xoves, 29 de novembro de 2007

Aceite

O profesor fai unha das súas extravagantes preguntas, a saber: quen nos pode dicir que tipos hai de aceite de oliva?Os alumnos míranse entre eles, até que por fin un responde: Koipe, Carbonell, Giralda...
O profesor, encaixando a sorpresa, indica que eses non son tipos de aceite de oliva senón marcas comerciais. A ver, repite teimosamente, pensade: tipos de aceite, clases de aceite de oliva...
Si, eu eu eu, levanta impaciente un dos alumnos a man: seino eu, profe, aceite de oliva e aceite de xirasol, profe...

venres, 23 de novembro de 2007

Meme das 8 cousas

A 38 días do ano novo parece que cómpre ir facendo balance para cebar a neura, e de camiño dar satisfacción aos que me ensarillaron no meme das oito cousas, as que máis marcaron este ano:
1. Casa: Está claro, instalarme aquí implica o final da etapa nómada e o inicio do sedentarismo; hai tempo que deixei de ser un depredador, polo que un destes días será mester que descubra aínda máis a agricultura e o comercio, eclosione o neolítico e dea comezo a nova civilización.
2. Distanciamento: Os que seguen esta blogue xa o terán notado, seguro. Varios nomes clásicos desapareceron dela máis ou menos bruscamente, dunha maneira similar a como os seus propietarios desapareceron da miña vida, da miña cama, e nalgún caso mesmo do meu móbil.
Nisto de vivir é importante aprender que un nunca se baña dúas veces no mesmo río de nomes, ese que pasa e sempre queda.
3. Viaxes: Este terá sido o menos viaxeiro ou viaxado, probablemente en décadas; non quero facer moito reconto por non acabar argallando unha escapada ás tolas ou algo peor, pero estou certo de que, coas excepcións da Comarca e Celanova, nunca estiven este ano a máis de cen quilómetros de Ithaca. Algo haberá que facer o próximo, está claro.
4. Tabaco: O que a ministra coa súa exigua lei non conseguiu parece que vai camiño de logralo a banca con esta hipoteca que me oprime, me comprime e me reprime; tras 12 días sen fumar teño 28'80€ máis no petiño, e tan pouca memoria de que algunha vez fumei, que até concibo esperanzas de que desta a cousa vaia adiante. Vaise vendo.
5. Lecturas: Sinto envexa cando escoito ou leo ne rede o que contan os grandes lectores que frecuento; eu, por contra, cada vez máis inconstante ou máis preguizoso ou máis repunante, arrumo libros na mesa de noite, no sofá do estudio, aquí ao lado do ordenador, libros que volven para a biblioteca cando vence o prazo ou que simplemente fermentan enchéndose de pó con só 10, 20 páxinas lidas. O último stop, a catástrofe da Moure.
6. Películas: Se consulto o caderniño de marras conto 83 vistas no que vai de ano, de Blade runner a Harry Potter, en cor e en branco e negro, en VHS ou DVD, compradas, prestadas ou alugadas, canónicas ou pirateadas, infantís ou para adultos, pero ningunha delas foi vista en cine (o certo é que xa non sei canto custa unha entrada).
7. Sexo: Baixou moito o número de parellas, que este ano ademais foron exclusivamente masculinas, pero subiu o de encontros, e en xeral a súa intensidade e interés. Se fago reconto (aquí non hai xa caderniño de marras), lembro só 4 varóns coñecidos biblicamente este ano, un deles Teddy, o primeiro do ranking, aquel que agora me enche a cabeciña moitos días e a cama moitas noites.
8. Natureza: Tal vez por Teddy, que coñece os nomes e os segredos de árbores e arbustos, e fala dos froitos e enxertos e árbores primixenias que me vai mostrando nas camiñadas pola súa montaña, vou reparando en que existe unha natureza real e viva, alén das fotos e as pinturas, do simple léxico vacío que ensinan os libros de texto, do mundo campesiño de fame e traballo do que fuxiron os meus avós hai máis de 80 anos, ao viren para a cidade.
Na madurez inicio, pois, a reconciliación coa natureza.

sábado, 10 de novembro de 2007

Tizona

E onte, tamén inesperadamente, o que me regalaron foi unha espada.

A estas alturas non me pasou aínda o que sexa que me deu onte á noite cando Polis e Encantador me fixeron entrega desta auténtica réplica da folla do Cid, un complemento que non debe faltar en ningunha casa hoxendía.
Ignoro que pasou polas mentes de sir Lancelot ou do rei Artur en tal trance, pero, ataviado cun mandil luxado de bechamel e mollo de tomate, a min fraqueáronme as pernas e a piques estiven de deixar caer as copas que levaba para a mesa redonda do comedor.
Como desboto baterme en duelo co meu cuñado, medindo o meu aceiro coa katana que el conseguíu cos puntos do restaurante chino, e como iso de Sangue, suor e pó, Kaplan cabalga non mola nada, tampouco se me ocorre que facer coa xenuína Tizona falsificada que polo de agora intima cos paraugas, no roupeiro.
Admítense, pois, suxestións.

luns, 5 de novembro de 2007

Aniversario

Si, a noticia é certa, por moito que tentei non pensar nin dicir nada nin facer nada diferente do que faría calquera fin de semana normal con nena.
Como se o silencio favorecese olvidos e erros de cómputo.
Pero non valeu de nada: a miña filla regaloume un postal cheo de flores e brillos e cores feito coas súas propias mans; miña irmá autoinvitouse a un xantar que tiven que improvisar nun par de días, mentres poñía pose de ofendido perante a idea de que pensasen que non ía haber faustos nin celebración; Teddy fai o propio cunha cea con presente e sexo, de momento sen data por problemas de axenda; idem con Polis (neste caso sen sexo, polo menos comigo).
O móbil, que permanecera apagado todo o día, pariu 14 mensaxes sucesivas de felicitación, algunhas mesmo con grave perigo para as miñas orellas, e unha máis de quen non sabe dos meus anos, que me anuncia que regresa.
O máis sorprendente, sen embargo, os parabéns de dúas blogueiras amigas.
A todos e todas, grazas por mo recordaren .

(Non fose ser que me esquecese).

xoves, 1 de novembro de 2007

Gananciais

Prometo non falar máis do divorcio de Haddock nin das súas secuelas, pero non podo resistirme a escribir aquí unha pequena historia de terror, aproveitando as datas.
Estábamos onte á noite cos cafés, tras a cea na casa de Polis, e a conversación esmorecía cando comentei que Haddock se está a divorciar; dicir algo así nunha cea con avogados foi como abrir a porta da xurisprudencia, e o eminente letrado amigo de Polis fixo memoria dalgúns casos chamativos.
O máis espeluznante, sen dúbida o da esposa que literalmente levou consigo a metade de todos os bens gananciais: non só do diñeiro do banco, da venda do piso ou a metade dos electrodomésticos e o mobiliario, senón tamén a metade das culleres, dos garfos, dos coitelos, dos pratos das vaixelas, e até os tomos impares da larousse comprada a prazos.