Páxinas

venres, 31 de outubro de 2008

Meme dos praceres


Pídeme Noe Pastor que enumere seis entre as cousas que me fan sentir mellor. Como se supón que é algo que debe transmitir pracer, e as obrigas en xeral non son pracenteiras, por unha vez non pasarei a testemuña a ningún dos meus blogueiros de cabeceira (pero saiban que é por esta vez, que para outra serán nominados). E comezamos, sendo algúns do meus sumos praceres...

1. Que a señorita Kaplan durma aquí, na súa (outra) casa. Levala no colo para a cama, mesmo co que xa vai pesando, mesmo sendo produto do seu meco, segue a ser algo ao que nunca me dou negado.

2. Sentarme na butaca despois de xantar, a manta sobre as pernas estiradas, a tele posta: que pracer adormecer e acordar despois no medio do Serengeti, coas cebras e os ñus a correren na estampida! Asumámolo: trátase dun pracer outonizo, seguro que si, pero que pracer.

3. Deitarme moi moi tarde por quedar a ver unha película interesante ou o capítulo dunha serie que sigo; dáme igual se ao día seguinte traballo e teño a cabeza pesada: compensou largamente.

4. Reler un post ao día seguinte de escribilo, poño por caso, e ver non xa só que está como debe estar, senón que nos comentarios aqueles para os que escribo opinan o mesmo. Isto, meus queridos, non hai cartos que o paguen nin vaidade que se resista.

5. Ver como na aula, mentres facemos un comentario de texto no medio da aridez máis completa, ao alumno máis insospeitado, talvez ao máis gris, ao máis problemático, repetinamente lle muda a cara ao descubrir por si mesmo o significado dunha metáfora que lle abre o significado do texto enteiro. Por cousas así, que pasan unha vez ou dúas cada pontificado, sigo pensando que aínda vale a pena.

6. Poñerme a esbardallar con Haddock ou con Polis, tomando unhas cervexas e picando algo por aí, sen nos preocuparmos o máis mínimo que a xente nos mire ou se aparte ou nos escoite arranxar o mundo ou condenármonos para toda a eternidade, amén.

R de Sofía

Realmente, isto é o que en galego chamaríamos botar a lingua a pacer.

mércores, 29 de outubro de 2008

Naufragamos

Se algo ten de bon facer anos e gardar cousas antigas no disco duro é que cando se recibe unha mensaxe de móbil que di temos que falar, chámote pola noite, e logo á noite a voz ao outro lado converte a chamada nun panexírico da túa hospitalidade, dos gustos comúns, do pracer da túa conversa, un rapidamente comprende que o que lle escoa do auricular é en realidade unha despedida.
Se ademais a segunda parte da comunicación está inzada de promesas mutuas de volvernos ver, de quedarmos pronto para xantar naquela antiga taberna que aínda adornan murais de Lugrís, de seguirmos mantendo viva a amizade (no sucesivo sen sexo), agora que Ártabro coñeceu unha persoa e algo especial está a nacer en Brigantia, e eu lle agradezo que pensase que o mellor era dicirme o que había e non desaparecer sen explicacións, daquela, non nos enganemos, é que xa non lle volverei ver máis o pelo.

luns, 27 de outubro de 2008

Gasolina


Orballaba hoxe ao mediodía cando, ao encher o depósito, comprobei que o prezo da gasolina sen chumbo de 95 está (aínda que testemuñalmente) por baixo de 1 euro.
Alegráronme o día todos aqueles noves xuntos, como non, apesar do orballo; agora que escoito pola radio que ben puidera baixar de novo o prezo dos cartos, até me sinto conmovido.

mércores, 22 de outubro de 2008

Let's live like galician


Polis chama a este tipo de cousas "nacionalismo de mortadela". Eu, que non vou a comisión do supemercado patrocinador, sen embargo atopo o anuncio tenro e até riquiño.
Máis, aquí.

xoves, 16 de outubro de 2008

Competente


Un xuíz que nos honra declárase competente para investigar a prol da dignidade e da memoria. No seu auto lese, palabra por palabra, o que todos sabemos pero que o Estado e moitos dos nosos compatriotas aínda prefiren esquecer, negar ou non saber, o que nos deshonra; algúns queixándose mesmo dunha tan inoportuna investigación, estando como están colapsados os xulgados.

Miles de personas fueron inscritas en los Registros Civiles con la causa de muerte: “Aplicación del Bando de Guerra”; pero un número mucho mayor de personas quedaron sin inscribir en tales registros. Personas detenidas, muertas y desaparecidas hasta el día de hoy. [...]
El suplicio para los familiares de los desaparecidos ha sido permanente porque no supieron si las víctimas fueron ejecutadas, desaparecidos o si estaban vivos o muertos, lo que les convierte asimismo en víctimas, hasta el día de hoy o el momento del hallazgo.
Actualización: Para contento de moitos (goberno, xuíces, partidos políticos, medios de comunicación, igrexa católica, e demais xente de orde) e vergoña de todos, o xuíz Garzón deuse por vencido, inhibíndose en favor dos xulgados territoriais en que se cometeron as atrocidades.

mércores, 15 de outubro de 2008

Meme €xcéntrico

Segundo o prometido, é este o momento de desvelar os cinco desexos imposibles, as cinco extravaganzas do millonario que nunca serei, hai que asumilo, e que non serán máis do que carne de soños, por moito que nos doa.
Pero se por algún imponderable o destino se revirase e a sorte me fose favorable...

1) ...teñan a certeza de que tras liquidar a hipoteca deste tobo (non é cuestión de acumular impagos posuíndo unha das fortunas do planeta), compraría ao contado unha illa no corazón do Exeo; unha illa cun cabo, e no cabo un faro en desuso, pintado de branco e anil, perfectamente confortable, para eu pasar longas tempadas lendo e escribindo rente ao mar, e espantando a melancolía á forza de sirtaki e ouzo.

2) ...asegúrolles que me axenciarei un planeta, un satélite ou un asteroide (isto si que non sei se se pode comprar, aínda que probablemente, porque se a fe move montañas que non han de mover os cartos). Tendo comprobado que nunca unha asociación de astrónomos acomplexados mo vai degradar de categoría, daríalle o meu nome ao planeta e continuaría, telescopio na man, nomeando o mar de Paideleo, o volcán Sun-Iou, a cordilleira da Gradicela, o cráter Queue Bleue, o monte Rambaut, e sucesivamente.

3) ...non dubiden que terei varios tobos polo mundo adiante, sempre dispostos para calquera ocasión imprevista e intempestiva; tomen nota, por se veñen de visita, da suite con vistas no Plaza, do estudio en Via Margutta, do palacete rodeado de laranxeiras en Alexandría, da dacha de Crimea.

4) ...dean por feito que doarei o necesario para que as autoridades recompren os terreos indecentemente cedidos á especulación; con iso afastaremos definitivamente a ameaza que hoxe paira sobre o fermoso Parque e o seu entorno. Logo veremos que se pode facer coa pirámide.

5) ...non pensen que non me cansarei axiña de todo isto: darame unha neura un día e venderei illa, tobos e planeta, e toda canta cacharrada e moblaxe arrumarían, daquela entregarei o gaño ás oenegués de costume e, cando todo se calme e os que non me coñecen me teñan esquecido, volverei vivir modesta e tranquilamente, como é debido.
E esta talvez será a máis grande extravaganza de todas.

luns, 13 de outubro de 2008

$e eu fose rico

O señor Paideleo, coa súa proverbial amabilidade, ponme no compromiso de responder o meme do millonario, elucubrando que excentricidades cometería se eu fose rico (yubby dibby dibby dibby dibby dibby dibby dum); como a cousa non me resulta así tan doada, mesmo en época de crise, pensei empezar por unha excentricidade, pero esta de pobre: en lugar de facelo ao final do post, será agora cando enumere os millonarios potenciais, e xa mañá terei tempo de responder o meme.
Así que díganme, señoras de Esmelle, Noe Pastor, Sun, Queue Bleue, señor Rambaut: con que extravagancias sorprenderían o mundo, en que gastarían os cartiños, que imaxinarían para que virasen pálidos de envexa os sultáns das lendas?
Por se procuraren ideas ou inspiración, déixoos con Rev Tebye e as súas suxestións.
Lémbranse?

xoves, 9 de outubro de 2008

Navegamos


Martes era o día de vir Ártabro aquí, ao San Froilán, aínda que a pouco de erguerme e botar un visual pola xanela xa eu receaba; fóra desatárase un diluvio universal a escala, pero eran as 7 da mañá e houbo tempo a que o tempo se amañase, e un sol tenro e outonal recibise a quen porfín voltaba, tras case dous meses de axendas incompatibles, fuxidas adiante e tal.
Para cando Ártabro chegou eu xa dera tres clases, enchera con elefantes e círculos e rombos a beira dunha folla por non adormecer na reunión do departamento, comprei lagostinos no súper, e na casa puxen a asar unha costelada digna dos Picapedra, fixen tortilla de patacas, ben babosa de ovo como el a pide, puxen a mesa e, mentres Ártabro subía, cortei en catro, para acompañar os lagostinos, un limón deses de pel gorda e amarela coma os que Zurbarán pintaba.
Talvez como prenda de boa vontade, traía Ártabro a figura de Batman que non dei localizado aquí; eu non lle tiña nada, salvo os lagostinos, a hospitalidade, a cama preparada.
Entre orgasmos e costelas cóntame que non veu o outro día porque seu irmán pensa divorciarse e soltou daquela a bomba; ides acabar comigo entre todos, conta Ártabro que dixo súa mai en pleno drama, aproximadamente o mesmo que dixo a miña cando tamén soltei a miña bomba; polo demais, a historia coincide basicamente coa de Haddock: após 20 anos de matrimonio, cos fillos fóra, na universidade, a rutina de seguir convivindo cunha muller que, ademais de predicible, engordou demasiado, resúltalle a este corentón tres anos máis vello ca min insoportable.
De volta ao noso, os dous medimos as palabras, os xestos, os planos inmediatos: trátase de evitar todo o que soe a compromiso, pero se o noso unicamente é sexo, resulta estraño que nos fagamos agasallos, que visitemos xuntos unha exposición de pintura decimonónica, que xantemos contándonos a nosa vida a golpe de alvariño, ou que vaiamos ir despois escoitar, baixo a xeada mainiña, a voz fermosísima, de veludo, d' el Cigala.
Renuncio a entender nada e fágolle caso a Polis, que lle pega etiquetas como neno grande e fillo único (aínda que el tamén o sexa) cando lle conto que Ártabro nin amagou facer a cama, non me axudou a recoller a mesa, nin se lle ocorreu que a toalla non se deixa por aí tras ducharse, nin que a leituga envasada non cómpre lavala, nin que esta casa non é unha fonda para ter á sobremesa máis do que xelado e froita, ou só tortilla para acompañar a carne.
Por fortuna, na cama é espelido e disposto, non hai que ensinarlle ou gobernarlle, aquí ou alí, ten boa conversa e sabe facerme rir; con iso vanse compensando as cousas e os dous navegamos.

sábado, 4 de outubro de 2008

Euríbor


Unha viñeta do xenial Medina publicada estes días venme ao pelo para ilustrar o post case elexíaco que veño argallando desde que onte, ao ir ao banco para o que traballo, comprobei que a hipoteca, levedada sen piedade polo euríbor, de agora en diante me suporá 65 eurazos máis por mes.
Polo demais, nada que non estea nos xornais.

xoves, 2 de outubro de 2008

Oktapodi

Non son moi afeccionado que digamos a colgar vídeos na blogue, e moito menos de debuxos animados.
Sen embargo, á vista deste que lle roubo a Willy (quen á súa vez tamén o roubara, e xa se sabe: quen roubar a un ladrón...) talvez haxa que ir mudando de costumes: un pracer.

Orbitando

Con varios días de retraso (por iso do comezo do curso e tal), hei de explicar hoxe aquí que pasei o fin de semana como di o tango: solo, fané y descangayado. Certa cousa como orgullo impedíame telefonar á procura de amoras verdes, o que tería sido inútil ademais, porque os Polis andaban por comendo fabes, e Teddy esgotaba xunto a Deni as vacacións.
Dous días estiven aquí encerrado, orbitando, sen falar con ninguén e sen ver xente en tres dimensións, dopándome con ciencia ficción como para sentir que competía con Titov, con Poliakov e con Avdeyev, e que o tobo se transformaba unhas veces na MIR e outras na Nostromo, claro que sen Ripley e sen mascota.
No serán do Domingo, depois de ter visto naves a arder alén de Orión e raios C brillaren na escuridade perto da Porta Tannhäuser, cando o tedio era tan evidente que comprendín que estaba a facer corpo coa butaca e que bastaba coa cervexa para explicar as notables perdas de gravidade, daquela soou o bendito móbil.
Era Ártabro. Que se o invito para o Sampailán.