Páxinas

mércores, 30 de abril de 2008

Motivo


Por se fosen poucos, hai xa un motivo máis para me largar de Telefónica.

martes, 29 de abril de 2008

Peso

Vou cerrando o círculo. Primeiro dixéronmo algunhas miradas, que non palabras, con esa insistencia desesperada e muda que ás veces poñen os seres queridos para estas cousas.
Despois foron Polis, Encantador, Queen e até a miña filla, que me di que estou embarazado, adormecida sobre os meus untos mentres vemos unha peli. Agora son a proclamalo algunhas camisas, que tiran por diante na botonadura, e hoxe mesmo a báscula, implacablemente.
Caña a caña e petisco a petisco, é evidente que non só recuperei senón que até rebasei todo canto lastro perdera hai dous anos, e a desculpa do tabaco non se sustenta xa.
Hai que mudar a tendencia, de raíz, e o antes posible, ou acabarei rebentando as lorzas!

luns, 28 de abril de 2008

Folga

Unha conselleira presuntamente de esquerdas, co seu equipo de asesores, pedagogos, profesores liberados e demais que forman parte dun goberno que presume de progresista, anda a facer equilibrios para dar encaixado, por primeira vez na historia, a asignatura de relixión católica no 2º curso de Bacharelato, en lugar de facer o posible por que desaparecese dunha vez por todas dun ensino que debería ser de calidade e laico.
Como o horario non é elástico, para conseguir o anterior e reforzar as optativas, cómprelles quitar horas doutras asignaturas, como a Filosofía, a Educación Física (que perde presenza nun 50%) ou a Historia, que non só reduce clases senón que aumenta o temario.
Por todo isto respondín á convocatoria de folga e mañá non irei traballar; quedarei na casa, pero non tranquilamente senón rosmando e maldicindo dunha conselleira e un equipo aos que, polo menos indirectamente, puxen eu aí votando o partido co que están coaligados.
Maldita sexa!

martes, 22 de abril de 2008

Dicionario

Como podía saber eu que o máis usual dicionario escolar galego non recolle a entrada cunicultor, que salta sen reparo de cuneiforme a cunilingus, como me di, pasando o índice arriba e abaixo pola páxina, un alumno ao que seguen outros que tampouco atopan a palabra.

Ao parecer, isto ponos tan tristes que ningún le máis nada: non hai risos nin picardías nin miradas cómplices entre eles mentres lles falo de criadores e granxas, de tristes coelliños encerrados en gaiolas.

luns, 21 de abril de 2008

xoves, 17 de abril de 2008

Enjut@ Mojamut@


Polo blogue de Noemí Pastor chego ao meme de Enjut@ Mojamut@, que tenta coñecer mellor o universo feminino ou o masculino ou ambos (non estou aínda moi seguro) na Rede. Sexa como for, paso a respostalo ipso facto:
Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?
Enjut@> Son moi inconstante tamén nisto; algúns días a conexión é de só uns minutos, pero outros por contra paso enganchado moitas horas. Diremos que unhas tres ou catro de media, por dicir algo, e creo que acertaremos.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?
Enjut@> Catro (a desta blog, a do msn, a de flickr e a do traballo; vaia, e unha máis de Latinmail, que non conta porque aínda que segue en órbita, hai anos que non lle lembro o contrasinal).
Voz en off> De cantas redes sociais es?
Enjut@> De ningunha.
Voz en off> Que che gusta máis para te expresar: o blog, o wiki, flickr ou twiter?
Enjut@> O blogue, con diferenza. A anos luz, flickr, onde colgaba fotos once upon a time. O resto, confeso que nin sei o que son.
Voz en off>Cantas blogueiras coñeces persoalmente?
Enjut@> Só coñezo unha.
Voz en off> Cantas blogueiras les habitualmente?
Enjut@> En realidade leo entre 25 e 30 blogues, independentemente do sexo dos seus autores; deles, 7 están escritos por mulleres.
Como se espera que responder o meme será útil a alguén, e non estou moi certo de telo respondido ben, propoño que o respondan a QB e X de Esmelle.

domingo, 13 de abril de 2008

Meme d'estouciar


Respondo xa o meme de estouciar, o das alegrías ou alivios, o meme que arrastro como unha sombra desde que a QB, esa armadanzas, me invitou a esmaghar toxos, e que fun deixando deixando, pero que de hoxe non pasa.
Así pois, os meus nominados son:
  1. Queue Bleue: porque amor con amor se paga, pero sobre todo polo pelo roxo que o seu avatar insinúa; teña por certo, midons, que esas son palabras maiores.
  2. X de Esmelle: non hai avatar, pero supóñoa morena, estable, organizada e constante, o que a fai irresistible tanto para aquelar fluídos como para pasar unha noite colléndolle as mans, mirando estrelas.
  3. Césare: Intercambiar conversa e pirolazos co autor do mellor blogue do blogomillo ten que ser, sen dúbida, algo moi estimulante.
  4. Plattdorf: Polos vellos tempos e aquelas crónicas desde Berlín.
  5. Non hai máis nominados porque, de momento, o número 5 non ten o forno para moitos bolos (aí o deixamos).

sábado, 12 de abril de 2008

Vellos

Escoito na radio que Italia se está a converter nun dos países con máis vellos do planeta; tamén que as cifras de vellos pillados in fraganti mentres roubaban nos supermercados se dispararon na última década porque moitos deles han de sobrevivir con menos de 500€ ao mes.
Por iso rouban comida.
Nas grandes superficies din que os vellos que pillan o que rouban é latas e pacotes pequenos, sempre os máis baratos ou os que están en oferta.
Así, explican os xerentes dos supermercados ao xornalista, os vellos tentan aplacar a conciencia para non sentiren remorsos.

luns, 7 de abril de 2008

Heston

Disque un envelleceu cando vai a máis enterros que bodas, ou cando lle interesa máis a páxina das esquelas que a dos deportes por exemplo.Por iso, para que non pareza que a este humilde servidor lle sucede o mesmo, non hei de falar esta vez da morte do fillo do muiñeiro que, salvo das augas e enviado inxustamente ás galeras, se levantou contra unha tiranía de primates, sufriu desterro, loitou contra pragas, revolucións, sismos e atépapas, e que, no agocho cálido dunha butaca de cine, nos fixo soñar a todos.Cando pase algún tempo non haberá sombra que lle escureza a figura, como sucede cos heroes das epopeas.