (só escribilo aquí me pon os pelos de punta) mereceu ovación e trofeo.



Tamén houbo fotos e paciencia deles para eu tiralas, acó e aló, dunha Comarca especialmente fermosa, e dun esteiro do Miño que atravesamos en transbordador coa alegría dos nenos; non foi posible dunha exposición realmente colorista e preciosa, porque a aguerrida celadora prohibiu todo tipo de fotos antes xa de eu abrir a boca, canto máis o obxectivo da cámara; pero si despois, na competencia, nese náutico e bonito espazo azul con figuras núas que esperemos nunca deixen de ser nosas.




Aínda despois, cando xa estábamos para marchar, puiden retratar por vez primeira aínda que moi escuramente, a triste efixie románica de don Paio Gomes Charinho, poeta e almirante, no seu xacigo pétreo de San Francisco.

luns, 10 de agosto de 2009

Deberes


Non fixen os deberes: a só dous días de rematar a crónica grega (para alivio de moitos, entre eles eu) marcho á Comarca; tentábame deixar os post listos e programados para os vindeiros días, pero disque quen moito abranxe pouco apreta e só dei feito o slide pítico.
Voltarei nun par de días, así que pórtense ben e sexan boíños.

domingo, 9 de agosto de 2009

A ruta Pítica: Marmariá

Ou Nikos non se explicou ben ou nós estábamos a outra cousa a véspera, o caso é que en lugar de baixar en Delfos ao pé do Museo, como fixeron outros, fomos até a seguinte paraxe, o que nos complicou a vida bastante.
Así, tivemos que volver atrás dous ou tres kilómetros pola beira da estrada e baixo un sol bíblico até o museo, e varios centos de metros máis até o santuario de Atenea Pronaia e os outros xacementos.
Ademais, estaba o tempo cronolóxico: en ir e vir inutilmente investimos minutos preciosos que roubamos a sitios visitados a ritmo xaponés ou que simplemente nin vimos, coma o Teatro ou o Estadio.
Cos billetes de volta comprados, e ignorantes do que nos esperaba, Teddy e eu xantamos plácida e opiparamente salada con feta e souvlaki nunha fonda con vistas aos olivais que se dilúen ben lonxe, nas augas azuis e turquesa do golfo de Corinto.
O santuario de Apolo propiamente dito está situado na aba do monte Parnaso, entre as dúas enormes penas chamadas Fedríades ('as brillantes') e sobre a esplanada de Marmariá, onde está o templo de Atenea. Divide as dúas zonas a estrada pola que viñéramos e que agora percorríamos de novo co sol azoutándonos o lombo.
A visita comezou polo punto máis distante: tras un descenso por camiños de terra e pó, entre oliveiras, ciprestes e algunha sobreira de pouca sombra, suando a fío e coa desesperación das carricantas no fondo dos ouvidos, finalmente apareceu a ruína fermosísima do santuario, o tholos circular de Atenea Pronaia ('a de diante da naos') co seu naufraxio de mármores á intemperie.


A pouca distancia e nun nivel superior están os restos, moi devastados, da palestra, o ximnasio e as termas; curiosamente, o que máis nos chamou a atención desta zona foi unha oliveira milenaria (é o que dixo Teddy, e en materia de árbores o que el me diga vai á misa), ao pé de cuxo retorto e atormentado tronco deixamos a mochila para descansarmos na boa sombra, como ao longo dos séculos fixeron moitos outros viaxeiros antes ca nós.

sábado, 8 de agosto de 2009

Cociña en obras

A xulgar por como me ficou a cociña, sen dúbida onte foi Venres Fareleiro, e a xulgar polas pegadas brancas (pés, mans, dedos) por medio tobo, o escenario dun crime no que Grisson fixo xa o seu traballo e agora empezaba o meu.
Para entreter a espera e conter os nervios, mentres o abominable home nevaba na cociña eu no estudio ultimaba un novo episodio da saga grega (que xa vai deixando ver a luz ao final do túnel), subía oito ducias de fotos ao slide, e falaba por teléfono.
  1. Con Nican: Promesas de irmos visitala a nena e mais eu para alixeirar unha pesada aclaración sobre interinos, permutas, comisións humanitarias e o café para todos. De política non falamos, pero os dous sabemos que se achega un curso quente en todos os sentidos.
  2. Con May: que veu xusto para o concerto, que saíu indemne, e que xa marchou a pasar uns días con súa mai, cousa de chegar e bicar o santo. Despedímonos con promesas firmes de que me virá coñecer o tobo antes de morrer (ela, que para iso me leva dez anos).
  3. Coa miña sobriña, que chama en nome da miña mai para viren tomar café; saben que hai obras na cociña pero non dan comprendido que ou o traen nun termo (e logo quedan a limpar) ou aquí non toma café nin cristo.
  4. Con Teddy, para preguntarlle un par de cousas sobre a viaxe a Delfos, para contrastar unha historia que non sei se me atreverei a contar no blogue, e para anotar curiosidades da lingua grega que con certeza contarei. Confírmame tamén que irá con Denis ao circo, e que conta comigo na súa terra antes de finais de Agosto.
  5. Con Haddock, que está sen coche e terá que comprar outro coche, que está sen compañeiros de piso e terá que buscar outro tobo, que as cousas van así así, que por que non nos vemos, que como non ten coche hei de ser eu quen vaia á Comarca.
Así que, aproveitando que a señorita Kaplan vai de campismo con súa mai, que hoxe deixarei de limpar o escenario do crime (a fin de contas, unha cociña non é un quirófano, e algo de cal até pode ser beneficioso a certas idades), e que teño ganas de moverme un pouco, probablemente o Luns porei proa ao SW.

venres, 7 de agosto de 2009

7º día: con D de Delfos

Mércores, e comezaba a nosa primeira visita fóra de Atenas; o día empezou coa rutina de acordar no cuarto relativamente frío polo aire acondicionado, duchármonos e vestírmonos co rosmar dos informativos na tele, o almorzo rodeados de comensais diferentes cada mañá.
Ás veces daba a impresión de levarmos anos desenvolvéndonos naquel mesmo comedor, poñendo o pan con sésamo na torradora ou enchendo os minúsculos vasos con zume de laranxa de pós mentres o café subía na cafeteira de cristal e os xigantescos comensais de ambos sexos deambulaban entre as mesas á procura da pitanza, recén duchados pero durmidos como zombis.
Nestes últimos días a nota de cor entre os hóspedes púxoa unha excursión de mulleres mexicanas, de peles escuras e camisolas verdes, que cotorreaban polos corredores e o comedor co mesmo alvoroto que cando entra un raposo nun galiñeiro.
Nikos explicáranos a lección como a cativos de preescolar: coller o metro na praza Omonia, logo un bus até a terminal B da rúa Liossion, e alí o omnibus das 10'30 para Delfos; unha vez máis, os billetes numerados sepáranme de Teddy e, aínda que non houbo até o momento nin desencontros nin tensións nin moito menos odios viscerais, case agradezo que me cadre ao lado unha linda moza helénica que apenas levanta o ollar dos textos mecanografados que está a corrixir.
A viaxe por estrada a Delfos dura unhas tres horas, e eu tiro unhas cantas fotos da paisaxe, cinéticas, movidas, antes de adormecer contra o cristal, como xa é costume; o omnibus fai unha paraxe máis ou menos na metade do percurso, nun bar-hostal con salón de bodas tan parecido a todos os da súa clase que até boto de menos o expositor con produtos do Bierzo.
Bebemos a nosa auga e camiñamos para estirar as pernas polo xardín reseco, entre oliveiras, agaves e pasaxeiros fumadores; Teddy lamentaba xa non termos madrugado máis, pero tamén recoñecía que nin a tiros nos darían levantado ás seis da mañá.
Entramos a comprar outras dúas botellas de auga case á hora, pero o chofer non parecía ter présa ningunha; non sei por que estúpida razón me deu por comprar as botellas esas con tapón de bico, como para rapaces ou ciclistas; supoño que me acordei da miña filla, e naturalmente non sabía que, cando volvese para o meu asento no autobús, con tanta manobra para esquivar nenos loiros e bolsas de viaxe e librar o espazo que a miña viciña correctora me deixaba sen me lle sentar no colo, o tapón de bico ía saír disparado xustamente cara ao escote da correctora. Afortunadamente, ela nin se inmutou: fíxome un rotundo sinal de stop cunha man mentres coa outra procuraba o impertinente proxéctil, que pronto achou, e alí non pasou nada que non esquecesen os nenos loiros poucos segundos despois de que o omnibus iniciase a marcha.



xoves, 6 de agosto de 2009

Rúas



Lido onte na prensa: en 1936, e como consecuencia dos novos tempos, a coruñesa rúa Liberdade cambiou o seu nome polo de rúa Disciplina.

Toda unha declaración de principios que resume en dúas palabras 40 anos de represión.

mércores, 5 de agosto de 2009

Obras e avarías


Ultimamente, sobretodo desde que se instalaron os que me viven enriba, pola cambota escoa ás veces un cheiriño delator a pementos fritos, a churrasco ou a sardiñas asadas, depende do día, que pronto enche a cociña toda.
Desde logo, non é un privilexio exclusivo; ao parecer, a nosa comunidade chega a estes estremos de compartirmos os efluvios culinarios, e logo todo son comentarios e conspiracións e ameazas ao promotor cando os viciños coincidimos no ascensor ou no portal, pero ao final ninguén fai nada, e das reunións marchamos pitando que empeza o fútbol ou que teño os nenos sós ou que mañá entro cedo.
Acabouse: esta mesma mañá o meu cuñado cortou e selou forever and ever o tubo que umbilicalmente unía as miñas ás demais pituitarias viciñas; lástima non lle ter tirado unha foto cos lentes protectores postos e unha pistola de escuma de poliuretano, que non uns nardos, apoiada na cadeira, digno émulo dos sicarios de Darth Vader.
O balance da escaramuza lembra a ruína do Partenón: presiden agora a cociña dous buratos no falso teito polos que tranquilamente collería a señorita Kaplan se lle dese por agocharse; houbo que recoller ademais cascallos de escaiola de varios tamaños e formas, arrumados ou non nun recanto, e unha grosa pátina de finísimo pó branco recubría os mobles da cociña, os azulexos das paredes e até o meu cuñado, que parecía o home das neves.
O máis grave é, sen dúbida, a tea de araña debuxada sobre o cristal negro da vitrocerámica rota; o causante do desperfecto foi, segundo o meu cuñado, a mala sorte. A mala sorte e un pedazo de xeso que se descolgou inesperadamente, engade. E zas.
Así que desde hoxe estou pendente das visitas dun perito do seguro e dun escaiolista que, por mor das vacacións de Agosto, virán non se sabe cando.
De momento as comidas, a base de asados e saladas, sen dúbida serán sanísimas.

sábado, 1 de agosto de 2009

6º día: con K de Kerameikos

A outra vez que estiven en Atenas,no pasado século, a miña compañeira naquela altura negouse a visitar ruínas despois da Acrópole e o Teseion.
Levábamos en Grecia unha semana, e aínda que ela só procuraba augas azuis e praias volcánicas en que tomar o sol lendo a Margareth Atwood e a Djuna Barnes, conseguín arrastrala comigo até o labirinto de Cnossos, polas casernas da fortaleza otomana de Rethimno e mesmo ás escuras entrañas do tesouro de Atreo.
Resultado daquelas tensións e negativas foi a dramática redución da estadía en Atenas e a imposibilidade de visitar, entre outras cousas, Kerameikos, noutrora un barrio extramuros da cidade que atravesaba unha das principais vías de entrada a ela, a da porta Dipilon, e en que surxiu un importante cemiterio que durante séculos permaneceu esquecido.
Non contarei que talvez as alegrías cervexeiras da véspera non nos permitiron erguernos coa fresca, como esperábamos, nin tampouco que o xacemento continúa tan esquecido para os atenienses de hoxe como para os seus devanceiros das últimas cen xeracións, o que nos supuxo ir á deriva entre bloques de pisos e fábricas: direi só que, cando chegamos, o sol estaba xa alto no ceo e que, cando terminamos a visita ao pequeno pero excelente museo que hai xunto á entrada, cumpriunos moita vontade e moito valor para botarnos a aquel forno en que se asaban ruidosamente todas as chicharras da Ática.
Sen propoñérmolo, Teddy e eu separámonos entre sarcófagos, lekitos, estelas e muros; a min atraíame a cúpula da Agia Tríada, e el por contra foi directamente cara aos restos da muralla e o Dipilon, onde acabamos atopándonos para o regreso; como sucedeu na Ágora, procuramos unha sombra para comermos a mazá do almorzo; esta vez, a sombra foi dunha oliveira.