Páxinas

luns, 24 de novembro de 2003

Afonia

Estou nunha cafetaria de Atenas, e son as 12 e meia dun dia soleado pero frio, mui parecido, climaticamente falando, a aqueloutro dia de hai xusto catro anos en que rompin a perna. Hoxe volvo estar de baixa: farinxite aguda, sentenzou o otorrino; nada importante, salvo porque non teño voz, pero as miñas ganas de viver daquela, renovadas pola saída do quirófano, a convicción plena de estar embarazada Lustres, a incertidume ilusionada das nosas vidas naquela altura (lembro a luz do sol, unha luz semellante á que hoxe enche todo, entrando polas xanelas mentres a camilla avanzaba polo corredor do quirófano, e eu pensando non pode isto acabar aqui, asi e agora, cando todo está por empezar), as miñas esperanzas e ilusións daquel dia que todos consideraron o do meu segundo nacemento, parecen-me hoxe mortas, ermas e sen sentido.

Eu mesmo estou tamén asi: ermo, non morto, pero si interiormente desabitado, sen ánimos o suficientemente afoutos como para loitar, polo menos loitar e tratar de facer fronte ao cadelo negro que ás veces me roe e me domina.
Asi foi o fin de semana, e a´si case cada dia.
Deixo pasar o tempo, que se vai sen deixar-me nada entre as mans.

mércores, 19 de novembro de 2003

Desfases

O Venres decatei-me de que a matéria prevista para o exame é muito menos da prevista (valga la repugnáncia), o cal é natural: desde meados de Setembro non fago outra cousa que explicar a evolución do latin vulgar; perdo-me continuamente en digresións, como se dispuxese de todo o tempo do mundo. Por fortuna, o adianto inverosímil da avaliación e a afonia permitiron-me xustificar perante os rapaces e perante min mesmo este retraso que, o antes posível, terei que corrixir.

Este fin de semana non me correspondia ver a nena, pero, co pretexto da afonia, tampouco fun a Ithaca, onde me aburro absolutamente.

Pasei o tempo a ver películas: Reflejos (un thriller defectuoso enxendrado con partículas d'O silencio dos cordeiros e Seven), Amenaza de tormenta (Churchill en vésperas da Segunda Guerra Mundial, que me gustou e vin duas veces, nunha delas mesmo lle concedin o honor de ve-la o Domingo en albornoz, tras o almorzo), Agente secreto (Hitchcock na época inglesa, bastante out), Stalingrado (a guerra vista polos alemáns).
Conecto-me frecuentemente a internet despois de xantar; durante a semana, en canto termina o capítulo de Friends que, unha vez máis, repoñen en Canal Plus. Onte, que por ser Sábado non habia, xantei diante do ordenador, rebuscando as páxinas consabidas e máis tarde chateando no lugar acostumado e co nick acostumado.
Fumo e bebo cervexa abundantemente. Tampouco como ben. Agóbia-me e entristece-me facer de comer.
Parte da miña tristeza medra precisamente desas cousas domésticas e absurdas: non dar enchido a lavadora ou o lavapratos, ou a bolsa do lixo, ou non poñer-me a facer de comer como é debido.

Farto de chat e de baixar cousas que arquivo en disquetes que logo nunca miro, vou para a cama co pretexto de ler un pouco e a certeza de que dormirei á segunda páxina do libro que leo de Onetti; e asi é, durmo ata as 9 da noite ou despois ainda, e acordo desorientado, con dor de cabeza, con vagas lembranzas de cousas que veño de soñar e que algunhas veces evocan Trápani e as persoas dali que xa non considero família miña.
Onte ao serán erguin-me asi, perdido e sen voz; no contestador automático, mensaxes da miña mai e de Ilu: chamei-nas e deron-me consellos domésticos para a afonia (gárgaras, zume de limón con mel e cousas polo estilo); novos ofrecementos maternos para viren a Atenas, e de Ilu para o que necesite. Estas cousas...
Ceo o alimento máis san dos últimos dias: unha crema de patacas e cenórias, e vexo Stalingrado, que me prestou o meu amigo hobbit, ao tempo que fago un crucigrama branco atrasado de El País. Sigo até que me vou deitar, tarde, porque sei que mañá non irei traballar, silencioso e desabitado.
E asi me erguin esta mañá: almorcei, avisei no instituto que non iria, duchei-me, ventin-me e fun ao médico, que me dá unha baixa de 5 dias, medicamentos vários e a recomendación de ir ao otorrino se non melloro.