Páxinas

martes, 31 de agosto de 2004

Regreso

Non falo coa miña filla desde o Domingo pola mañá.
Con iso da praia e o descontrol dos horários de Verán ás veces é difícil localizá-la. Ademais, tamén me entristece cando a chamo e di que non se quere poñer, que está a xogar, ou cando me di ola papi, e a seguir me pasa a algunha das suas primas, que ao parecer sempre queren falar comigo.
Hoxe, que marcho para Atenas (24 horas antes do previsto), tentarei falar con ela de novo.

domingo, 29 de agosto de 2004

Agosto agoniza

Achega-se xa Setembro, o mes-luns, como lle chamo hai xa muitos anos. Onte cheguei de Atenas, e pola tarde tocou-lle a despedida a Tere Holmes, que marcha hoxe para Madrid. Recollin-a na sua casa e fomos tomar café ao Muíño: un vento bastante frio inquietou-nos na terraza, baixo un toldo branco que despois non nos defendeu do sol enfermo e picante.
Tere Holmes non está ben: mal da coluna, da que volverá operar-se en poucos dias, pero tamén mal de ánimo; isto aventuro-o eu, porque ela non parou de falar do ben que o pasou no instituto este curso pasado. Logo resultou que o seu xefe era un impresentável que andaba a escuitar detrás das portas, pero o que non quedou claro para min é se o impresentável era o deste último curso ou o do curso anterior, porque Tere Holmes saltaba deste a aquel sen cesar, e o único que concluin foi que que non hai nada como as franxas horárias (?), que ela se divertiu muitísimo, e que estivo metida en todos os fregaos e problemas posíveis: peleas entre alunas, trapicheos de droga nas aulas, controis de policia na porta do pátio, un profesor de Bioloxia que non podia dar clase porque pasaba a hora escondido baixo da mesa...
En definitiva, un aburrimento.
Cando íamos marchar, a bomba: Tere Holmes deu en lamentar-se de que levaba 10 anos de retraso, que a estas alturas xa teria que estar instalada con piso, gato e praza definitiva (isto dixo, e nesta orde de factores que non altera o producto, e o producto é que ela está desanimada, ainda que non o dixese en ningun momento, e que se balancea lentamente...)
Do Muíño á Aceña de Olga, á cervexaria de San Miguel, onde quedáramos con Vapin, que chegaba de Sanxenxo. A Tere Holmes apetecia-lle un gin tonic (eran as 7'30 do serán), pero ao final pediu tónica soa a suxeréncia miña, e continuou o pranto, frivolidades incluídas: conseguimos convencé-la de que non se depilase até chegar a Madrid (xa sei que soa surrealista contado aqui)para asi estarmos máis tempo xuntos, e seguimos dun tema a outro, esmagadoramente: como levo a miña separación, a pulpada en San Froilán, Valéncia (onde conta atopar praza este curso), internet, o matrimonio...
Daquela propuxen que Vapin e ela casen entre eles, unha contra o outro, para deste modo aforrarmos en regalos, e dixen que tiñan que apurar, que coa perda irremediável de 1 óvulo mensual, e con 40 anos que xa ten, havia que decidir-se xa; ela dixo que levava aforrando óvulos desde decembro; pola medicación, aclarou.
En fin, todo mui mui decadente, que diria Ambece.
Levamos a Tere Holmes á casa para que fixese as maletas e afrontase o dilema da depilación, e Vapin e eu, no meu coche, seguimos para o Kursal. Sentados nas tronas do mostrador, bebemos (creo) catro pintas de Guinnes por gañoto.

mércores, 25 de agosto de 2004

Onte, no Kursal

Pois si, onte no Kursal falamos de que a escapada con Nican e a irmá a Astúrias o pasado mércores foi unha cousa de tolos, ou de ociosos, e de que ainda estamos a sentir a fadiga tantos dias despois . E á fadiga tamén se sumou a viaxe del a Sanxenxo e a miña a Serenou.
Pero o certo é que ten ben pouco sentido facermos unha viaxe a Oviedo de un só dia; tantas horas e kilómetros para isto: visita á Catedral e ruas de arredor, cervexa na bonita praza porticada próxima ao mercado, compra de Carajitos del Profesor ali mesmo, sidra (eles, non eu) na Pumarega, onde logo xantaríamos (ainda que daquela non o soubésemos), café con xelo xunto ao Teatro Campoamor e, xa, ao macrocentro comercial Astur.
Ali, horas para ben pouco, dentro dunha imensidade absolutamente espectacular e mui kich, por suposto consumista e globalizadora.
De regreso paramos en Avilés, onde inesperadamente asistimos ás festas patronais de S. Agostiño e onde ceamos.
Cando me dei deitado eran as 2 da mañá.