luns, 20 de agosto de 2007

Náufrago

 Máis robinson que nunca, desde Venres afronto unha existencia de náufrago. Coa mudanza contratada, chéganme noticias de que polo menos durante unha semana carecerei de teléfono, internet, ascensor e auga.
É evidente que en piores campos teño batallado, pero cos anos, un acaba volvéndose un pouco cómodo e até pode botar de menos unha ducha matinal, dar un paseo polas blogs amigas ou recear subir 4 pisos coa bolsa do super ao lombo.
Ilu tiña razón: estou aburguesado! (snifff)

venres, 17 de agosto de 2007

Atenas

De Atenas veño cunha botella de viño (regalo de Ambece), un chavín para a chave da casa nova (regalo de Ilu) e 50 euros menos, os que me custou invitalas a xantar nun italiano moi ben decorado pero de comida máis ben regular, con longos intervalos entre prato e prato que nós enchemos con retallos das nosas vidas, presentes e pasadas.
Todo era igual que sempre: empecei a darme de conta onde os camiños se bifurcan e o coche, en vez de seguir para Delfos como agora costuma, seguiu para Atenas ventando carballeiras vellas e castiñeiros en flor.
Por non mudar nada, Ambece chegou media hora tarde, empoleirada nos tradicionais tacóns de dous metros, e empezamos o reconto de dous anos sen vérmonos; logo chegou Ilu, exactamente ao contrario: alpargatas planas e blusa pulcramente abotonada até arriba.
Dixémonos uns a outros que non cambiáramos, ou que cambiáramos para mellor, que estábamos igual, tal vez máis delgados; por suposto, tamén falamos de casas, de vendas, de mudanzas, de hipotecas, o tema de conversación nacional. Asomaron por alí os excónxuxes (véxote moi ben, pero con moitas enrugas tendo en conta o que te coidas, conta Ambece que lle dixo o seu ex marido ao recoller os nenos), os vellos colegas do instituto (inventario de xubilacións, rupturas, partes de saúde, rotinas), os nosos fillos (como o fillo de Ilu pasou fame aprendendo inglés cunha familia americana que só comía porcarías, ou como o fillo máis vello de Ambece, de 11 anos, aprendeu no campamento a facerse peras: ao pobre, como é pequeno, parece que só lle sae unha gota, pero contaba que os outros botaban isto ou aquilo, e había un que era o campión e blablablá, e Ilu e eu ficamos tan pampos que non sabemos se rir ou cambiar de tema á vista do relato).
Sae por fin o sol entre as nubes cando tomamos café na terraza de Santa Eufemia, case ao pé da torre da Catedral; un par de gaivotas preguizosas revoan sobre nós á media tarde; lembro que hei de volver para a casa, onde a miña filla espera cos seus avós.
Camiñando como tantas veces antes pola rúa do Paseo, teño que facer un esforzo para non baixar en dirección ao Couto, onde xa non vivo hai dous anos.

luns, 13 de agosto de 2007

Dispersión

Se algo está a caracterizar estes días é a total dispersión; vou dun lado para outro atendendo ducias de cousas de pequeno calibre que só máis tarde encaixarán como as pezas dun puzzle: a miña vida no novo tobo, no novo Outono, no novo curso.
Pago unha cociña en que apenas cociñarei, compro un enorme espello para o baño do que a miña filla xa se apropiou, meto présa ao ebanista co armario do meu cuarto, dou xabón ao meu cuñado para que non esqueza que a auga ten que correr por canos, cóbados e billas que aínda non instalou, espero resignado que Setembro traia consigo a libraría do salón que pasa as vacacións nalgún lugar do Mediterráneo, mido e calculo espazos onde situar os mobles que levo anos arrastro, coma unha biografía.

sábado, 11 de agosto de 2007

Semana

Vivo nun deserto, e non só pola calor: os amigos aparecen brevemente no horizonte como oasis coa forma de mensaxes de móbil, tórridas ceas de despedida, visitas repentinas ou citas en lugares inesperados.
Martes tomei o chá con Tere Holmes na casa dos seus pais no canto de xantar con ela; estando comigo a nena prefiro non faltar ás comidas. Falamos das respectivas mudanzas mentres na televisión poñen a novela á que está enganchado todo cristo menos eu; non tocamos certos temas, pero dime que ten reservado un barriliño de cervexa para cando a inauguración do tobo, algo que non sucederá, pero que non lle digo.
De regreso, vexo a Ti rodeada de familia nas Cortiñas de San Romao; segunda vez que nos vemos en meses, os que levo afastado do endogámico grupo polo que non inaugurarei con festexos: temo como o lume que algunha me pote no sofá ou que Estridente me taconee subida na mesa do comedor e con perigo de ser degolada polas aspas do ventilador do teito. Por suposto, nada disto comento con Ti, que tras a crónica de obras e reformas aínda me arranca a promesa irmos comer o cocido con Tere Holmes no de sempre.
Mércores foi Teddy quen chamou para un dejà vu de café escaso.
Xoves, inesperadamente, Ambece chama para dicir que fai o Camiño de Compostela ao mar, que ao día seguinte chega a Fisterra, que estará uns días en Atenas antes de regresar ao Sul, e que non regresará sen que nos vexamos.

venres, 10 de agosto de 2007

Pioneiros

 Dixéronmo esta mañá na caixa cando facía a transferencia para pagar a cociña, e a miña filla ao lado, pero en realidade moi lonxe, devoraba un conto: hai polo menos unha familia vivindo no edificio, baixo mínimos, sen auga quente e con luz e auga de obra, alucina.
Mentres asino o papel e actualizo a cartilla, alucino; sinto que me empeza a subir a presión e que un turbillón de ideas me corre pola cabeza: coa chave do piso no peto, a cociña montada (e agora paga), auga e luz de obra, vinte días para o comezo dos exames, auga quente e lavadora na casa da miña mai, a dona deste piso xa medio avisada, e a posibilidade de aforrar o aluguer de Setembro, parece estúpido non aceitar o reto e deixar esa pobre familia de pioneiros naquela soedade dos ascensores desconectados e os chanzos sucios de cal e plásticos.
Así que maos á obra: entre mañá e Luns, dous empresarios de mudanzas visitarán este tobo, farán inventario, presupostarán o traslado e, con algo de sorte, para o San Ramón outra luz acesa, coma un faro, indicará aos viciños que está viva aquela casa.

sábado, 4 de agosto de 2007

Encantador

Por fin fun cear na casa de Encantador, un estupendo ático con vistas á Catedral e teitos en mansarda: como as casas de París, comentou devotamente Polis mentres curioseábamos polas estantes ateigadas e o ventilador teimaba en baixar a temperatura que nos debuxaba bonitos círculos na camisa.
Polis pasara a recollerme no batmóbil, o que lle agradecín por non cargar coa torta de amorodos polas ardentes rúas de Ithaca, aínda que logo deu igual, porque deixamos o coche nun subterráneo a varias millas do obxectivo.
Mentres Encantador viña e non viña do ximnasio, Polis fixo de anfitrión: abríu coa súa chave, gardamos o pastel na neveira e, lata en man, pasamos revista ás coleccións de cómics, vinilos, bolas de neve, coches de folla de lata, monicreques pendurados nos cantos do salón e na barra da cortina, os madelman en formación (dos auténticos, remacharía despois Encantador, que os compra na rede por un ollo da cara) e todo aquel paraíso de infancias conxeladas e bastante pó en que o mazinger parecía reinar.
Durante a cea falamos do prezo das casas; Encantador, que traballa nunha caixa de aforros, aseguroume que os xuros aínda subirán este ano e, entre prato e prato, tentou venderme unha hipoteca. Pero do que máis se falou foi de vacacións, esas que os dous collen agora e pasarán nunha casiña alugada perto do mar, e tamén desoutras que Encantador (tras nos ameazar varias veces con ir pola caixa das fotos) pasou por medio mundo nos últimos 35 anos e que nos foi referindo co acento épico dun Stanley ou un Marcopolo de hoxendía: daquela Berlín era unha cidade ocupada, pasamos a Tánxer na furgona duns contrabandistas, vimos porno en Montpellier cando aquí todo estaba prohibido, e nese plan.

Pasaba da media noite cando marchei; Polis baixou comigo a sacar o batmóbil do aparcadoiro e ofreceu levarme á casa; rexeitei: a noite estaba tan fermosa e estrelecida que ir en coche sería pecado.

xoves, 2 de agosto de 2007

Copias


Nunca máis soñarei que regreso a Manderley


Nunca máis soñarei que regreso a Manderley


Nunca máis soñarei que regreso...


(Copiar 100 veces)