Páxinas

venres, 30 de maio de 2008

Intrusa

 Na prensa, atopo que un xaponés de 57 anos, intrigado pola desaparición de comida na cociña, instalou unha cámara oculta e descubríu que unha muller vivía nun armario da casa había meses, segundo informa a prensa local nipona.
A intrusa, que gardaba nun armario que non se utilizaba un colchón e varias botellas de auga, deambulaba pola casa mentres o propietario, un desempregado da cidade de Fukuoda, estaba fóra; ao recibir no móbil as imaxes que a cámara gravaba na casa, o home chamou a policía, que se presentou e atopou a muller.
Apesar das escusas presentadas, e de asegurar que non tiña onde vivir, a pobre invasora foi detida.
(Deus, que boa historia se houbese un bon autor para contala, proclamo)

martes, 27 de maio de 2008

Pollack (1934-2008)


Fixo o mundo un pouco mellor, as películas un pouco mellor, e mesmo a cea un pouco mellor... (George Clooney dixit)


...nada máis, pero nada menos.

luns, 26 de maio de 2008

Premio

Con imperdoable retraso, entéirome de que Noemí Pastor, a impecable reitora do estupendo Boquitas pintadas, vén de conceder ao blogue deste que conta o premio Brillante, cousa que me conmove e que agradezo até a xenuflexión.
Para acadar o premio, son sen embargo precisas algunhas condicións, como facer públicas as regras e premiar outros sete blogues brillantes, enlazalos desde aquí e enviar heraldos a cabalo dos ventos cibernéticos aos respectivos nominados antes de poderme aconchegar no meu tobo non tan escuro, pensando un novo post mentres o brillo do galardón atrae lectores náufragos ás costas de Ithaca.
Así pois, e coa solemnidade requirida, The winners are Peke, Cesare, Willy, Queue Bleue, X de Esmelle e Fisiologus por seren autores dos blogues irrenunciables que visito cada día desde hai anos; o sétimo premiado é Luís Galego, recentemente descuberto pero xa indispensable.

sábado, 24 de maio de 2008

Eurovisión

Para a velada desta noite, que con certeza vai ser memorable como poucas, confirman asistencia o señor e a señora Polis, e, se consegue arranxar no último momento unha carambola de quendas no laburo, tamén Teddy.
As botellas arrefecen xa na neveira, a aspiradora está a medio camiño de chegar á meta, os baños refulxen como os chorros do ouro, e só resta unha última viaxe ao supermercado.
Como contribución ao debate nacional, engado ao post un achado incomparable procedente das adegas do youtube.
Escoiten, xulguen e perreen, pero con discernimento: http://www.youtube.com/watch?v=SS058r2ciGE

Vaia tropa!


O mellor, sen embargo, a manifa: as dúas Españas do PP convocadas por móbil diante do 13 rue do Percebe. Indignadas señoronas, todas farrutx e prada, parecían querer guindar ao novo rompespañas e os seus secuaces os pedrolos brillantes dos aneis, aínda que para iso escangallasen mechas e cardados.
40 anos despois, aínda vai ser certo que baixo os adoquíns da rúa está Marina d'Or.

xoves, 22 de maio de 2008

Parte meteorolóxico

Baixas presións: Pásanme unha listaxe das marcas que usan ou non negan usar tranxénicos. Wrigley's, que hai anos obriga unha pobre viúva a elaborar sen descanso os meus caramelos favoritos, está entre esas diabólicas marcas.

Borrasca: O dietista Montignac, que antano odiaba sobre todas as cousas o azúcar, dirixe agora o dedo acusador contra o aspartamo; en dez anos, afirma, estará prohibido porque cada vez máis estudos o relacionan co alzheimer. Como non podía ser doutro xeito, os meus benqueridos caramelos tranxénicos conteñen aspartamo para parar un tren; unha vez abandonado polo azúcar, pola sacarina (daba cancro, parece), agora tu quoque, aspartamo?

Marusía a forte marusía: As turbulencias desta desaceleración acelerada que vivimos terán os días contados, pode o ministro dicir canto quixer, pero desde hoxe o euríbor canta, máis que chulo, empoleirado no seu 5%

martes, 20 de maio de 2008

Prozac


Haddock está feliz, para alén do prozac que toma cada día.
Segue a desfrutar da fresca independencia que aínda lle parece infinita, pero non desa pavorosa independencia dos divorciados que cren que o planeta mudará a órbita por se poñeren a dieta, por pintaren as canas ou por compraren un cochazo que lo flipas.
A liberdade, cóntame Haddock por móbil, segue a habitar no tobo que aínda non coñezo; segundo parece, máis habitable agora a forza de ikeas, aínda que definitivamente sen televisión, só coa radio marcando as horas camiño dos Venres.
Pero a soedade élle moito menos; conta Haddock que alguén empezou a abrirse paso na súa vida intencionadamente pouco amoblada, que ela traballa fóra, que se ven os fins de semana alternos (cando a nena de Haddock non está); pero tamén conta que foi alumna del no seu primeiro curso na Comarca e que el lle leva varios anos, tal vez doce. Nunca o ablativo absoluto deu tanto xogo e a tanto prazo, broméolle chegando ao portal e antes de que me pregunte que tal eu. Eu?
Pois ben, grazas.

domingo, 18 de maio de 2008

Gústame/non me gusta

Cada ano mando aos meus alumnos de ESO que dobren un folio pola metade para durante un fin de semana escribiren a listaxe das cousas que lles gustan e as que non lles gustan; deben procurar, ademais de coidar redacción, vocabulario e ortografía, que o resultado sexa sincero, simpático e intelixente. Mañá, luns, veremos o resultado.
Pero onte pola tarde, por facer un experimento, pedinlle o mesmo á miña filla que, media hora despois de botarme do seu cuarto, me entregou a seguinte listaxe:
GÚSTAME: ir descalza pola praia; ler libros de aventura e de misterio; ver películas de Charlot apalancada con papá no sofá; escoitar música divertida e bailar coas miñas primas; comer espagueti con mamá; as clases de inglés de M.; as bolboretas e as flores; buscar países no globo terráqueo; debuxar flores e princesas inventadas; as lentellas de papá.
NON ME GUSTA: os tomates de calquera tipo; a misa; a xente superpesada; a clase e a profe de ximnasia; Roi.

xoves, 15 de maio de 2008

Blogues pola Lingua


Este blog e o seu autor rexeitan os ataques que está a recibir o galego e apostan por estender o uso da lingua galega en Internet.
Igualmente, adhírense ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e chaman á participación na manifestación do vindeiro domingo 18 de maio en Compostela.

sábado, 10 de maio de 2008

Traslados

Onte, por fin, os traslados.
Como desta vez non concursaba (por preguiza, porque teño poucos puntos para optar a nada, porque me asustou un pouco abrir outra porta ás mudanzas, porque tampouco estou tan mal aquí e a mellora non sería, quizá, moita...), puiden revisar as listas como se estivese asomado a un balcón; igual que fóra diluviaba sen que fose comigo.
Repítese un ano máis a historia épica de sempre: a dos profesores coñecidos a quen o azar envía no seu primeiro destino, como pioneiros, a eses lugares dos catro puntos cardinais cuxos nomes, aos pronuncialos, case lle acordan a un idéntica sensación remota e aventureira que Katmandú, Eldorado ou as mesmas fontes do Nilo.

venres, 9 de maio de 2008

Autobombo

 180 x 2'40=432€
Descúlpeseme se esquecín facer a auto-homenaxe o pasado Domingo, cando os números eran máis redondos e dados ás efemérides, pero un non ten xa a cabeza de antes, e é mellor facer as cousas tarde que nunca.
Ademais, así podo comunicar que non fago só a travesía: se antes subira ao carro Tere Holmes, agora é Polis quen se apunta.

luns, 5 de maio de 2008

Crime e castigo

Algunhas veces, son uns os que cometen o crime (non iren a unha folga que consideran xusta, por exemplo) e outros (eu, sen ir máis lonxe) os que sofren o castigo de escoitarlles os máis variados pretextos.

Primeiro, durante o recreo, mentres tomamos o café do arrepentimento, fártome de que as miñas contertulias habituais me feliciten e a seguir me enchan os ouvidos con desculpas como copiadas dos seus alumnos; non sei se isto as retrotrae ao tempo do catecismo ou antes aínda, á mesma fase anal, pero é penoso ouvirlles que unha se xubila para o ano, que outra está a pagar unha hipoteca (seguramente, a única do país que a paga), que estoutra vai cambiar a cociña dentro de tres meses ou que a esoutra lle parece que as folgas non conseguen nada, e neste plan.

Despois, pola tarde, na porta da escola da nosa filla, a miña ex confésaseme mentres os coches refulxen ao sol tras o último chaparrón esperando o soar do timbre; dime que se non foi á folga é porque un compañeiro sindicalista lle dixo que non valía a pena, que todo estaba visto para sentenza, e que non había folga que parase á conselleira. Agora laméntaseme para matar o tempo e espera a absolución preguntándose se non a botarán do sindicato.
Como a nena vén xa a correr cara a nós, coa mochila con rodas case voando polo patio, só lle respondo que non se preocupe, que non creo que a expulsen; que todo o máis lle quitarán os puntos para a cubertería e a deixarán sen a felicitación do 8 de Marzo.