venres, 26 de setembro de 2008

Voltas e revoltas

Movida mañá de Venres, a que máis cedo sairei este curso: despois do traballo e dun café con Cam, corrín ao súper para facer a compra da semana, porque na neveira xa había eco; en Facenda non dei feito nada porque inexplicablemente aínda me faltaban papeis, os do banco; collín o xornal e a película, e a libreira de costume deume de fiado o libro infantil do Sábado e tamén a Mafalda do Domingo; percorrín outras librarías e a tenda de frikadas das galerías, e non dei atopado o que procuraba: habíaos grandes, cabezóns, en resina, pero non o Batman en chumbo que Ártabro pediu; xa de camiño á casa dos meus pais para xantar, nunha farmacia collín con receita unha boa reserva de bágoas.
Pero antes, e por un módico prezo, comprei onde o señor Rambaut me dixera dúas pegatas para non esquecer: unha para o coche; a outra xa verei.

martes, 23 de setembro de 2008

Romy


Hoxe cumpriría 70 anos, e eu sigo sen podelo crer. Canto máis rebusco entre as súas fotos, máis imposible me parece. Gustaríame pensar que Deus existe e, talvez arrepentido, agora aínda a garda da enfermidade, da vellez, da pena que acabou con ela.

domingo, 21 de setembro de 2008

Addenda


Punto Único:

Localizar pegata con bandeira do Nunca Máis para o cristal traseiro do coche; sete invernos cunha delas aí colada (neste ou no outro coche) son moitos invernos para cambiar, nin alerón nin hostias.

sábado, 20 de setembro de 2008

Encomendas

(The War, a short film by Shilo)


(...ou Cousas que facer en Ithaca antes de comezar o Curso. )
  1. Chamar a R para celebrar un ano con Telefónica largándome, precisamente, de Telefónica.
  2. Alugar una furgona para ir reclamando por Ithaca e a contorna as aproximadamente dez mil películas, CDs e libros que teño prestados (cómpreme empezar pola casa da miña irmá, onde a miña sobriña non debe case caber no cuarto).
  3. Lembrar que a miña nova colega de departamento non se chama realmente Olivia, e que tampouco foi moza de ningún mariño chamado Popeye, como aseguraban os alumnos do século pasado, cando traballamos xuntos por primeira vez.
  4. Localizar para Ártabro certa figura coleccionable de Batman que ao parecer vendían nos quioscos hai unhas semanas tras a estrea da película, e que en Brigantia están esgotadas. Empezo a temer que Polis non é o único que comparte cama cun friqui.
  5. Quitarlle da cabeza a meu pai a teima de limpar o rocho. Sigo tan marcado polas limpezas de rocho da miña adolescencia (inesperadas, indiscriminadas e feroces) que aínda tremo cada vez que meu pai usa as palabras faiado e limpar na mesma frase: arramblaba co que lle parecía inútil, e logo a miña irmá e eu tíñamos que ir salvar do lixo o que podíamos, se podíamos; alá foron o Exin Castillos, moitos cómics do Capitán Trueno e o Jabato, a Nancy da miña irmá e nin se sabe cantas cousas máis.

xoves, 18 de setembro de 2008

Cagadas

Este Sábado estivo aquí Haddock, inesperadamente, e con Haddock Ela.
Ao parecer, ocorréuselles emprender o camiño a Ithaca por faceren algo e aproveitar para que Ela e eu nos coñecésemos, sen máis; traían por outra parte un listado básico de propostas que ían desde xantar con certa opulencia a gastar as solas muralla adiante e polo Parque tinxido xa de cores outonizas, pasando por tomar os viños na Rúa Nova, a experimentar ás veces puras delicatessen e ás veces estrañas cousas desconstruídas dentro de copas.
Todo correu estupendamente, todo foi divertido.
De certo, non puido saír mellor se pensamos no acougo da rapaza apesar de que teimei toda a noite en chamala co nome da Outra, a ex muller de Haddock, mentres a el lle subía a presión e a cara que se lle poñía detrás do vaso era de quererme asasinar cada vez que me ouvía cagala.

xoves, 11 de setembro de 2008

Allende



Trabajadores de mi patria: tengo fe en Chile y su destino. Superarán otros hombres este momento gris y amargo, donde la traición pretende imponerse. Sigan ustedes sabiendo que, mucho más temprano que tarde, de nuevo abrirán las grandes alamedas por donde pase el hombre libre para construir una sociedad mejor.
¡Viva Chile! ¡Viva el pueblo! ¡Vivan los trabajadores!
Éstas son mis últimas palabras y tengo la certeza de que mi sacrificio no será en vano. Tengo la certeza de que, por lo menos, habrá una lección moral que castigará la felonía, la cobardía y la traición.


(Hai 35 anos, tamén un 11 de Setembro)

mércores, 10 de setembro de 2008

Requirimento

Iso de que Facenda somos todos proe e escarnece cando, a día de hoxe, este contribuínte non recibíu aínda a devolución correspondente, gorentosa e útil como poucas.
E non só: acaba de chegarme unha carta seca, prepotente e case incomprensible, como se o destinatario fose en última instancia o manguis causante da crise (perdón: do momento certamente complexo e cheo de dificultades que atravesamos) ou algo pior, advertíndome que debo presentarme na Axencia Tributaria cun cargamento de papeis, recibos, escrituras e paciencia para xustificar, tres meses despois, aquelas deducións que outros funcionarios tiveron a ben practicarme.
Por suposto, os xuros de tanta ineficacia nin os cheirarei.
Xa estou ouvindo a miña mai mentres xantamos: A can fraco todo son pulgas.

sábado, 6 de setembro de 2008

Meme lector


Este meme que lle roubo a Noemí Pastor é un pouco para axudarme a facer balance das lecturas estivais e un pouco por dar de comer ás vacas fracas que tan mal lle acaen á blogosfera. Así, pois, procedo:
2. A medición do mundo, de Daniel Kehlmann.
3. Polvo eres, de Nieves Concostrina.
4. La invención de Hugo Cabret, de B. Selznick.
5. Atando cabos, de Annie Proulx.
6. Mortaja para un ruiseñor, de P.D. James.
7. La muerte viene de lejos, de J.M. Guelbenzu.
8. El cuadro perdido, de Jonathan Harr.
9. O ceo dos afogados, de Francisco Castro.
11. Muertos de papel, de Alicia G. Bartlett.

Cómpre dicir que só enumero os libros lidos por completo e non os que ficaron polo camiño, que tamén os houbo, porque agora non teño a lexendaria paciencia de cando era mozo e xa non lle permito a calquera que indecentemente me roube o tempo e me maltrate impunemente cos seus textos inaturables.
Para responder a el escollo, intrigado, a Peke, a Sun, a Queue Bleue, a Paideleo e a Daniel Rambaut, pero por suposto responda tamén todo aquel que queira responder.

venres, 5 de setembro de 2008

Burning


O final das vacacións trae consigo o reencontro con alumnos e profesores desganados; entre estes últimos, algúns en realidade maldisimulan un entusiasmo polo retorno que eu hai anos xa non sinto, e á menor oportunidade soltan planos de excursións, visitas e actividades extraescolares para este curso que os demais non damos dixerido.
Como moito, fóra da avaliación son quen de queixarme dos malos resultados, dos inexplicables suspensos dos que deixaran dúas, tres asignaturas para Setembro e non as deron aprobado, e por iso repetirán curso ou non titularán, dos que non se presentaron, dos que promocionan por imperativo legal, dos que nin sequera sabían cando ou de que se tiñan que examinar.
Á parte disto, nada; mentres as de francés, inglés e historia esperan quenda conversando animadamente de embarazos de actualidade, casamentos e narices, eu vou mecanicamente asinando actas e informes como o que en realidade son: tan só o muro de papeis que me separa do curso que xa vén.
Fóra, o día está escuro, diluvia e eu sigo sen coche.

xoves, 4 de setembro de 2008

Inri

Setembro, mes-luns, comezou de mala maneira: as trevoadas da semana pasada e o seu caudal de choiva repentina e implacable sacáronme o coche da estrada e agora complícanme a vida ao facerme depender dos meus colegas para ir e vir a exames e avaliacións.
Con todo, non é iso o pior, nin a factura que está aínda por chegar e non pagarán nin a choiva nin os trevóns: o pior, desde logo, vai ser certo alerón empoleirado no novo portón traseiro, tremolando atrás, coma un inri clamoroso e macarra. Uf!