luns, 17 de setembro de 2007

Oda triunfal

Sigo sen liña telefónica na casa e, por tanto, sen internet. Todo o demais está xa ou instalado ou en camiño de estalo, e o tobo vai ficando cada día que pasa máis confortable. Pero que veñan visitas a tomar café ou pasar a tarde non quere dicir que non sigan aparecendo operarios a remataren algún armario ou a colgaren os toalleiros.
Desde a miña atalaia de viciño decano contemplo como o predio se converte cada mañá nunha colmea chea de actividade: alternan os obreiros de diferentes oficios e empresas botando un pito na beirarrúa ou nas escaleiras cos mobles atrancando o paso; no ascensor, cando funciona, pode un subir con asépticos ikeas e baixar con orixinais decapados; unha radial corta durante horas no portal pezas de armario de cociña; a porta do garaxe sobe e desce cunha harmonía maxestosa e imperturbable.
Presidíndoo todo, atravesa paredes e tímpanos a vibración do trade como unha voz profunda que me enche de onomatopeas os cuartos; é como terse mudado a unha oda de Álvaro de Campos, a un cadro de Kandinski, a un manifesto de Marinetti.
Por iso é que, en canto comezan estes acordes da grande melodía da creación, fuxo da casa a correr para non acabar tolo.

luns, 3 de setembro de 2007

Penuria

 Veño até a Ciberalia, onde morro co frío baixo un esaxerado aire condicionado, tan só para contar aos meus preocupados amigos blogueiros que vou estando cada vez máis instalado no tobo recén estreado, que sobrevivín a aquela primeira noite que foi como durmir nunha catedral, entre o frío, a humidade e o eco, que pasei indemne aquelas primeiras noites de trevoadas góticas sen que o faroliño sentinela da miña luz deixase de proclamar que xa había xente a vivir no predio inhóspito.
A estas alturas, dez días despois da mudanza, algunhas outras luces acompañan a miña e outras pegadas borran as marcas dos meus pasos sobre o pó de cal que cobre as escaleiras, e non hai día que unha furgoneta non descargue mobiliario na rúa, ou que un non atope operarios instalando contadores, retocando paredes ou subindo mamparas de ducha.
Para tranquilidade de todos, anuncio que teño auga desde o serán do primeiro día, e auga quente desde hai unha semana, pero aínda así a penuria dura: o ascensor só funciona (baixo corda, advertíronnos) Martes e Mércores; antes de fin de Setembro non terei teléfono (nin internet: o pior de todo); e polo momento non hai pistas sobre cando nos serán entregues os mandos para abrir o garaxe con máis comodidade e dignidade do que até agora.
A pose de Atlas a puxar arriba o pesado portón non só non me favorece nada senón que me fai temer unha hernia nalgún lugar, coñecido ou non, do meu corpo.