xoves, 31 de marzo de 2005

Asténia

Os resultados provisionais saíron hoxe e confirmaron as previsións; en poucos meses levantarei o campamento e abandonarei Atenas. Non marcho só: Ambece tamén se vai, ainda que, naturalmente, non comigo. Esperan por ela o Sur e unha chea de proxectos que os dous compartimos mentres xantamos.
Nada parece igual desde esta pasada noite, pero estou tan canso que apenas percebo a arexada que entra na miña vida ao se abrir a perspectiva ansiada. Canso por esta semana-luns marcada polo retorno ás aulas, o final das sesións de logopédia, a recompilación de méritos para a convocatória do curso, a presunta ameaza médica, o tecido e destecido familiar, e a análise das relacións que me importan.
Chego á casa abafado pola calor excesiva, incómodo e desacougado. Ispo-me e vou dun lado para outro da casa, sen dar-me metido na ducha. Axexo nos correos: Sen notícias de Vapin, como esperaba, pero, por contra, preocupante mensaxe de Tere Holmes, que titula Parte médico, e que me derruba un pouco máis; trato de telefonar-lle, pero non colle o móbil. Miro á miña volta: nada en que ocupar-me; ou mellor dito, tanta cousa por aviar que, vencendo os cantos de sereas, desisto de todo.
Ducho-me, torno a vestirme e saio a fume de carozo escaleiras abaixo. Fago caso a Oscar Wilde e caio en diversas tentacións. Cando regreso teño unha nova camisa e un boxer sen costuras que estrearei mañá, unha película de Hitchcock, un disco de Mozart que soa mentres escrevo isto, un moneco de Lucho para a miña filla, e un tarro de lecitina de soia. Tamén unha bolsa de anacardos e unha cervexa para beber con Cary Grant, á saúde de Pólis, e na xerra que me regalou.

martes, 29 de marzo de 2005

Frases

Tempus fugit e confirmo o que xa sabía: que non arribei a Ithaca, que son longas as xornadas e moitos os camiños que me restan por andar, que estou, portanto, no meio de ningún e de todos os lugares. E que iso non é malo en si mesmo, que o malo só está en min, pola miña impaciencia.
Todo o que escribo hoxe aquí é, claro está, en diferido: esta é a natural aclaración para metódicos e escrupulosos.
Como supuña, non puiden acceder á Rede até hoxe, así que fun recollendo no caderno-de-todo algúns riscos, pequenas caricaturas dos sucedidos durante as vacacións. E todo son, nomeadamente, dicires:

Di a miña filla cando a vou deitar que, de todas, a casa que máis lle gusta é a de Atenas; pero que non pasará nada cando a venda porque pintaremos a de Ithaca de amarelo, como a de Atenas, e traeremos a ela as cousas todas que nos interesan: a súa cama, o seu coxín de Winnie the Pooh, a súa alfombra coa mariola debuxada, as películas de Pippi e Harry Potter , e a súa cunca dos Simpson.
Non fai falta máis.

É book-crossing coller livros dun contentor de papel para reciclar?
Probablemente non, pero do rescate saíron Primavera con una esquina rota de Benedetti, La despedida de Milan Kundera, A vida vexetal de Luís Xosé Pereira (un Xerais esquecido), unha historia incógnita da literatura española e mais un dicionario de inglés. Miña mai, sorprendida cando me viu chegar con tales achados, propuxo que buscásemos os propietarios, por se se enganaran ao facer limpeza.
Lamentablemente, meus pais viven nun bairro de clase media; se vivesen na arx de Ithaca, ao mellor agora tería no meu poder a Enciclopaedia Britannica, por exemplo.
O certo é que estas cousas pasan, poucas veces pero pasan. En Compostela pode un home rescatar o volume das Liçoes de Lapa de entre as revistas pornográficas dos camareiros da pensión en que vive. Esquecido no bar, o libro xa fora xubilado como pé dun armario.

Do primeiro encontro con Fesore e as nenas só unha frase, mentres a miña e as dela se rebozan na area da Praza Maior xogando ás bólas; comento que Xa goza a brincar con elas, como un neno, e Fesore di solenemente: "Eu son máis de conceptos".
Como outras frases dela, esta non ten desperdicio.


Tamén unha frase célebre que permanecerá na miña memoria probablemente até que a borre o Alzheimer. Estou con Vapin no seu salón, os dous nus e erectos, aínda que sentados no sofá. Como tantas veces, o meu amigo volve á adolescencia e teño que botar man da terapia para convencelo de que non estamos a facer nada malo; dígolle que os dous somos adultos, bisexuais, e que aos dous nos gustan tanto os homes como as mulleres; concorda, e seguimos cos bicos e as caricias; até que de súpeto Vapin para, mírame e di: "Vale, pero a ti isto gústache máis".

martes, 22 de marzo de 2005

Tributos

O meu corpo, maltreito desde Domingo, segue pagando un tributo de maniotas; ademais, farto das guedellas molladas pola choiva esmagadora, onte fun á perruqueria e acabei de vez con elas, pero esta vez, quen cobrou o tributo foi a Primavera no seu dia.
Seguen as tardes tranquilas xunto a Vapin na sua casa: dulcísima cordialidade dos que están xuntos á vontade.
Cando descobriu os arquivos desta blogue, pedin a Vapin que por favor non os abrise porque non tiñan interese, pero houbo daquela unha sombra que cruzou rapidísima entre os dous, e eu recuei en segundos e expliquei-lle todo.
Penso agora, mentres isto escrevo, que, se hai pouquísimas áreas das nosas vidas pasadas ou presentes que o outro descoñeza, e isto inclui os tempos de bonanza e os de tribulación, as nobrezas e as misérias, as épocas de guerra e as de paz, tampouco teño motivos para ocultar ao meu mellor amigo o que este blogo contén.

luns, 21 de marzo de 2005

Imprevistos programados

Xa en Ithaca desde o Venres, e naturalmente comezaron a suceder cousas.
Para empezar, a etapa de Camiño prevista para Sábado houbo de ser removida ao Domingo pola elocuente razón de saír a noite anterior até horas imposíveis: na Cova primeiro, con Ti, Vapin, Constanza e Xoán; logo en Emo (onde todo é sempre de xoguete, comento eu máis tarde: as tapas, as cadeiras e as camareiras); a seguir, de novo na Cova (en que dá a impresión de vivermos nela ou algo asi) a mendigar algo de comer; e por último, mui mui tarde xa, noutro lugar do Campocastelo, os corpos castigados reclaman lenitivos de chocolate e carajillos.
Para daquela, a miña decisión de non ir camiñar co dia estaba xa tomada.
Vapin marchara pronto, pero a migración nocturna foi mui grata, en boa medida grazas á auséncia de Estridente, e á grande descoberta da tempada, Xoán-sen-costela. Sen ela, sen H., parece outro, capaz, sorprendente, dono dun humor finísimo: a estas alturas da película estuda Direito na Coruña porque non está disposto á xubilación, á acomodación, ao ben-pasar.
Só por escuitar-lle dicer iso mereceria, non sei, talvez un poema épico, ou un cantar de corda como Mambru.
Tamén sabe navegar, pero o inaudito é que nunca fala de si nen do que fai, como se non tivese importáncia.
O Domingo, nas encostas que levan a Samos, lembro as suas palavras sobre o malo que é acomodar-se; penso daquela nos meus pais, tan prematuramente retirados da verbena, derrotados, resignados ao paso do tempo, por própia vontade.
Nunca, digo para min; eu nunca, e parece que renace a enerxia en min, e que as miñas se transforman en botas de sete léguas.
Camiñando penso outras muitas cousas, e fervorosamente analizo o falado o Sábado con Vapin, para evitar sismos e outros desastres naturais.
Cheguei á casa del co portátil, como estaba previsto e, tamén como estaba previsto, falamos de todo e copiamos programas; pero desencadearon-se imprevistos programados muito antes: cousas agradáveis, esta vez inesperadas, e que, pola premura con que temos que saír para atoparmos na Cova toda a caterva ficarán aprazadas, quizá para Luns.
Trata-se do que permanece sempre entre os dous: que naceu, viveu, transformou-se, dá a impresión de que morre ás veces pero en realidade non morre, tan só se aletarga durante longas temporadas tras as cais resurxe cunha forza incontrolável, como os torrentes e as fervenzas, e daquela asolaga-nos, eleva-nos ao ceo, tamén nos afoga mui brevemente.
E a continuación sempre nos fai caír no profundo: inexplicavelmente, deixamos de ver-nos, de chamar-nos, de andar xuntos até. Por pouco tempo: Macer, sen saber sequer o perto que estaba da verdade, ten comentado algunha vez sobre esta nosa interdependéncia.
Sempre volvemos.
Pero Macer nen é amiga nen amante; non resistiu o tempo, e agora pasa xunto a nós procurando non ver nen ser vista, igual que os bandidos.
E Vapin, amigo sempre, como sempre regresa.

xoves, 17 de marzo de 2005

Afirma Kaplan

Confeso o meu pecado, pero tamén que fun descuberto e confortado na miña acción.
Afirmo que son sabedor de que se empeza por non asistir á misa os domingos e festas de gardar, que daí se pasa sen dificuldade a non saudar ás vellas bruxas do 3º andar, e a seguir, a comprar nun manta en pleno centro de Atenas, co evidente risco de ser sorprendido coas maos na fariña, como esta tarde me sucedeu a min, para a miña vergoña.
Afirmo que estaba na casa a facer a equipaxe e que descubrin que os discos que estaba a gardar xa os tiña ben escuitados, asi como que lembrei a recomendación de Teo, e decidin comprar algo de Scissorsisters. Afirmo tamén que, camiño dunha tenda calquer de discos, batin cun manta no meio da rua, en pleno dia e a poucos metros da Subdelegación do Governo.
Afirmo que mirei por simple curiosidade e simpatia, como todos, e que non tiñan o que conscientemente buscaba, pero que o meu subconsciente albiscou entre todas a carátula do que levo cantarelando desde hai duas semanas.
Afirmo que tras comprá-lo ao módico prezo de 3€, e cando ainda ben non o dera gardado no peto da chaqueta, sentin tras de min a voz cariñosa de Ilu, que non só non me censurou senón que me revelou algo sorprendente, a saber: que facia mui ben, que era un adiantado ao meu tempo porque os seus alunos lle dixeran e o seu home lle confirmara que internet ía terminar con todo iso dos discos e as tendas.
Afirmo igualmente que, confortado e convencido, os dous fomos tomar unhas cervexas e uns pinchos, e que calquera remorso que puidera sobreviver diluiu-se no amargor da cervexa, as olivas e as anchovas. E afirmo que, co gaño da compra, fun eu quen pagou a consumición, e que mesmo sobrou del.
Tamén afirmo que a voz de Diana Navarro leva horas soando na casa, e que gosto tanto dela que estou por sospeitar que ha de ser un espellismo, que non pode ser tan boa, que debe ser unha trapallada, e que mañá cando Vapin a escuite vai dicer que son un marulo, que mellor me seria comprar algo de Ana Kiro, se ainda publica, ou dos triunfitos, se ainda existen.
Asi as cousas, afirmo que a estas horas a maleta está sen facer, pero que as tres mulleres coas que neste momento ando en tratos non me quedarán en Atenas: nen a poesia completa de Djuna Barnes, nen o livro (bastante cutreiro) sobre o 11-M que estou por terminar, nen a voz da andaluza.
E por último, afirmo que hoxe é máis ben mañá, e que estas xa non son horas, polo que asino a presente como corresponder, etc. etc.

Primavera

É evidente que está xa aqui.
Desde hai vários dias, pero onte e hoxe, especialmente, se deixou sentir: no ar quente e aromático sobre os rostos, no sol case branco a bater contra as fachadas das casas e contra o chao reseco das ruas, magoando os ollos coa dura luz.
Na maleta van caíndo as cousas, roupas e livros sobre todo, algun disco, o cargador do móbil que sempre esquezo: mañá á mañá marcho para Ithaca; deixo Atenas por algo máis dunha semana, o que duran as vacacións, en que ademais nen sei se poderei bloguear. Explicación e aviso a navegantes: o kiosko non liquida, se acaso fecha só por vacacións...
Proxectos e obrigacións, mui poucos; pero o ánimo alto e ben disposto. Mañá pola tarde, cos meus pais á notaria, e despois agardan-me na Cova tres pintas de Guinnes para celebrar con retardo o San Patrício, saldar unha débeda e compartir con Ti e Vapin.
Levarei o portátil para que fosgalle Vapin nel, suprimindo excrecéncias e engadindo programas que só el cre indispensáveis; temo que na sua exploración e frótis dea con algunha pista desta blo, que descoñece.
No fundo sen embargo creo que preferiria que o descubrise dunha vez, ainda que non estou seguro de que vaia desfrutar lendo algunhas das cousas que escrevin sobre el, sobre el e mais eu, sobre todos. E non me estou a referir precisamente a armários e demais mobília: isto é algo do que nunca falamos (non sendo que a distáncia física entre os dous se reduza a milímetros e as voces a susurros).
Máis: o encontro con Pólis e a cara de susto ao ver que me trouxo de Londres, e unha etapa do Camiño en solitário, e unha chea de procesións esquivadas ou vistas coa miña filla, completarán unha semana santa sen arelas pero tamén sen derrota.
A segunda sedentária dos últimos anos.

mércores, 16 de marzo de 2005

Conselho

De Eugénio de Andrade:

Sê paciente; espera
que a palavra amadureça
e se desprenda como um fruto
ao passar o vento que a mereça.

martes, 15 de marzo de 2005

Tadsio, a lua

Polis agarrou coas mans unha lúa, seguramente arisca e doce, pero despreocupada e libre, que o fai soñar. O outro día no aeroporto, mentres nós falábamos diante duns cafés, quen desde hoxe aquí será chamado Tadsio, ía e viña, rondándonos impaciente: foi el quen facturou as equipaxes, quen localizou a cancela de embarque, quen reuniu os billetes e os carnés de identidade deles dous nun feixe que puxo sobre a mesa, quen foi até as pantallas horarias varias veces para controlar os retrasos, e mesmo até a máquina expendedora da cafetería por tabaco para Polis.
Lembrando o seu manso obrar, considero agora se mellor non lle irá ser chamado Venres ou Conseil.
Segue hoxe en min a sensación estraña de madurez, e a perplexidade perante a diáfana rotundidade de en quen se transformou aquel adolescente do que apenas recordo que lle interesaba a poesía, que choraba con facilidade irritante cando suspendía, e que debuxaba á vez que eu explicaba o temario de COU.

English tea



Xa voltaron.
Non hai unha hora chamou Polis para me anunciar que a escapada terminou, que está xa en Ithaca e que, se o próximo fin de semana nos vemos, me dará o que me trouxo de Londres: un pacote de darjeeling especial, e unha sorpresa que non me dixo porque senón deixaría de ser unha sorpresa. Claro.
Tamén me dixo que está namorado como un idiota, e que collera a lúa coas maos. Ou algo parecido.
Benvido, Polis.

luns, 14 de marzo de 2005

Fondue

Pola noite, tras a ducha reparadora, vamo-nos reunindo na Cova para irmos á casa de Ti: cumpreanos de Estridente, que celebraremos con fondues de carne e queixo, e coa expresa proibición de Ti a Estridente de que baile sobre a mesa. Seremos once, unha vez que Lavapiés e Luísa quedarán ao seu na casa, co que o temido número 13 foi rapidamente esquecido.
A primeira parte da cea, traballosísima para todos os que procuraban sustento, como adoito sucede nas fondues numerosas, foi bastante divertida; a sobremesa non: rapidamente comprendin a proibición de Ti a unha Estridente que, virada en ménade furiosa, non deixou de ir dun lado a outro, de bailar soa nunha performance que incluía desde cancións da Jurado á danza do ventre, de convulsionar-se entre risos como se fose picada por unha tarántula. Incluso puxo duas mazás no peito, e un par de kiwis e un plátano dentro do pantalón, nunha paródia dun travesti que tiña máis de cerimónia de himeneo romana que de paródia.
Os demais mirábamos e, claro, ríamos.
Ás duas da mañá ainda ninguén conseguira ir-se, como na película de Buñuel.
Cando marchei só puiden tirar para a cama, canso e desencantado.
Despois dun Domingo agonizando de resaca e cansazo, lendo o xornal tirado no sofá, chego á conclusión de que o problema desa festa-fondue, da cea no chinés a pasada semana, e das restantes, é que se trata de reunións en que non hai nengun tipo de conversación: entre o balbúrdio xeral, ninguén entende o que di o outro, que por outro lado seguramente tampouco di nada especial porque sabe que non será atendido.
Ainda hoxe, no siléncio da casa de Atenas, non dei expulsado dos ouvidos as gargalladas espeluznantes de Estridente que, como un signo tipográfico, concluen as suas frases inconexas.

On the road

Sábado retomamos o Camiño, agora a segunda parte da primeira etapa, desde o Alto do Poio a Triacastela, que quedara pendente pola neve. A mesma que atopamos esta vez, e que deixou pegada nas maniotas que ainda hoxe sinto nas pernas e até os cadris.
Foi unha etapa máis dura por ter que andar boa parte dela sobre unha capa en que nos afundiamos por riba dos nocellos e, en ocasións, até os xoellos. Pero tamén máis formosa, máis auténtica, se queremos dicé-lo asi, ainda que Nican non as tivo todas consigo: pasou-no mal, e chegou a propor quedar de canguro da miña filla a próxima vez.
Vapin foi o meu compañeiro os muitos kilómetros en que, sen queré-lo nós, as outras duas ficaban rezagadas: tempo para falarmos precisamente de Estridente, Constanza e alguns dos que serian comensais na festa de cumpreanos aquela mesma noite na casa de Ti.
Involuntariamente pola nosa parte, compartimos roteiro cunha horda de adolescentes cos pantalóns caídos e os móbiles na mao. Adiantaban-nos en grupiños de tres ou catro.
Paramos ao pé dun castiñeiro xigantesco, á espera de Nican e sua irmá: talvez porque nos ouviron, e talvez non, dous mozos saíron de súpeto do lameiro ao lado, axustando os pantalóns.
E estes?, pregunta Vapin cando pasaron, camiño abaixo; Ou mexada, ou palla, digo eu, ti que opinas?; Palla non, pero unha mexada vale.
E ali mesmo, á sombra e abrigo do castiñeiro, os chorros dos dous cruzaron-se brillando ao sol.

xoves, 10 de marzo de 2005

Sorpresa

Cada dia recibo, polo menos, duas mensaxes de Pólis viaxeiro en Londres. Na desta mañá conta-me que, como era de esperar, foron ver o cámbio de garda diante de Buckingham Palace; o ceo está coberto e, ao parecer, a Raíña non está en Londres.
Cada vez que lembro a despedida/presentación no aeroporto o pasado Martes sinto un empurre de abaixo arriba igual ao peso da sorpresa que sentin, e que se transforma non sei ben se en riso ou que. Que un antigo amante meu co que agora me une una amizade sosegada (todo o que permiten os altos e baixos do seu sistema nervoso e do meu) inície unha relación cun rapaz muito máis novo non me parece mal en absoluto; que a diferenza de idade entre eles supere os quince anos resulta-me incómodo, máis que nada porque me fai pensar en decadéncias e ocasos; que ademais Pólis me conte camiño do aeroporto que esta relación o enche de enerxia e o fai soñar, obriga-me a ser prudente.
Até aí, todo perfeito, non sendo que o rapaz ainda non traballa e será Pólis quen corra con todos os gastos. Eu, que son algo anticuado para algunhas cousas, prefiro non opinar, e calo de igual modo que calei con Pólis cando mo dixo, enchendo-se de enerxia e dispondo-se a soñar cada kilómetro que nos achegaba ao aeroporto onde el esperaba.
A miña sorpresa (e a del, e despois a de Pólis cando llo contamos) foi imensa cando atopamos a este rapaz, R., sentado na cafeteria xunto a unha maleta, e en canto se volve para darmo-nos as maos resulta ser un antigo aluno meu de COU, en Esparta, que marchara á Comarca a facer Belas Artes.
O mundo é un pañuelo, di R. sorrindo tras o impacto, e estendendo a mao. Ando pensando se será posível pedir ás autoridades do aeroporto a gravación das cámaras de seguridade: a cara que se nos puxo aos tres vai camiño de ser unha das iconas (!) do século XXI, segundo creo.

mércores, 9 de marzo de 2005

Sinónimos


En Ithaca. Desde hai pouco máis de unha hora.
Ás veces família e dor son sinónimos. E cando un pensa que voa, ou que non voa porque non quere, logo descobre que está atado con fios finísimos a persoas, a obxectos, a costumes.
Outros sinónimos de família son gaiola, prisión e lazo.

luns, 7 de marzo de 2005

Hic sunt leones

Ceamos nun chino, todos á volta dunha mesa redonda, todos señores de nós mesmos, e o primus inter pares aparenta ser un aborixe de Lavapiés, mozo de Luísa, resfriado e chulesco, cun sotaque nasal inzado de aspiracións, que sabe de todo e tenta vender-nos un combo de R; se el senta nas 12 e Luísa nas 11, nas 3 e a fuxir dunha boca de ar acondicionado senta Xoán, perdido sen a dona que ama e ten por senhor, que vai nunha cea de antigas alunas; nas 5 Vapin, eu nas 6, Constanza nas 8 e Cinderella nas 9.
Non ben sentamos, pedido o menu e á espera de que vaian chegando os pratos, corre a sangria en círculo e pronto todos nos convertemos en átomos, a asociarmo-nos e disociarmo-nos uns cos outros entre as gargalladas estridentes de Cinderella e as aparicións silenciosas, case servis, dos camareiros chineses.
Imposível saber de que falamos naquel remuíño ruidoso entre bandexas de arroz cantonés, roliños primavera, porco agridoce que devoramos como leóns: con certeza, do dobre cumpreanos da semana que vén e das vacacións canárias de Ti. Tamén sobre a Princesa de Astúrias, e alguén mencionou a Octavio Aceves, eminente astrólogo; eu, maliciosamente, preguntei se ese non é un tipo que falaba como un robot e que só dicia mentiras de Estado; riron todos menos Vapin, que remoeu, sen maldicer-me, e con quen acabei compartindo os lichis.
Todos bebemos muito, pero cando saímos á rua mollada, ao frio cortante da noite prometida, Cinderella e Constanzan comentan sorprendidas o muito que é capaz de beber Vapin sen que se lle chegue a notar.
El non oe porque vai diante, xunto a Lavapiés, Luísa e Xoán. Calo, pero quedo preocupado porque xa o notei durante a cea. Non é un bon síntoma de nada.
Separamo-nos diante de San Pedro. Eles van tomar unhas copas e eu para a cama: pola mañá, en canto acorde, a miña filla entrará no meu cuarto e aí non valerán desculpas.

Mudanza

Para sermos xustos, debo advertir que nada do que postei o Venres se cumpriu, e todo grazas á mudanza meteorolóxica: a neve bateuse en retirada, e Sábado, como estivera previsto antes de non o estar, collín coche e mochila e fun buscar á señorita Kaplan para logo irmos a Ithaca.
Toda a planificación sofreu idéntica mudanza: Ambece marchara o mesmo Venres para Delfos, suspendeuse a sesión cinematográfica, o cenáculo de divorciadas, as copas de véspera en Atenas, os días de confinamento e incomunicación.
O Sábado o país era despoxado do seu parcial manto branco por unha choiva persistente ao comezo, que logo minguou até desaparecer, de maneira que polas rúas de Ithaca, pola muralla, polos xardíns, pai e filla procuraron sen atopar o menor residuo da nevarada que os cobrira tan só unhas horas antes: Papá, onde teñen gardada a neve?, preguntaba a pequena, até que porfín atopamos un bloque ao pé do Reduto Cristina, diante do muro centenario, resto dun boneco de neve.
Triste, sucio de terra e herbiñas, abandonado e convertido en xeo.
Co paraugas desprendemos un pedazo, que a nena quixo levar para a casa, inutilmente, porque se desfixo moito antes. E aí terminou o experimento.
É evidente que moitos anos despois, fronte á muralla, a miña filla non ha de lembrar a tarde remota en que seu pai a levara a coñecer a neve; cómpre unha mellor ocasión para que suceda.

venres, 4 de marzo de 2005

Feed-back

Asi pois, o Martes Pólis e mais eu xantaremos en Atenas e a seguir iremos no meu coche ao aeroporto, onde antes de embarcaren el nos presentará.
Até daquela teño por diante catro dias, outro fin de semana que, haberá que i-lo asumindo, constituirá unha nova prisión contra a cal xa me rebelo: aceitarei a oferta de Ambece para irmos ao cine o Venres ao serao (contaron-me que agora as películas son sonoras e a cores, non sei que haberá de certo!), e logo tomar algo por aí.
Asumo asi o meu destino, ainda que sexa unha nocturnal exposure rodeado de divorciadas na trintena; só espero que non veña nengunha repunanta, e que non me confundan cun psicoanalista nen co ex marido dalgunha delas, como a última vez.
Despois da visita de Aurora e a abortada escapada londinense, non estou en disposición de ofrecer resisténcias numantinas.

Estas cousas pensei-nas pola tarde, camiño de ida e volta da Biblioteca, e logo sentado na miña habitual atalaia ateniense para ler o xornal; cheguei a ela con tanto frio que me atrevin a pedir un bourbon para me reanimar.
E acertei. Reactivaron-se-me a circulación, o ton anímico e as sinapses neuronais, e pronto digo para min que estou en condicións de afrontar un novo asalto.
Collo o móbil: con Ilu, que está fortemente acatarrada e cunha conxuntivite que a ten case cega; con Ambece, para confirmar-lle que iremos ao cine salvo que o tempo mellore, e que non hai notícia dos traslados; con Vapin, que non irei porque o tempo non mellora, e dou-lle pé a me facer unha descrición de Ithaca nevada, en que chega a empregar 'dantesco' para referir-se ás persoas que hoxe esvaraban nas ruas; e por último con Aurora, que me conta o ben que lle sentou a tempada en Madrid; neno, non che hai como viaxar para ver as cousas doutro xeito.

xoves, 3 de marzo de 2005

Cataventos

Esta noite, mentres dormia, mudou o vento, de maneira que o que onte repentinamente foi unha idea magnífica, esta mañá repentinamente se tornara unha cousa absurda e mui precipitada: viaxar a Londres, en pleno temporal de frio e neve, cando nen sei se este fin de semana a climatoloxia me permitirá recoller a miña filla e levá-la a Ithaca por estrada.
Ademais está Pólis, a quen apenas escoitei; ergo-me, pois receoso: a cuestión non é que el vaia a Londres senón a que ou, máis precisamente, con quen vai. Localizo-o co móbil mentres os dous imos a traballar, e confirma-me o que supoñia: que está a nevar en Ithaca, e que foi unha sorte non ter ainda cerrada a reserva do meu billete.
Apago o móbil ao tempo que pasa un camión de recollida do lixo; poño as luvas, sentindo como se excavasen un túnel baixo os meus pés.

Repentinamente

Nestas andábamos, vendo o acartonado talento de sir Lawrence e a enorme e deliciosa frescura dela polas salas e corredores da Embaixada de Carpátia, cando telefona Pólis pedindo-me favores de chauffeur: que marcha nuns dias a Londres, que se pode facer da miña casa fonda, que se o podo levar e traer co meu coche porque o del agoniza no taller, en fin, estas cousas. Falamos un bocadiño de asuntos insignificantes, e eu a todo que si que si, que por suposto, que como me preguntas iso, parece mentira; en fin, o socialmente indispensável, pero ademais, neste caso, é verdade.
Colgamos e, tras dar-lle, o play leva-me a un Londres recoñecível que, como por hipnose, fai retornar muitas cousas; asi é como empeza o tumulto.
Farto de esperar o milagre dos pans e os peixes dia tras dia aqui sentado, surxe unha idea que toma proporcións e solidez, de forma que en dous minutos son eu quen chama a Pólis; en cinco está todo falado e acordado; en meia hora estou buscando billetes de avión por internet; e en hora e meia preguntando-me como pode o mundo ser tan sorprendente, tan estraño ao mesmo tempo: unhas veces doce como agora, outras por contra...
Resumo agora a perspectiva, e antes dunha semana volverei percorrer o Mall, farei docking rente ao Támese e, cumprindo a estraña promesa, visitarei na National Gallery a exposición do Caravaggio.
Mañá terminarei esta película que hoxe comecei.

mércores, 2 de marzo de 2005

Circo

Vexo atónito como na televisión atopan graciosísima unha notícia terrível sucedida nun circo de Chile estes dias, e que ben parece tirada dunha mala película: un trapecista viola o pallaso do seu circo despois de emborrachá-lo.
Algunha blog irmá desde Chile recolle-a deste xeito:

Se le dio vuelta el paraguas y ensayó "Vuelo del Cóndor" sobre el tony Alcachofita
A la jaula trapecista que levantó carpa con payasito

Eu quixera saber duas cousas a respeito:
a) Seria tan simpática a notícia se fose ao revés, isto é, que o pallaso violase o trapecista?
b) E se en vez de todo isto houbese unha trapecista, e esta fose violada polo pallaso, pareceria igualmente divertido este caso?

martes, 1 de marzo de 2005

Dia adicado eminentemente a cousas domésticas, mui prosaicas. Pola mañá sesión oral con Mrs. Higgins, a logopeda; pola tarde, tras pasar o ferro e limpar a casa, horas contemplativas no salón a pensar na miña vida imediata: alguns comentários feitos por Aurora onte e antonte provocaron erupcións, proídos e rabuñaduras na pel e músculo cardíacos que continuan hoxe; principalmente durante a conversación posterior á cea, xa na madrugada do Domingo.
Sen dúvida, os dous concordamos na necesidade de compaña, e en que non é bo que o home estexa só, pero diverxemos nos prazos: por muito que até Frankenstein procurase compaña.