martes, 26 de agosto de 2008

Oculista

Segunda visita ao oculista: dilátame a pupila, asómase impudicamente a ver que hai, mide, compara, comproba. Fala tan baixo que apenas son quen de entender o diagnóstico: afástase ao parecer o pesadelo da hipertensión ocular, do glaucoma, da cegueira que apagou os últimos anos dos meus avós.
Pero sigo a ter todas as papeletas, como me lembra o doutor, quen, tras louvarme unha vez máis a córnea e encherme o peto de lágrimas, me cita para unha nova revisión en tres meses.

xoves, 21 de agosto de 2008

Contesto

Nalgunha ocasión anterior xa tiven que parafasear a Cortázar ao dicir que este blogue é moitos blogues pero sobretodo é tres blogues; agora, cando dous queridos e fieis lectores se me mostran preocupados por non sei que aparicións e desaparicións, cómpre que explique que este blogue é, como nos pregaban no catecismo, un e trino, aínda que principalmente un.
Na rebotica hai outros dous, xa invisibilizados: ambos conteñen monstros only for my eyes; un deles é o almacén de vellos diarios de inverno que dei salvado cando me invadiron o disco duro gais troianos e viciñas ninfómanas, de xeito que serían os capítulos iniciais deste blogue, pero nunca verán a luz; o outro, un simple laboratorio: aí toman forma e son probados moitos dos post, slides, banners, fotos e demais que logo asoman (ou non) ás brancas praias de Ithaca.
E así, meus, non hai máis cera que a que arde, nin máis Ithaca que a que estades a ler.

mércores, 20 de agosto de 2008

En Brigantia

Aproveitando un Xoves, nuboso pero estratexicamente instalado antes das dúas quincenas que pasará aquí a nena, e que nos colocarán no pequeno pesadelo de Setembro, fun a Brigantia.
A Ártabro debíalle unha explicación e un presente de aniversario. Tratábase ademais de visitar con el unha exposición de retratos decimonónicos e outra, conmemorativa da fundación da cidade, da que só me interesaron o cristo románico e as figuras que, expoliadas da catedral de Delfos, hoxendía adornarán algún recanto umbroso nun pazo tamén expoliado.
De resto, nada: cóntame Ártabro que as exposicións agora son só moreas de cousas variadas e sen máis entre elas que a coincidencia no tempo, case sen explicacións, porque as exposicións agora encárganse a empresas que tanto che montan unha exposición como unha feira goyesca ou un ardelucus.
A tarde correu polas zonas vellas da miña memoria, das miñas vacacións de neno: non fomos á praia nin ao faro, pero si camiñamos polo Parrote, o xardín de San Carlos, a praza de Azcárraga, onde xantamos. Nos Cantóns, heroes do cómic axexaban os paseantes. Na Rúa Real animei a Ártabro a comprar un par de zapatos, que eu nunca compraría e el desexaba (hoxe sei que os devolveu); en compensación, na cafetería da Fnac, ou pola vantaxe dos anos que me leva ou por me pillar desprevido, Átabro soubo darme a volta, de dentro a fóra, como a unha luva, e acabei psicoanalizado e contrito, indefenso con todas as costuras, forros e ganduxos á vista.
Volvendo para Ithaca de noite, tardísimo, pareceume que por algún motivo a autovía medía cen, talvez dous centos kilómetros máis do que pola mañá, pero a distancia até Ártabro era por contra algo menor.

luns, 18 de agosto de 2008

Wall-E

Ártabro tiña toda a razón cando o outro día me recomendou que a levase ao cine, que esta era para ver en pantalla grande.
A señorita Kaplan veu para a casa encantada; todo lle gustou, principalmente a historia de amor entre a implacable robot dixital e o coitado analóxico da foto.
O pai da señorita Kaplan, que é da opinión de que todas as pelis infantís son igualmente ridículas, homexenizadoras e cursis, logrou sen embargo nesta ocasión non monear na butaca nin saír cos ollos a media hasta do cine.
O mellor, sen dúbida, foron os temidos 25 minutos iniciais, sen diálogos, con só os chilreos da máquina, e as sobrecolledoras vistas da megalópole chea de lixo que percorre sen cesar.
Deixado a un lado o prezo da entrada, o peor foi ese terzo de metraxe en que, punto máis ou punto menos, a peli conta o de sempre; o segundo peor, o megachupa de Kojac ao que me invitou a miña filla, esa grande afeccionada.

sábado, 16 de agosto de 2008

venres, 15 de agosto de 2008

Café rápido

Por aquí pasaron Teddy e o seu Deni para ir ao cine; veñen co tempo xusto de tomaren un café nun local ao lado do tobo, e de Teddy arricarme un xuramento: nunha semana estarán de vacacións, e eu, cada día máis agobiado con vivir este presente de hosteleiro, a Deus poño por testemuña de que este Inverno me irei de vacacións, dáme igual onde, como ou con quen, proclamo.
Cando Deni vai para o wc, Teddy laméntaseme de que non nos volvamos ver até Setembro, pregúntame por Ártabro, proponme que saiamos os catro xuntos, un día, unha finde; pregúntolle, como outras veces, que sabe Dani; respóndeme, como outras veces, que nada, así que cando Deni volve falamos de toda a xente que me pernoctou na casa, das fugas a Brigantia e Atenas, dos peixes de cores que lle coido a Polis.
Ao nos levantarmos, Teddy dáme un sobre con pelis que me pirateou el mesmo e que non lembraba terlle pedido; na casa vexo que son tres discos e unha cuartilla escrita cunha letra redonda e pequena que non coñecía. Parece mentira, a estas alturas.

mércores, 13 de agosto de 2008

Xubilación


Meu pai foi hoxe pola mañá ao barbeiro e volveu moi enfadado.
Tras case 32 anos (tantos como levan vivindo neste barrio), o barbeiro anuncioulle que esta vai ser a última vez que o atende, porque para finais de mes se xubila e fecha o local para que abran unha óptica.
A sociedade acaba aquí, repentinamente, e meu pai terá que buscar outro barbeiro, que a este ao parecer xa lle tremían as mans, que tiña atrasadas as revistas, e que aburría a un santo con tanto falar de balnearios e viaxes a Benidorm.

martes, 12 de agosto de 2008

Mentira

Para este finde estaba previsto que Ártabro viñese; onte pola mañá falei con el, que me telefonou para confirmar que viría hoxe ao mediodía, que traerá unha daquelas botellas de viño que aínda lle quedan de seu pai, e que súa mai faría ravioli, xenuínos ravioli della mamma (da súa) con pesto, que traerá nun tupper para cear.
Onte pola tarde houbo eclipse ou algo, porque chamou Teddy; que marchan uns días pero que Deni non o recolle até Domingo porque non deu librado, así que se estou de acordo baixa da montaña máxica, baixa e está aquí para xantar, e xa queda a durmir até Domingo.
E eu, que non teño perdón de Deus nin vergoña, póñome a matar por segunda vez nun ano á coitada tía María, a centenaria.
Así que pouco antes da medianoite, moi serio, telefonei a Ártabro para lle dicir que era mellor deixármolo esta finde, que a familia está conmocionada, que unha tía de meu pai, moi velliña, agoniza a pobre no hospital...

domingo, 10 de agosto de 2008

Armageddon 2


Cómpreme desculparme polo alarmismo histérico do post anterior e tamén facer unha rectificación: a data do fin do mundo foi novamente adiada, esta vez até o vindeiro 10 de Setembro, Mércores.

(Valerá a pena que me matricule en inglés?)

Armageddon



 Non se me ocorreu mellor cousa que ler isto sobre o Grande Colisor de Hadróns (LHC), ou acelerador de partículas, despois de ver a segunda parte de Matrix e sen podelo comentar con ninguén porque Teddy, alleo ao espectacular final que nos agarda á volta da rúa, está agora a fungar furiosamente no salón.
Aínda así, o que máis me desacouga de todo isto é que nos queiran acougar con argumentos espeluznantes coma este dos buracos negros e os protóns solitarios.
Lean, lean:

Entretanto, se um buraco negro fosse produzido dentro do LHC, ele teria um
tamanho milhões de vezes menor que um grão de areia, e não viveria mais de
1x10^−27 segundos pois, por ser um buraco negro, emitiria radiação e evaporaria.
Mas, supondo que mesmo assim ele continuasse estável, continuaria sendo inofensivo. Esse buraco negro teria sido criado à velocidade da luz (300 mil km/segundo) e em menos de 1 segundo ele atravessaria as paredes do LHC e se afastaria em direcção ao espaço. A única maneira de permanecer na terra seria se a sua velocidade fosse diminuída para 15 km por segundo.
Supondo que isto ocorresse, ele iria para o centro do planeta, devido à gravidade, mas continuaria a não ser ameaçador. Para representar perigo, seria preciso que ele adquirisse massa, mas com o tamanho de um protão ele passaria pela terra sem tocar em nada (
não parece, mas o mundo ultramicroscópico é quase todo formado por vazio), podendo encontrar um protão para somar à sua massa a cada 30 minutos a 200 horas. Para chegar a ter 1 miligrama, seria preciso mais tempo do que a idade actual do universo.

É certo que nunca se está de todo preparado para estas hecatombes: a miña filla e os meus amigos, por aí adiante, espallados por un mundo que se acaba; o testamento sen facer, a hipoteca actualizada que vai ficar sen efecto, os seguros sen renovar pero, iso si, a casa limpa desta mañá, a roupa procesada, a neveira chea.
Señor, tanto euríbor para isto!

(E o que máis me doe, que a neveira está chea)

sábado, 9 de agosto de 2008

Made in China


 Xa o dixo onte ao serán miña mai, vendo toda esa parafernalia no telediario, mentres ceábamos: O que aí arde son cartos nosos, dixo.

E con razón, pensei logo: aí van os roliños primavera e o chop-suei que ceei con Ártabro hai un mes, os diademas e coleteiros da miña filla, o metro pregable e a ferramenta que comprou meu pai hai días, os rotuladores gordos e os clips de Polis da semana pasada, as luvas con que miña mai transplanta cactus a outros tarros tamén made in china, as horribles katanas que meu cuñado colecciona punto a punto, as cuncas en que almorzamos, as disketes en que gravamos, boa parte das nosas roupas, dos nosos discos, das nosas máquinas, das nosas menciñas, dos blocks en que anotamos con lapis tamén chineses, etc, etc.

En definitiva: ademais dos máis caros, estes serán probablemente os Xogos máis participativos da historia.

venres, 8 de agosto de 2008

Tránsitos

Igual que cada Verán, vexo como a xente que quero me converte o tobo nun hostal; as últimas, hai unha semana, foron Ambece e unha amiga descoñecida e andaluza con nome de secretaria solteirona, cargadas de petates.
A señorita Kaplan fixo os honores e acabou encariñándose coas dúas, aínda máis cando soubo que Ambece a tivera no colo sendo un bebé.

Despois de moito sen vernos aparece Nican, en tránsito ás vacacións, e combinamos para un café onte e para os viños hoxe. Falamos do de sempre, coñecidos, traballo, familia; cando lle pregunto se ten saudade do ensino, agora que está en excedencia: moita, salvo cando vos toca corrixir, e ao sorrir o fume do cigarro escápalle da boca.

Polis e Encantador comezaron onte as vacacións; como o batmóbil ten un problema de 2000 eurazos nos quentadores, por moito menos fun eu quen os levou ao aeroporto, quen lles axudou a facturar a equipaxe, quen lles deu conversación case até embarcaren, e quen, por último, se encargará de collerlles o correo, regarlles as plantas e alimentarlles os peixes tropicais durante dúas semanas.

mércores, 6 de agosto de 2008

Embarazo

Onte, volvendo da biblioteca, atopei inesperadamente a Mirinda diante da libraría do fondo das Cortiñas de San Romao, mirando libros ou buscando sombras, non me quedou moi claro, á espera de súa mai.
Antes que ningunha outra cousa, dime que está embarazada de catro meses e que a semana que vén lle van facer a amniocentese; instintivamente, mírolle para a barriga, e o primeiro que penso é que se ela está de catro meses, daquela é que eu vou romper augas; o segundo, mentres nun subidón de hormonas ela me conta que todo vai moi ben desde que desapareceron as náuseas e que ten algo de anemia, é quen pode ser o pai, visto que Vladimir marchou coa música a outra parte.
Non sei se fago ben (cos ricos nunca se sabe), pero acórdome de ofrecerlle cousas da miña filla que gardo na casa, e que busco pola tarde; ademais, descubro que hai moito máis do que lembraba: aquí están o edredón azul do berce co seu oso garnido e os protectores ou chichoneras, un saco de paseo branco para o cuco, varios xogos de sabas e cabezais con animaliños e flores, un esterilizador, varias botellas de biberón, mantas... En fin, un pequeno tesouro que lle fun levar hoxe á hora do café á casa da súa mai, onde Mirinda, tendida no sofá cos pés en alto e a novela posta, se deixaba tratar coma unha emperatriz.
Pastel vai pastel vén, na conversa non se falou de nada que non fose amniocenteses e antollos, partos e lactancias, hernias de hiato e refluxos gástricos; a futura avoa e a futura tía renunciaron definitivamente á novela por contaren nacementos coñecidos, Mirinda incluída; co último descafeinado, até eu me atrevín a contar a miña parte, lamentando non ter na carteira, coma eses pais modélicos e orgullosos, unha foto, mesmo de carné, da miña filla.

sábado, 2 de agosto de 2008

Reconto de baixas

Como cada Verán, aquí non quedou nin María Santísima, que diría o outro: o blogomillo (salvo dous ou tres blogues de garda) é un páramo, e coa axuda do teléfono vou elaborando un meticuloso reconto de baixas sen dar atopado sequer con quen tomar unhas cañas.
En resumo: Ártabro visita cemiterios coa familia; Teddy, no traballo, acumula quendas para a escapada de Setembro con Deni sen tocar as vacacións; o señor e a señora Polis, no Sul, tórranse ao presunto sol e devoran ostras; Tere Holmes e Nican, desaparecidas; o señor e a nova señora Haddock, aínda Europa adiante. E así sucesivamente.
Eu, aínda que resisto ao primeiro tras un baluarte de libros e pelis de videoclube, acabo sucumbindo á sedutora chamada da aspiradora, ao engado de pasar o ferro, aos cantos de serea do cesto da roupa sucia.
Mañá regresa a miña filla, a mediados da semana fará aquí Ambece unha escala técnica na súa migración anual de Sul para Norte, e é obvio que as penuxes que agora atravesan o salón ao menor movemento, coma os restroballos nos westerns, terán que desaparecer.