sábado, 31 de xaneiro de 2009

Zona cero

Ser o decano deste portal (e vicedecano desta nosa comunidade) tivo os seus privilexios e regalías: aturei ruídos, pó, plásticos polas escaleiras, obreiros por todas partes, vibracións de trades e arrastrar de mobles, ascensores non operativos, caixas e plásticos por todos lados, máis obreiros, cortes de luz e auga a cada pouco, e unha interminable sucesión de penalidades que pouco a pouco compensou a alegría da novidade.
Pero o pasado Mércores volveu o pesadelo: o último piso que restaba por vender en toda a comunidade, xustamente o que hai enriba do meu, está en obras, e eu levo xa catro días cos nervos como cordas de guitarra, mentres os operarios se ensañan coas paredes e arrancan as bañeiras e furan e baten e deus saberá que máis botan abaixo.

Hoxe a zona cero semella estar en calma pero Luns, sen dúbida, retornarán os combates e eu volverei lamentar non ter gas no tobo.

venres, 30 de xaneiro de 2009

Día da Paz

Como cada ano, este día lémbranos que vivimos nun mundo que é un desastre, pero no que moitos aínda temos esperanza; nesta ocasión, ademais, e grazas a José Mário Branco e a súa Ronda do soldadinho, lembramos as vítimas máis inocentes de todas: os nenos e nenas.
Mortos, mutilados, asustados, violados, tomados como reféns e escudos humanos, mobilizados como soldados, abandonados á súa sorte cando o conflito remata, privados de todo porvir e xerme de futura violencia.
Son probablemente a maior miseria, a maior vergoña que levedan as guerras. Malditas sexan!

martes, 27 de xaneiro de 2009

Coloso


Primeiro foi Plutón, planeta que por anano até deixou de ser planeta; agora tócalle ao Coloso, obra espúrea, falsa, bastarda, oportunista e aproveitada, segundo os expertos.
Mudam-se na verdade os tempos, mudam-se as vontades, como diría (e dirá mentres lle deixen e non nos convenzan de ser unha fraude) o Torto aquel, pois todo cambia, pois nada permanece, pois nada dura ou é seguro neste mundo.
Nin sequera nós.

venres, 23 de xaneiro de 2009

Piratas de Ithaca

Non contei aínda que o día das eivas e as laceiras deixei que Polis me convencese para cargar no ordenador certo programa e así baixar pelis, moitas pelis, e series, moitas series, entre os dous. Unha semana máis tarde Polis, baixo a neve que cae en Ithaca, vén merendar ao tobo para ver a coroación republicana e controlar a produción, e mentres os Obama, tras desceren da limusina, camiñan pola avenida Pensilvania, o portátil ferve ao tempo que un río de cine lle vai enchendo as adegas.
As propias e as complementarias: móstrolle a Polis con orgullo o enorme almacén de 1 tera que xubilou os discos, e en que rápida e comodamente gardo o tesouro sen todas aquelas aborrecibles manobras. Pero o mellor é que é inmenso: como faría un novo rico ao presumir do tamaño da mansión, da piscina, do bemeúve, presúmolle a Polis, que segue ancorado nas disquetes, de hard-drive: despois de todas as películas, as fotos, os exames, os apuntamentos, os textos e relatos escritos noutrora, a música que xa encerrei dentro, aínda resta espazo suficiente para amoblar un recanto acolledor dentro como estúdio, para instalar un billar americano, unha sauna ou así, xa verei.
En calquera caso, entre olivas e cervexas, falamos dos problemas que presenta a pirataría doméstica; dos legais desengáname Polis, que para iso é avogado, pero eu atopo máis.
Por exemplo, a escolla: é como un xigatesco bufé onde un pode servirse de entre miles de pratas, fontes e bandexas e acaba quedando sen xantar por non decidir que poñer no prato.
Tamén alvisco que ocorrerá como cando apareceron os vídeos e facíamos copias e copias de todo, desde a película de madrugada na dúas ao telediario das nove, borrosas copias que nin víamos, que arrumábamos e esquecíamos nunha gaveta até o día que necesitábamos unha fita, e daquela regravábamos sen vermos nin sobre que.

xoves, 22 de xaneiro de 2009

Substituta

Despois daquel primeiro ex alumno convertido en profesor co que batín nos corredores do ensino, o que era excepción vai camiño de se converter en regra: agora é unha ex alumna, branca, grande e loira, case teutónica, a que pasea un pouco perdida e cargada de dicionarios polos corredores.
Explícolle onde ten que ir e preséntome; non a recoñezo en absoluto, nin sequera cando me di que lle dei clase en tal ano e que era compañeira de tales e tales alumnos, dos que tampouco me lembro.
Descúlpome: trato de xustificarme con iso do tempo transcorrido, do moito que cambian os rapaces, dos centos de alumnos que xa tiven, e vexo a walkiria marchar, corredor adiante, vestindo uns modernos calzóns tipo Aladino, perfectos para hidroceles ou hernias inguinais, daqueles que antes vimos todos nas películas de Simbad, de Alí-Babá, das mil e unha noites.
Despois, entrando na aula, decateime de que non me dixo o nome.

xoves, 15 de xaneiro de 2009

Made in Israel

Polos nenos asasinados sen piedade. Polos bombardeamentos indiscriminados contra a poboación civil. Porque as treguas hai que respeitalas. Por tratar de conseguir votos coa vida dos demais. Pola soberbia. Porque todos os pobos teñen dereito a existir e a unha terra en que asentarse. Polo vitimismo aborrecible. Polas casas levantadas co esforzo dunha vida e agora destruídas. Por ignorar que o diálogo é un camiño. Por cortar a entrada de medicamentos e provisións a unha cidade sitiada.
Pero, sobre todo, porque non sempre vencen as balas.





Boicote aos produtos Made in Israel (Código 729)

mércores, 14 de xaneiro de 2009

Plusvalía

Luns foi o día de ir a Atenas, axiña ao saír do traballo, e liquidar porfín a cochina plusvalía que, coma unha tenia monetaria, non cesaba de medrar a expensas miñas.
A ninguén avisei e a ninguén vin, como non fose xente anónima a moverse nunha cidade aterecida ao sol enfermo, todos a fuxirmos dun vento que cortaba como cortan as navallas.
Pasei non por casualidade polas dúas inmobiliarias en que puxera o piso á venda: nunha hai agora unha sucursal de vodafón; na outra, un local de piercings e tatuaxes.
Regresei sen xantar a Ithaca. De Atenas traía os petos cheíños de papeis e recibos, unhas cantas fotos na cámara, un café que tomei nun dos favoritos, un libro sobre árbores, e a punxente idea de que talvez debín seguir en Atenas algúns poucos cursos máis.
Esa idea tampouco foi que durase moito: boteina pola ventá do coche antes de pasar Taboada, e alí seguirá, gaveando polas cortiñas, entre restos de neve sucia e castiñeiros pelados.

domingo, 11 de xaneiro de 2009

Hipocondríaco

Debe ser que ando bobo estes días, co retorno ás aulas, a orde na casa e tanto slide (ese agradecido xeito de se convencer un de estar facendo cousas) pero onte esquecín que quedara con Polis. Non nos víramos desde a visita ao bebé de Mirinda, e cumpríalle contarme a súa despedida de ano andaluza; aínda máis tendo en conta que, ao ir Encantador nunha cea da súa peña de pesca (ou algo así), Polis podía desatarse.
Pero, xa digo, até velo na pantalla do automático non lembrei a cita, e mentres subía busquei argumentos para non saírmos á tundra. Convencino: supoño que camiñar desde o batmóbil até aquí sobre os cristais de sal, no permafrost en que se transformaran as birarrúas, facilitou o labor; ademais, Polis non viña expansivo senón máis ben murcho: esperando pola comida cóntame que, como seu pai, ten unha dor no ombro esquerdo que ás veces non lle deixa respirar; pero seu pai morreu de cancro e Polis cre firmemente no que é hereditario (supoño que por iso é avogado e monárquico), así que non se atreve a ir ao médico; que ademais a dor sexa no lado esquerdo non axuda: a mai de Polis tamén morreu dun ataque ao corazón.
Encantador chámalle hipocondríaco, e cando Polis fala de Encantador é como escoitar unha parella de moitos anos, invulnerable mesmo a unha noitevella carísima e sevillana que acabou de madrugada denunciando nunha comisaría que lle roubaran a carteira a Polis con todas as tarxetas, cando en realidade as esquecera no hotel.
Non penso noutra cousa, di, atacando o chop suey, o arroz, Polis, que nin bromea como fai sempre ao levar á boca o roliño primavera. Doulle mil motivos diferentes polos que pode doer un ombro esquerdo, fálolle do desaparecido Teddy e do resucitado Calmo, fago que especulemos sobre o home que se parecía a Faulkner e pícoo co asunto do sacaleite, descartada a serie, déixolle escoller entre dúas películas e encárgome de tirarlle da cabeza a que escolle, e así entre a tensión desta historia tenra e terrible, redonda e ben contada, as cervexas, o glutamato, o tabaco que fumou, e posiblemente o contraste entre a caloriña da casa e o frío siberiano de fóra, a noite transcorreu suavemente.

Tanto, que me deu medo que Polis quixese durmir aquí.

venres, 9 de xaneiro de 2009

Xaneiro


O verdadeiro milagre do Nadal é cando ao día seguinte de Reis a árbore, o nacemento, os agasallos, toda a batería de papel, cartón e celofán que os envolvía, os adornos que encheron de brillo e felicidade os recantos da casa, se converten en repelentes obxectos que cómpre perder de vista canto antes.
Das gorduras que rebentan lorzas e amortecen cadeiras que nunca foran apolíneas, mellor non falarmos.

martes, 6 de xaneiro de 2009

Carta a posteriori


Queridos Reis Magos:
Estou moi contento cos meus agasallos, e a señorita Kaplan moito máis coas bonecas, a colonia, as pelis, o libro e a roupa que lle deixastes, pero vin unha mañá máis nos xornais e escoitei na radio que moitos pais coma min e moitos nenos como a miña filla se ven privados dun agasallo fundamental, moito máis importante que unha colonia ou unha Barbie: a paz, a liberdade, a independencia do seu país, e mesmo a vida, sen que ninguén mova un dedo.
Pode que agora sexa un pouco tarde para pedir nada, pero non pensei que fose necesario por se tratar de algo tan obvio e evidente, e porque as Vosas Maxestades viñeron precisamente de Oriente, seguindo unha vez unha estrela, a esa mesma terra, daquela coma hoxe ensanguentada.
Négome a crer que perdestes influencia, e que fose mellor dirixirme ao Papá Noel dos americanos, para pedirvos, Maxestades, que fagades o posible por que os ollos, os ouvidos e os corazóns dos poderosos se abran, e que as lapas da cordura e a piedade inflamen aquela terra coa mesma forza coa que o fan os proxéctiles e as bombas.

venres, 2 de xaneiro de 2009

Nunca


Nunca deixes a cámara de fotos ao alcance dunha nena de oito anos, moito menos na cea de fin de ano. Resultado: comensais constantemente cegados polos flash, a bandexa dos polvoróns polo chan, e unha serie de estrañas fotos de cóbados, calugas, dedos pelando lagostinos, bocas deglutindo pavo, vermellos ollos de vampiro; en resumo, a collage dunha cea de noitevella inesquecible.

Nunca imaxinei que botaría tanto en falta ese móbil perdido, exiliado, fuxido, que pasa de incógnito uns días de vacación ou aventura nalgunha casa, coche, bolso alleo. Con el marcharon, ademais, decenas de números de teléfono e a miña vida social, e eu virei máis robinson que nunca. Volve, querido, vello, irremprazable amigo.

Nunca digas nunca máis (principalmente en cuestións de cama e bragueta): debe ser que estou aburrido ou que este período en dique seco me contamina de testosterona as neuronas, pero empezo a desexar que pasen os Reis e volva a normalidade para cobrarlle a Calmo a cea que o outro día recordou que me debía (o dos artiluxios irase vendo).

Nunca pensei que non pediría traslado este curso; o prazo terminou antonte e eu deixeino marchar como se deixa marchar un tranvía ou un avión. E por moito que se afanase Tere Holmes cubrindo a súa lista de destinos, a min a soa idea de cambiar de centro e hábitos acabou por poñerme os pelos de punta e unha bóla no estómago.