Páxinas

martes, 27 de febreiro de 2007

Morangos

Os primeiros chegaron xa hai semanas aos expositores das tendas e ás portas das froitarias, alegres e tentadores, como sempre, coa colorada forma dun corazón.
E ainda que regalar morangos no fin do Inverno non é máis do que regalar morangos, sei perfectamente que ninguén mos vai regalar este ano.

venres, 9 de febreiro de 2007

Auséncias

Non puido ser. A viciña clónica sai a pasear o cadeliño vestido cun abrigo de cadros escoceses e pára-me intrigada: quere saber como lle vai á Blu, agora que non a sente ganir con desespero durante as mañás.
Repito-lle a floreada história que empecei a contar hai dias aos outros viciños, cando a cadela deu en laiar-se cada vez que eu marchava para o traballo e facia acordar antes de tempo as colombianas de Patrick Suskind, e encollia o corazón do matrimónio de abaixo, e poñia en pé de guerra o can escocés que agora mira para min con ollos desorbitados.
Non é certo que a Blu volvese co seu amo, que se fora seguramente de viaxe e talvez regresou un dia destes á sua casa no campo, esa en cuxo xardin pode unha cadela coma esta correr até perder o alento, cozar co pelello mollado contra as árvores e desabafar a impaciéncia pola falta do amo perseguindo os gatos e os esquios.
Tampouco é certo que vaia volver á estreiteza desta vivenda, dos horários e auséncias ás que nunca se deu afeito.
Por consello do veterinário, a pobre Blu volveu á protectora, a soñar outra vez o seu destino, unha casa no campo e unha família que nunca máis a deixará soíña.

xoves, 8 de febreiro de 2007

Mentiroso


Sen desculparse e coa soberba e modos de sempre, o personaxe da melena de mosqueteiro, aquel que se sorrí parece Charlot e Hitler se se pon serio, recoñece agora que no Irak non había armas de destrución masiva.
Pero antes de entrar nun dos seus estúpidos xogos de palabras, metáfora taurina incluída, este señor afirma tamén que todo o mundo pensaba que as había.
E aí volve mentir, como costuma: acaso hai catro anos, e durante meses, miles de persoas non saímos unha e outra vez ás rúas por facerlle entender a falta de motivos para unha guerra ilegal en que nos quixo meter por dar gusto aos seus amigotes?

domingo, 4 de febreiro de 2007

Pamuk

Hai nada especulávamos aqui alegremente sobre os motivos polos que nos exiliaríamos do noso própio país. Unha vez máis, a realidade vén a nós para dar-nos unha bofetada e poñer-nos no noso sítio: Orhan Pamuk, o recente Nobel de Literatura turco, abandona o seu país, a sua amada Stambul, por muito tempo, e as poderosísimas razóns da sua decisión están explicadas aqui.
A nós, no noso torpe exercício de onanismo, nunca se nos ocorreu que puidese ser o noso própio país o que non quixese saber nada de nós.