Páxinas

xoves, 28 de setembro de 2006

Confirmación

Efectivamente: as sospeitas de todos e os estraños comportamentos dos dous nestas últimas semanas resultaron confirmados, e é xa un feito que Vapin e Estridente empezaron a saír.
Desde logo, non houvo comunicado oficial: conta-me Ti que os descobriu a noite do seu cumpreanos morreando no local en que tomáramos as copas, diso hai catro dias, e que a Vapin só lle faltou dicer isto non é o que parece, mentres Estridente facia por limpar-lle o carmin da cara cun klinex.
Daquela eu xa marchara: era tan tarde que da festa xa só quedavan rescaldos que a hora e o dilúvio apagavan por momentos; segundo Ti, seria imposível non os ver, que non os vise cando saín á rua, pero asi foi, e a primeira notícia da nova parella chega-me de lábios de Ti, rideira e pícara, que até me fai xurar que eu non sabia nada de toda esta história.
Cando entra Vapin no café e lle dou os parabéns, efusivamente pero sen dar o motivo, mira para min con ollos de peixe e ainda pregunta por que o felicito, mentres lle sacudo a mao con ese viril entusiasmo que acai tan ben nestas ocasións.

martes, 26 de setembro de 2006

Nenos

Que país é este en que degolan unha nena de 8 anos, un neno de 2 morre de fame, e o único que parece interesar á xente é a nova preñez dunha Princesa?

venres, 22 de setembro de 2006

Aclaración

Non hai nengunha dúvida: isto non é un corazón senón a metade dunha mazá co seu carozo.
E por favor, que de hoxe en diante ninguén se confunda: regalar mazás no Outono non é máis do que regalar mazás.
(No Outono).

xoves, 21 de setembro de 2006

Gordon

Gordon, o temporal, parece a estas alturas un brozas que non ten meia hóstia.
E eu esta mañá acabo de erguer-me emprendedor e feliz porque a señora conselleira ordenou suspender as aulas por culpa de Gordon. O sorprendente do caso é que as aulas ainda non empezaron, pero a alegria é a mesma.
En canto acabe o café con leite e me duche porei-me coas mazás.
O que non atopo por nengun sítio é aquel número de móbil.

mércores, 20 de setembro de 2006

Conta atrás

Á espera de que nos leve consigo o apocalíptico Gordon, chegan, no dia cálido en que o Verao remata, unha mensaxe de Ambece desde o seu Sul e unha chamada de teléfono de Ilu desde Atenas; elas duas, co montiño de mazás expósitas, establecen os vértices dun dia aciago: fan-me entrega esta mañá do horário que rexerá os meus dias e semanas nos vindeiros meses, e que é ás miñas preferéncias o que unha foto ao seu negativo, e cando no xantar espero atopar vellas mimocas de miña mai o único que escuito é un diálogo sen trégua sobre colchóns, imigrantes e a sorprendente notícia do divórcio dos viciños do 1ºD.
No café tampouco hai mellor sorte: Vapin narra pormenores escatolóxicos e Ti fala con Estridente dunha saia de tafetán para fin de ano; cando, camiño da miña casa, paso pola de Polis, o forno tampouco está para bolos: unha estúpida petición de habeas corpus complica-lle a tarde ao meu amigo diante do ordenador mentres Colacao, que nen mira para min cando entro, ve no salón unha peli superintelectual e megaprofunda.
Pola miña rua abaixo, contrito, vou-me preguntando que hei de facer coas ditosas mazás gorentosas que enchen a miña cociña co seu arrecendo; as opcións parecen ser tres (descartada a compota), e cando me vou decidindo por tomar eu a iniciativa e enviar unha mensa á propietária do pomar, Ilu comeza a falar-me por móbil daquel saudoso lugar en que vivin cinco anos e que agora xa non me é alleo: tamén me fala do vello casarón cheo de aulas, da Rua do Paseo onde unha coñecida lle deu recordos para min, dos cafés arredor da Catedral...
Botando de menos un cigarro, sento nun banco cando apago o móbil, e penso que se puidese dar para atrás ao relóxio agora non estaria ali sentado baixo un pradairo, mirando para unha cagada de can que alguén pisou xunto ao banco, na antiquísima cidade de Ithaca, o meu berce.

Para cando subo no ascensor da miña casa, a decisión está tomada: mañá de mañá, se a meteoroloxia o permite, o que farei será tarta de mazá e non compota.

martes, 19 de setembro de 2006

Serpe

Onte, entre a unha e as cinco menos cuarto (isto é, mentres xantava na de meus pais e tomava o café noso de cada dia con Ti e Vapin), alguén deixou diante da miña porta unha bolsa de plástico chea de mazás recén collidas.
Vinte e oito gorentosas, húmidas, fresquísimas mazás recén contadas.
Hai na sala algunha serpe que queira dar-me un mal consello?

domingo, 17 de setembro de 2006

Eris

O planeta anteriormente coñecido como Xena, ese anano, será chamado desde agora Eris en honra da deusa grega da discordia.
Desplanetados do mundo, unídevos e clamai vinganza!

venres, 15 de setembro de 2006

Adicción

Niso estamos: no malestar, no mal-humor, nas maos inquietas polos petos, na tose, no insómnio, na gorxa seca...
Até agora (6 dias despois) parece que ninguén reparou (será certo que afinal nen a família nen os amigos saben que existo?), ainda que, convertido nun abominável Mr. Hyde, cada noite libero os máis baixos instintos e violo algunha bolsa de pipas ou patacas fritas para inutilmente suplir a nicotina.
Recoñezamo-lo: fumar é muito máis elegante. E non engorda.

xoves, 14 de setembro de 2006

Fesore

Para xustificarse chama Fesore: para explicar por que desapareceron repentinamente case ao fin das vacacións, para despedirse, para aclarar que foron aquí e acolá e que ían chamarnos pero non chamaron, para en definitiva evocar os días que xuntos pastoreamos as nosas fillas.
Daquela conta que nuns meses súa mai marcha a viver con eles a V: algún día ía suceder, di Fesore, pero todo se precipitou porque ten que deixar a casa, que lla venden; doulle crema con que terán máis axuda coas nenas e con que se van afacer mellor agora que máis adiante... e aínda seguimos con comezos de curso e livros antes de eu caer da burra e decatarme de que, falándome da marcha da súa mai, Fesore en realidade dime que deixan Ithaca definitivamente, que xa non virán porque non teñen nin casa nen familia nin can que lles ladre, que debemos esforzarnos por manter o contacto, sobretodo entre as nenas, que debo saber que na deles teño a miña casa e todas esas cousas, e seguimos aínda uns minutos prometendo e planificando, e non cando colgo senón máis tarde, moito máis tarde, dou en sentir unha pedra, dura e fría, no estómago.
Fóra chove, e a tarde está gris.

luns, 11 de setembro de 2006

Consulta

Ben sabe deus que quen esta tarde me investigou polo hemisfério sul non era o doutor House, asi que o que me sucede non é consecuéncia dunha desas gripes mal curadas con prolapso sinfopubiano e atrófia da musculatura posterior do pericárdio, que sen embargo se confunden polos síntomas coa necrose sangrante dos tecidos parcopelianos do sistema esclupenático maior.
Pero que ninguén se asuste: se o médico fala de que aí atrás hai unha fisuriña que se cura cunha cremiña e uns poíños, e manda que volva por ali nunhas semaniñas, daquela o caso non deve ser mui grave.
Mañá, sen falta, irei polas receitiñas á farmácia.

sábado, 9 de setembro de 2006

Popa

Pido-lle a Polis que me recomende un médico: teño problemas en popa cada vez que vou ao retrete, e o meu amigo xa me fai un rápido diagnóstico ao lle descrever os síntomas mentres tomamos café; a fin de contas, a el sucedeu-lle o mesmo hai un par de anos, pero ao contrário: non por algo que saíse senón por algo que entrava.
Consigo cita para a humillante consulta o próximo Luns pola tarde; tamén, que Polis desista de acompañar-me.
Seguiremos informando.

venres, 8 de setembro de 2006

Acuciado

Acuciado polos gastos dos próximos meses, fago contas: como a primitiva me é inexplicavelmente remisa apesar da nula fortuna amatória, e como me obstino en seguir a este lado da lei, a única forma de aumentar o saldo bancário pasa por reducir gastos.
Revisando fastos e derroches, a vista detén-se no fio de fume que ascende voluptuosamente desde o cinceiro á miña esquerda.
Calculadora en mao, os resultados son implacáveis: daqui ao mes de Xuño terei gastado 825 € en tabaco, aproximadamente o que custa un frigorífico.

luns, 4 de setembro de 2006

Repunante

Como cada ano, as vacacións terminan entre bicos de profesoras maduras e exames en branco.

Un par de dias antes, levo a nena para Manderley e volvo cunha bicicleta, un par de botas de goma e un impermeável, testimuños exánimes de épocas pasadas; traio tamén unha visión de esperanza prendida na retina mentres me veño asando lentamente dentro do coche: na terra queimada polos incéndios, entre as árvores carbonizadas e as borrallas que cobren montes e toxeiras, comezaron xa a agromar os verdes penachos dos fentos.

Cun saco de mil kilos ao lombo boto a lavar a roupa da cama da nena, gardo os contos nas estantes, os xoguetes dentro da caixa, arquivo os debuxos: o robot bon e o robot malo, a serea, a Bela Dormente, un retrato meu con sombreiro de copa, outro dela con sua mai e comigo baixo unha árvore rodeada de flores xigantescas, un cavalo azul cun manto de estrelas...
Por primeira vez desde que marchou, esta noite non acordei pensando que chamava por min.

Quedo para tomar café: en canto Vapin entra xa me di que me ve repunante, que volver ao instituto me sentou fatal, que non hai máis que ver-me, e Ti fai-me mecos como a un bebé de meses, e o café sabe amargo como nunca cando debaten sobre os bares sen tabaco e Lura, esa barbie, di no queríais a Zapatero?, pues ahí teneis el resultado, e non se me ocorre nada enxeñoso para desencaderná-la moralmente.

Vou á de Polis e bebo-lle duas cervexas quentes mentres lle miro as fotos de Malta e o vexo despegar pedazos de pel dos ombros sen disimulo; cando me farto e lle pido que pare de esfolar-se, tamén el di que estou repunante, que devin marchar con el ás illas e que se fodese máis estaria de mellor humor.
Sigo a ver miles de fotos de praias, de solpores mediterráneos, de ruínas, de efebos; porfin chaman á porta e entra Colacao cunha pizza catro queixos e tres horas livres; despido-me cando o vexo acomodar-se no sofá cos pés sobre a mesa baixa.
Polis acompaña-me até a porta: o último que lle escuito cando o ascensor se fecha é a palavra trio.