sábado, 29 de marzo de 2008

Apagón

Hoxe non apaguei, finalmente.
E non por me esquecer ou por non me parecer interminable unha hora enteira á lus do candil, man sobre man.
Empeza a sublevarme tanto rollo guai, tanto lamento institucional e tanta pedagoxía progre a min, que separo o lixo, que teño lámparas de baixo consumo por toda a casa, que fecho a billa ao lavar os dentes, que cargo a tope lavadora e lavapratos, que non uso o wc como papeleira, que desconecto o cargador do móbil se non o uso, que na compra evito bolsas e envases, e que non me deito sen asegurarme antes de que a tele está completamente apagada.
E como non vexo sentido a saltar unha cea para xustificar a vidorra que nos pegamos todo o ano, creo que por esta gañei o dereito a non apagar durante esa hora.

xoves, 27 de marzo de 2008

Widmark


Richard Widmark (1914-2008)
Psicópata, detective, cowboy, gangster, fiscal militar.
My friends, o tipo máis duro a este lado da pantalla
is dead.

mércores, 26 de marzo de 2008

Sarkozy

Sarkozy ofrécese a mediar entre Colombia e a guerrilla.
Sarkozy reducirá a menos de 300 os mísiles con cabezas nucleares.
Sarkozy fala dun posible boicot aos Xogos Olímpicos.
Sarkozy visita o Reino Unido para reforzar relacións franco-británicas.
Sarkozy tratará co Premier o envío de forzas adicionais a Afganistán.
Sarkozy bla bla bla...


 

Afinal só importa o que verdadeiramente importa (Proverbio tibetano)

venres, 21 de marzo de 2008

Candidatas

Supoño que como evocar o océano á vista dun vaso de auga será imaxinar o trafego da vida da candidata Clinton a partir da vida da miña amiga concelleira (e agora ex-candidata), pero non deixo de pensalo cada vez que lle soa o móbil na cervexaría en que nos atopamos e ela fala de senadores, de eleccións anticipadas, de subministración de augas e doutras cousas que non entendín.
Cada vez que colga descúlpase e saca un cigarro, e entretranto pregunta pola nena, que agora vai na procesión cos avós e a súa invitada, e por Vapin e o embarazo de Estridente: póñoa ao día, non só do aborto senón tamén de que agora viven xuntos no piso del, e de que lles vai ben, segundo Ti lle contou a Tere Holmes, e Tere Holmes me contou a min hai uns días por teléfono.
Chovisca e o vento arrebólanos os abrigos camiño da casa, do tobo que quere coñecer e percorre, esquivando bonecas e puzzles e menaxe de cociña de xoguete, case (vou ser malicioso) como se o inaugurase, lástima de fita branquiazul, lástima de himno.
Aínda lle soa o móbil un par de veces antes de marchar, a última xa cun pé no ascensor, e facerme prometer que un día destes a irei visitar e xantarei con ela; xúrame, sorrindo, que a cambio terá o móbil desconectado toda esa tarde.

xoves, 20 de marzo de 2008

Semana


Hai unha semana que este tobo se converteu nunha casa de turismo urbano con encanto: xentes dos dous sexos e todas as idades buliron até onte por todos os cuartos, ocuparon todas as camas, estenderon a impedimenta por dormitorios e aseos.
Houbo nenas que rifaron á volta da mesa por que lugar ocuparían nela; houbo vellos amigos que fiaron confidencias co anfitrión até a madrugada, as nenas durmindo, e houbo amigas en descanso post-electoral que fixeron, coma oráculos, predicións políticas a medio prazo.
Tías, pais, cuñados e algunha sobriña tamén houbo que acudiron a almorzar, xantar ou merendar un día ou outro, coñecer o tobo, ou simplemente a buscar algunha película.
Houbo, en fin, danzas de maletas corredor adiante, combates sempar con teimudos colchóns inchables, e todo un ronsel de cousas esquecidas (debuxos, diademas e gomas para o pelo principalmente, algún ioió) cando uns e outros foron marchando.
Como resultado, ateigados están o lavadeiro con roupa que precisa ser lavada, e o caderno das notas con cousas para seren amasadas, e deus mediante publicadas, nos próximos días.

venres, 7 de marzo de 2008

Reflexión

Levo toda a tarde pensando que hoxe un home da miña idade foi asasinado diante da muller e a filla, á porta da súa casa, cando se estaba indo ao traballo, por alguén que seguramente nin coñecía.

Levo tamén toda a tarde pensando que o Domingo hei de ir votar, como tiña previsto, coa miña filla collida da man, e que por nada do mundo deixarei de votar a quen tiña pensado porque ningún pesadelo abafará a miña alegría.

Logo, despois de votar e termos comprado o xornal, antes de virmos para a casa a xantar, tranquilamente daremos unha volta ao sol polas rúas da cidade que queremos.

En paz, igual que sempre.

mércores, 5 de marzo de 2008

La niña


"Podría haber hablado de un niño, pero es que las niñas pequeñitas me emocionan, me parecen seres muy indefensos"

(M. Rajoy, un corazón ateigado de caspa)

luns, 3 de marzo de 2008

Evening planning


Nunha hora Teddy estará aquí: prepararei unha salada, poñerei unhas olivas, uns pinchos de algo rico e hipercalórico, pediremos unha pizza con dobre de anchoas, abriremos unha botella de viño malo ben frío e sentarémonos a ver como se matan os dous.
Metaforicamente falando espero, claro, que con iso das dúas Españas un nunca sabe se lle van xear o corazón ou se ha de ter que botar ao monte.

domingo, 2 de marzo de 2008

Terceiro grao

Como cada Febreiro, a Candeloria trouxo arrastras o cumpreanos de Polis, que este ano ademais coincidía fatidicamente co Entroido e (tachán!) co primeiro aniversario da súa relación, esa que segue a poñelos tan parvos cando pensan que non hai xente á vista.
Tanta celebración ben tería daría para un xubileo ou dous, pero finalmente quedou nunha cea para tres, tantas veces adiada que xa parecía imposible: cando non era iren eles ao Sul era ter eu as moas en guerra, cando non era estar a miña filla comigo era estaren eles dous a pasar a finde nun balneario con encanto, e así.
Por fin Venres os astros foron favorables e acudo á de Polis cun presente baixo o brazo. Como ultimamente aquí non conto case nada, tampouco falei das dúbidas que me roeron a alma antes de rexeitar isto (está mal ser belicista ou vengativo cos amigos) e decidirme por aquilo: friki, fácil de transportar, e moi da miña comenencia, dado que os Reis Magos me trouxeron estoutro, e eu gosto de non dar puntada sen fío.
Tamén lle mola a Polis, claro, que se convulsiona razoablemente de felicidade e corre á cociña a ensinarllo a Encantador, e faime poñer o primeiro disco mentres el vai por copas e viño e me manda sentar para o interrogatorio.
Encantador, que se encarga da cea e de cantarolar na cociña, aparece de cando en vez na sala facendo que morrea coa troita asalmonada camiño do forno ou para meternos medo cunhas andaricas vivas. Os Roper falan tras o cristal. Nós, diante da mesa de wengué, poñémonos ao día; mellor, vou eu poñendo ao día a Polis, que despois de case mes e medio sen nos vermos está cardíaco, segundo di, e quere saber se sigo con Teddy.

Si, e tamén con Calmo, respondo. Con un a pé, e co outro andando. E así empezaba o terceiro grao.