Páxinas

martes, 29 de xullo de 2008

Octoxenario

Un destes días finais de Xullo meu pai cumpre, cumpriu ou cumprirá 80 anos; a data exacta é imprecisa, como todo o que a rodea, porque meu pai (coa tolerante cumplicidade de miña mai) non quere nin ouvir falar do asunto, moito menos de calquera celebración; de maneira que todo son besbellos, teorías e risos polo baixo.
Miña mai apáñase para convidar a toda a familia a un xantar este Sábado, sen motivo aparente (desde cando ten que haber un motivo para vós xantardes aquí?), e explica cun cousas del o silencio, que para a miña sobriña non é máis do que coquetería do seu avó e así fai rir de pura malicia á miña filla; miña irmá, indignada ou así, simplemente non lle atopa explicación como non sexa que el non quere asumir o paso dos anos, igual que sucedeu sempre.
Eu xa non sei, pero se fose cumprir 80 anos coas raíces tan ben asentadas nesta terra como meu pai; se puidese coma el presumir de non ter estado nunca enfermo, moito menos ingresado nun sanatorio; se levase nun saco ao lombo tan esplendidamente dúas monarquías, unha república, dúas ditaduras, unha guerra civil, unha posguerra, unha guerra mundial e a vida de sete papas sucesivos, tende a seguridade de que o había de pregoar, con voz ben alta, aos catro ventos.

venres, 25 de xullo de 2008

Addio!

Esta mañá, ao acender o móbil, vin unha mensaxe de Calmo enviada onte: que hai moito que non sabe de min, que estará en Ithaca esta semana, que podemos vernos, que me dará un toke Mércores en canto chegue.
Quixen dicirlle que borrei hai meses o seu número, que recoñecín a mensaxe por eliminación e polo meu nome en italiano, que acabei farto dos seus orgasmos de pardal, que se me poñen os pelos de punta con só lembrar o número das pinzas, que a estas alturas da película valoro máis rir nunha cama confortable do que exacular nun coche baixo as estrelas, ou que cando te deitas con alguén podes dar sinais de vida sen corentena por medio.
Pero en lugar de todo iso respondinlle que non será posible vérmonos, que estou de vacacións, que non sei cando volverei (se é que volvo).
E santas páscoas.
Post Data
Resposta vespertina: Bueno, vale, pero q seco...

mércores, 23 de xullo de 2008

Posta a punto


Segue a posta a punto do ordenata, que volveu onte ao serán para a casa.
Pouco a pouco vou recuperando os enlaces e as sementes que gardaba na memoria agora formateada; é laborioso pero pódese facer. O que xa non se pode é recuperar un arquivo de fotos da señorita Kaplan, e xa veremos que vai pasar cos vellos arquivos de texto escritos en pergamiño avitelado, ou pouco menos.
Un dos refráns favoritos de miña mai encaixa en todo isto coma unha luva: Tardes de risos, vésperas de choros.

martes, 22 de xullo de 2008

Criminais

Felicitémonos porque, polo visto, para Serbia estar en Europa é algo máis do que organizar un festival de Eurovisión.
Seguindo o costume de non honrar os xenocidas citándolles o nome, só nos resta lembrar que outro verdugo tan feroz e sanguinario está aínda agochado.

luns, 21 de xullo de 2008

Virus e troianos

Mira que levo toda a vida dicíndoo, que andar sen antivirus por a saber que sitios da Rede é como arriscarse sen condón nos máis sórdidos prostíbulos de, poño por caso, Indonesia.
Está claro que unha cousa é predicar e outra dar trigo, porque tras unha tarde de Domingo navegando con Ártabro e un antivirus caducado o balance é desolador: o ordenata está infestado por centos de virus e troianos, dou por perdidas fotos e textos dos que naturalmente non fixera copias, e toda unha fauna de viciñas lesbianas, enfermeiras ninfómanas, profesoras cachondas, mulatos superdotados e outros incómodos inquilinos convertéronse en okupas e asoman cada pouco ao monitor.
En conclusión, mentres o ordenador se desintoxica sine die na uci dos ordenadores a min cómpreme, como é tradición cada mes de Xullo, achegarme a Ciberalia se é que quero postar.

venres, 18 de xullo de 2008

Conmemoracións

Efectivamente, hoxe, aniversario de contendas civís, tamén celebramos o post 600 (este mesmo) coa blogue en marcha e os 250 días sen fumar (esta vez non faremos contas visto que o meu ex vale máis).
(Ártabro mañá arribará e permanecerá dous días e dúas noites nestas praias de Ithaca que empeza a coñecer como a propia pel).
En fin.

martes, 15 de xullo de 2008

Bolaño


Roberto Bolaño, no discurso de aceptación do R. Gallegos de Novela concedido a Los detectives salvajes, fala de si mesmo e da súa xeración:

...porque fuimos estúpidos y generosos, como son los jóvenes, que todo lo entregan y no piden nada a cambio, y ahora de esos jóvenes ya no queda nada, los que no murieron en Bolivia murieron en Argentina o en Perú, y los que sobrevivieron se fueron a morir a Chile o a México, y a los que no mataron allí los mataron después en Nicaragua, en Colombia, en El Salvador. Toda Latinoamérica está sembrada con los huesos de estos jóvenes olvidados.
Non é a primeira vez que nos lembramos del aquí, pero xusto é facérmolo esta noite, cando se cumpren 5 anos da súa morte.

xoves, 10 de xullo de 2008

Dúas

Estou con dúas a un tempo, e, como na oración, se con unha me deito, coa outra me levanto.
Volvín coller un libro de Proulx, esta vez unha novela, despois dos excelentes relatos a que dá título o máis coñecido, que non o mellor: segue a pareceme unha narradora moi exixente, angulosa e nada fácil. Como non son amigo de establecer relación entre a vida dun autor e a súa obra, negarei ter pensado que os incontables, precarios e variados empregos da autora (ese tópico), os seus divorcios (gáñame por dous) e o seu medio século antes de poñerse a escribir levasen aos duros e abafantes escenarios onde as personaxes viven as dúas vidas entre as que pairan.
A outra do tandem é a baronesa James, de quen non lera absolutamente nada (perdoarán as amigas especialistas). Escollina como contrapeso de Proulx pola forma do seu libro autobiográfico que lembra un blogue (este mesmo, fóra os cocktails, os oficios dominicais e as visitas á perruquería), e porque me intrigou a fraxilidade da velliña encantadora e aparentemente indefensa da foto; un erro na realidade: trátase dun monolito de basalto entrefrebado de aceiro, con remaches de titanio, que consegue poñerme dos nervios con ranciadas sobre a felicidade da xente na súa mocidade apesar das bombas, a fortaleza dos valores ou os sinxelos e piadosos costumes de antano.

Tras elas hai dúas vidas duras, pero nun caso o lastro de sufrimento trocouse en compaixón e humanidade. No outro, non.

luns, 7 de xullo de 2008

Asimetría

Josep Ramoneda, en El País, publica onte un acertadísimo artigo encol do manifesto sobre a lingua común. O texto completo pode lerse aquí, pero eu copiei e traducín os parágrafos seguintes:

O alegato pola lingua común, que fai o castelán obrigatorio, pero non as linguas propias de cada comunidade autónoma "porque hai unha asimetría nas linguas españolas oficiais", fúndase na idea convertida xa en mito de que "son os ciudadáns os que teñen dereitos lingüísticos, non os territorios,
nin moito menos as linguas mesmas". Pero, polo visto, hai cidadáns con máis dereitos lingüísticos que outros porque teñen que aprender unha soa lingua, mentres que os que falamos catalán temos que aprender dúas.

Ou sexa, que hai territorios con dereitos lingüísticos e outros que carecen deles, de xeito que os principios fundamentais do razoamento -os que enfaticamente afirman que os territorios non teñen dereitos lingüísticos- son adaptables en función do lugar.

Cal debería ser o obxectivo? Unha sociedade realmente bilingüe. [...] Pero a día de hoxe, o bilingüísmo é aínda perfectamente asimétrico a favor do castelán. E, sen embargo, o manifesto pretende que asumamos que o castelán sexa obrigatorio e o catalán non. Non eran algúns dos asinantes os que dicían que as linguas que se impoñen obrigatoriamente se fan antipáticas?

domingo, 6 de xullo de 2008

Mañá de Domingo

Esta mañá de Domingo madruguei porque meus pais marchaban de vacacións e tiven que levalos, a eles e as súas maletas, ao autobús, que saía ás 9.
Onte á noite miña mai pediume que por favor os chamase ás 7, que receaban que o espertador non lles soase ou non o ouvisen; así que esta mañá de Domingo madruguei aínda máis, porque meus pais marchaban de vacacións nun autobús que saía as 9.
Como a responsabilidade era moita, durmín inquieto e acordei ás 6'20, non ben amencera; non estou seguro, pero creo que estivera soñando con ríos e auga que corría; sen relación con isto último, erguinme a mexar e volvín á cama, acendín a luz e púxenme a ler para non ficar a durmir, xa que meus pais marchaban de vacacións e tiña que chamalos ás 7 e recollelos ás 8'30, porque o autobús saía ás 9.
Minutos despois das oito e media, con só un café bebido, morto de sono pero duchado e vestido, carguei no coche as dúas maletas grandes e mais un bolso de man, e escoitaba a meu pai que era moita equipaxe, unha animalada para só dúas semanas, e a miña mai, brigando co cinto, que íamos xustos de tempo, que xa eran menos cuarto e o autobús que os levaría de vacacións saía ás 9.
Cando chegamos á paraxe sorprendeunos que non houbese autobús nin xente con maletas nin can que lles ladre; a corazonada confirmouse ao revisarmos os billetes: meus pais marchaban de vacacións, claro que si, pero o autobús en realidade non saía até as 10. Grrrrr!
Anda, dixo meu pai, vamos almorzar, que invita túa mai.

sábado, 5 de xullo de 2008

Eufemismos

No súper (pero desta non nas Verduras senón onda os Conxelados) atopo a Mambrú, a primeira vítima que coñezo da situación certamente adversa e complicada que, a dicir do Presidente, vivimos.
Como Mambrú tiña ganas de parola houbo que volver temporalmente os chícharos, o xelado e a menestra aos conxeladores, así que os carros xa intimaban antes de lle dar entendido a Mr. Eufemismo que houbera reestruturación de plantilla e que a el (14 anos na empresa, pero a anos luz de soñar sequera coa prexubilación) lle tocara saltar.
Primeiro estivemos falando de acomodarse un e botar raíces, do que cómpre renovarse e tomar aire; de Xefes e xefes; de bullying, mobbing e burning; de oposicións (dime que ten o CAP, que está pensando facerse profesor).
Despois foi laiarse: que se todo se vén abaixo cando un menos o espera, que se a vida era non mellor nin máis facil pero si máis clara no tempo dos nosos pais, que se por fin atopara unha mulleriña para casar, ter fillos e comprar unha casa, que se sempre tivo medo a quedar só, uf.
Para daquela forcei a despedida e os conxelados volveron ao carro: axexei alá, no fondo dos seus circunloquios, meandros e eufemismos, e vin latexar e mover as ás algo escuro do que eu fuxía como da peste.

xoves, 3 de xullo de 2008

Linguas

Quen di cataláns, di galegos, vascos, baleares ou valencianos: todos cunha lingua non só común, tamén propia, concreta, abstracta, individual e colectiva, pero iso si, minorizada.

martes, 1 de xullo de 2008

Antropoloxía


Mandoumo onte Polis por correo electrónico; a noticia cumpríu 35 anos, e esta do noso xornal é ao parecer un dos grandes clásicos entre as erratas de prensa.

Polo demais, tampouco creo que sexa para tanto: outros recorremos á filoloxía, que non á antropoloxía, e así e todo subsistimos.