mércores, 31 de xaneiro de 2007

 Definitivamente, a morte aprendeu ben o camiño a nós e percorre-o, asídua, como eu percorro o do tanatório, novamente en poucos meses.
Desta vez é o pai de Ti.
Na parede da sala de visitas hai unha lámina de Monet; a xente move-se lentamente, como un fluído mui espeso. Ti despega-se de abrazos e pésames e saímos a fumar; comenta-me que en realidade o perderan hai un ano, cando o primeiro ataque o sentou na cadeira de rodas, que o ictus do outro dia tan só puxera o ponto final; falamos do enterro, ao que non poderei ir porque traballo, falamos da Blu e quedamos de paseá-la xuntos un dia destes, e falamos de sua mai, á que despois vou saudar para escuitar-lle dicer tristemente que sobretodo acaba de perder un amigo, o mellor amigo.
Para non ver o brillo nos seus ollos claros, levo os meus ás desconcertantes papoulas, ao ceu azul cheo de nimbos, ás verdes árvores que unha vez pintou Monet.

martes, 30 de xaneiro de 2007

Exílio

Leco mete-me no compromiso de indicar tres motivos polos que me exiliaria de España, o que me supón un sério problema dado que me habituei a viver con eles, e ben poderia ser que até os achase en falta caso de largar-me. Aclarado isto, paso a enumerar os meus conflitos:

1. Ódio viver nun Estado oficial e falsamente laico en que a igrexa católica ten ainda tan imenso poder e influéncia: non podo comprender tantas voltas á presenza da relixión católica nos curricula escolares, que as procesións de semana santa invadan as ruas de todos con imaxes escoltadas por membros das forzas armadas, que siga a haver despachos oficiais a lucir crucifixos, que os ministros e demais mandatários xuren ou prometan sobre un evanxélio, ou que casar polo rito católico sexa equiparável ao matrimónio civil.

2. Detesto a falta de respeito polo médio ambiente e o entorno no senso máis amplo da expresión: desde os excesos urbanizadores ao feísmo, desde a destrución de paisaxes únicas en costas e montes aos incéndios forestais por escuros intereses que todos imaxinamos, desde a depredación e o derroche dos recursos naturais ao progreso mal entendido en forma de faraónicas cidades da cultura, polígonos industriais inviáveis ou auditórios sen futuro.

3. Nunca soportei os novos ricos, e este noso país está ateigado deles: parece que todos esquecemos xa o billete de terceira e a maleta de cartón, as segas e a vendima, a cartilla e o pan negro, e asi, nos imigrantes que chegan cada dia non damos visto homes e mulleres que merecen mellor sorte senón oportunistas e delincuentes que nos veñen disputar o noso tesouro recente da prosperidade.

Indicados os tres motivos polos que nos detesto, a cuestión agora é a que lugar me havia de ir, e a iso francamente non lle dou atopado resposta. Por se me dan algunha suxestión, desexo que indiquen os seus particulares motivos para se exiliaren as seguintes pensadoras: Tere Holmes, Sara Jess, Peke , X e Raíña Vermella,

xoves, 25 de xaneiro de 2007

Blu

Falei aqui hai dias do meu desexo de compartir casa e vida cun cadeliño; tamén da miña visita á protectora para elexer un, chamado Blu, do que solicitei a adopción.
Pois ben, desde onte percorre os cuartos da casa, corre a min en canto me sente levantar, seguramente temeroso de que o soño remate, acostuma-se á nova comida e a unha cama muito máis branda que o cemento en que dormia, e vai perdendo ese cheiro infamante dos cans abandonados.
Mesmo recupera parte da sua identidade, porque o que na protectora me deron por macho, na realidade é unha amantísima cadela que non se afasta de min un segundo.
Mentres me dorme aos pés, leo un estraño manual de instrucións canino que me prestou o veterinário; entre espectaculares fotos a cor de saudáveis animais, o autor recomenda-me ser o xefe da manada: comerei eu primeiro, esquecerei a expresión por favor, non consentirei insubordinacións nen caprichos, emitirei ordes con claridade e firmeza, e actuarei con paciéncia, xustiza e temperanza.
Amén.

mércores, 24 de xaneiro de 2007

luns, 22 de xaneiro de 2007

Unha vez máis

 Unha vez máis, Polis atopa o home da sua vida; unha vez máis tamén, ese home non son eu, como os dous sabemos ainda que el teime ás veces no contrário.
Como Mahoma non ía á montaña, tivo que ir a montaña a Polis en forma de i-pod, e entón hoxe falamos longamente no seu salón, por primeira vez en directo, sen teléfonos interpostos, desde o ano pasado. Cando di que el buscava unha parella para sempre e eu tan só un can para os meus paseos fai-no case nun susurro, e cando fala da noitevella é como se se xustificase, pero cando se refere a aquel que lle enche as noites contén apenas o entusiasmo, e até me fai rir contando unha parvada que lles pasou o outro dia.
Despois revisamos as fotos romanas: sobre a mesa de wengué Polis escreve ou completa no dorso dalgunhas, coa sua letriña de insecto, os lugares que lle faltan; dunha gaveta saca unha bolsa con papeliños para o álbum: tiques de pagamento, billetes de metro, entradas de museu, a tarxeta do hotel... esperan o momento de seren arquivados. Seguimos a tomar café, fumamos en siléncio.

A choiva molla os cristais dunha tarde que esmorece. Collo os livros e marcho para inglés; cando piso a rua estou un pouco triste, non sei por que.

domingo, 21 de xaneiro de 2007

Canoas

Porque muitas veces non queremos ver máis alá das secas estatísticas con que nos cansan os informativos.

xoves, 18 de xaneiro de 2007

Montepio


Despois da reunión a tres na casa do Monte Pio, que acabou como o rosário da aurora e deixou no limbo o novo estatuto, xorden os lamentos e as desculpas de mal pagador.
A fin de contas, digo eu, un montepio non foi de sempre unha casa de empeños?

luns, 15 de xaneiro de 2007

Seis

Como estou ocioso, cópio do livro de inglés un cuestionário deses; xa digo desde agora que espero respondan a el, principalmente, as señoras Tere Holmes, Doyle , X e Raíña Vermella, tamén Tong-zhi e Neofisiologus. Comecemos coa introspección:

1. Cal é a pior cousa que nunca compraches? Unha bicicleta estática que no dormitório pronto se converteu nun estraño roupeiro, logo na privilexiada atalaia desde a que a gata Sofia velava os meus sonos, leituras e coitos, e por último na falsa monea: dei-lla á miña irmá, que lla deu á filla, que tampouco a usa.

2. Cal é o lugar máis caro en que nunca estiveches? Nunha modesta suite do Sheraton Lisboa hai máis de 15 anos por compracer a miña moza daquela altura, que se negou a ir a unha pensión cutre pero económica. Como non atopamos nengun cuarto a aquelas horas e naquela ponte da Imaculada, acabamos pagando 30.000 escudos de entón por unha soa noite. Iso si, havia parabólica e prensa no cuarto, e a cama era como un campo de fútbol.

3. Cal é a cousa máis perigosa que fixeches? Seguramente, comer do que Mambru cociñava para os dous cando compartíamos piso no Delfos dos verdes anos. Como non hai mal que por ben non veña, grazas a aquela infeliz experiéncia gastronómica entendin o que me cumpria aprender a cociñar.

4. Cal é o maior error que nunca cometiches? Non ter solicitado aos 24 anos un leitorado vacante en Pequin, e por contra preparar as oposicións da secundária.

5. Cal é a cousa máis valiosa que perdiches? A alianza, ás poucas semanas de casar; o máis inexplicável mistério desde o asasinato de Kennedy segue envolvendo aquela desaparición que, cos anos, acabou por converter-se en toda unha premonición.

6. Cal é a máis terrorífica experiéncia que tiveches? Várias, todas relacionadas coas alturas, porque ainda que teño vertixe teimo estupidamente en imitar os gatos, e logo non dou baixado sen axuda nen pánico.

domingo, 14 de xaneiro de 2007

Bogart


 50 anos despois, está claro que nunca nos desfaremos del.

Mascota

Como esta blogue leva uns dias indo a estilo vaicheboa, non contei ainda que, fiel á máxima bíblica (non é bon que o home estea só) ando á procura dun compañeiro, dunha mascota que percorra comigo as ruas e os dias de Ithaca.
Como son consciente de que conviver cun tigre azul non é unha boa idea (duvido que a caseira e os viciños o aceitasen), e despois de buscar sen resultado entre os coñecidos, provo nun tristísimo lugar con reminiscéncias de prisión e orfanato. Xa me previñera Ti, e asi foi: encolleu-se-me o corazón mentres seguia ao encargado pola plataforma de cemento, esquivando cagadas, entre o balbordo de ladridos, até o canil onde o candidato esperava encerrado xunto a outros catro. Dous deles, esquivos, nen se achegaron á cancela; descarto dous, preciosos, un por ter demasiado pelo para viver dentro dun piso, e o outro porque a coxeira apenas lle deixa andar; o último, que me lambe a mao através dos ferros oxidados, chama-se Blu.
O encargado vai-me explicando os trámites da adopción, asi lle chama, mentres desfacemos o camiño; teño que facer esforzos por entender o que me di porque o alvoroto que forman os cans do pátio principal cando pasamos é enorme.

sábado, 13 de xaneiro de 2007

Almacén

 Teño a casa (e dalgun xeito tamén a vida) convertidas nun pequeno caos tecnolóxico: na cociña están a cargar baterias o discman e o móbil; no sofá do estúdio xace desmaiada a lixadora, que foi provada con éxito, e tenta chamar a miña atención liando-me o pé co cabo cada vez que paso; sobre esta mesa, máis e máis ateigada de trapalladas (santa preguiza!), ainda están a cámara nova, os discos de software, a tarxeta de memória, o manual de instrucións e os papeis do servizo técnico, e a caixa de cartón en que todo viña mui ordenado.
Para colmo de males, onte sofreu un síncope mortal o dvd en plena proxección, asi que sen pensá-lo duas veces fun comprar outro que fose mui barato; cando xa o tiña no coche, noutra tenda descobrin outro que non só era mui barato senón baratísimo, asi que tamén o comprei; a idea é devolver o outro a semana próxima, pero mentres, o salón parece un armacén.
Ainda máis: sobre a mesa do comedor hai unha caixa envolta en papel verde, un regalo que o seu destinatário non veu recoller polo momento.
Só espero que, a este paso, non lle venza a garantia.

venres, 12 de xaneiro de 2007

Paz


"pola paz, a vida, a liberdade e contra o terrorismo"
Co novo lema, non valen escusas...

martes, 9 de xaneiro de 2007

Pasen


Unha neura e a puta paranoia de ver-me novamente descoberto fixeron que durante uns dias o local estivese fechado; a falta de delicadeza de Blogger con esa léria dos invitados empiorou as cousas.
Aclarado o asunto, agora pasen por favor e tomen algo, que a casa invita.

luns, 8 de xaneiro de 2007

Guantánamo


 A risco de o converter nun tópico máis deste blog, envío outra vez para o nefasto cabaleiro da esquerda os meus parabéns através da mensaxe que me fai chegar Amnistía Internacional, e que reproduzo a seguir.

Estimado Sr. George W. Bush:
Agora que está a ponto de cumprirse o 5º aniversario do campo de detidos de Guantánamo, quero felicitalo a vostede por varios motivos:
1. Por apañarse para manter un centro de detención ilegal aberto durante tanto tiempo ante a pasividade da comunidade internacional.
2. Por tentar reducir a cinzas a Convención de Xenevra, tras máis de medio século de vixencia.
3. Por descubrir que hai seres humanos sen dereitos humanos.
4. Por manter baixo detención prolongada a centos de detidos sen cargo nen xuízo, permitindo as torturas e os malos tratos.
5. Por facer desaparecer un número descoñecido de persoas, iso si, en nome da liberdade.
6. Por conseguir que sexan admisibles as probas obtidas mediante tortura e outros tratamentos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes.
7. Por conseguir que moitos países, entre eles algúns de Europa, lle presten as súas bases e aeroportos para tales propósitos.

Por todo iso, fágolle chegar os meus parabéns. Pero de paso tamén lle envío a miña máis airada condena e rexeitamento á existencia de Guantánamo e o resto de centros de detención.
Exíxolle a vostede que feche o centro de detención de Guantánamo, e que libere os detidos a menos que foren acusados dun delito común recoñecible, e xulgados consonte as normas internacionais de xustiza procesal, nun tribunal que non impoña a pena de morte.

domingo, 7 de xaneiro de 2007

Reis

A xulgar polo que nos deixaron as SS. MM. de Oriente, a miña filla e eu fomos realmente bos; dado que un ano nos vén Papá Noel e outro os Reis Magos, provavelmente a competéncia entre eles nos favoreceu, e asi foi que cando nos erguemos atopamos ao pé da árvore milagrosamente iluminada un xeneroso cargamento de toallas e calcetins, unha película, un precioso conto, un espello para o dormitório da meniña, un xogo e un frasco de colónia, unha pizarra magnética e non sei cantas cousas máis, pero por riba de todo, unha boneca que grava frases e ten unha fita no cráneo para levaren-a as nenas colgada do pescozo, algo absolutamente super mega fashion.
A nota disoante puxo-a a nena cando, ao ver que me trouxeran unha lixadora eléctrica e ergonómica, afirmou que os Reis confundiran a casa, que aquel presente devia ser para o meu cuñado, que a min non me imaxinava cunha desas cousas nas maos.
Humillado e ferido no amor própio tomei nota, pero a lixadora ainda non saiu da sua fantástica caixa.

mércores, 3 de xaneiro de 2007

Bonecas

 Conta-me Ti que existe unha boneca extraordinária, e non só polo prezo (arredor dos 150 eurazos), senón porque, ademais de chorar, comer e defecar, pode falar coa sua mamá (ou ama) para pedir-lle o menu que lle apetece para xantar e as cousas que desexa facer, mesmo ir para a cama.
Ti sabe todo isto porque Papá Noel lla trouxo á afillada dunha amiga dela: o dia de Noitevella, a boneca escolleu para cear spaguetti e xelado; cando terminou, seguramente por mor da pesadez da dixestión, afirmou teimuda que era hora de dormir, e repentinamente esmoreceu, se é que a expresión é válida, deixou de estar operativa até que lle saíu dos circuítos e houvo que deixá-la na casa mentres todos marchavan a cear á casa da avoa (isto é, da bisavoa da boneca).
En calquer caso, o maior perigo desta boneca, a sua maior tirania, consiste en que se non son atendidas as suas necesidades básicas e caprichos, poderia morrer, desactivar-se para sempre, subir ao ceo infernal dos xoguetes, deixando atrás un corpo rosado e incorrupto e unha nena desconsolada.
De certo, á miña filla os Reis Magos non lle traerán nada semellante, ben o sei eu que fago funcións de paxe interino e bastante teño con diferenciar entre as Bratz, as Jaggets e as Barbies; recoñezo que son xoguetes sexistas, pero polo menos non se suicidan.

martes, 2 de xaneiro de 2007

Incisivo

A misteriosa cotización do mafin dentário infantil desvelou-se esta mesma mañá cando, dentro dun vaso de auga e en lugar do seu incisivo inferior, sobre a mesa de noite a miña filla atopou unha flamante moeda de dous euros, que ainda non decidiu en que gastar.
Prova evidente da puxanza do monopólio dentário é que o anverso da moeda mostra unha harpa irlandesa.